O Ganapán adéntrase no outono con talleres de elaboración de torta de mazá e lasaña vexetal e de confección de ecopersonaxes outonais

24

O programa de lecer infantil do Mercado de Abastos ‘O Ganapán’ adentrarase de cheo no outono esta fin de semana cun programa de actividades no que se inclúen un taller de creación de Ecopersonaxes Outonais, aproveitando as follas e paus atopados na natureza, e outro no que os máis pequenos poderán elaborar unha receita clásica coa raíña outonal da sobremesa: unha deliciosa torta de mazá perfecta para os máis lambóns. Ámbolos dous obradoiros desenvolveranse o sábado 2 de outubro, están destinados a nenos e nenas de 4 a 10 anos e, como tódolos organizados dentro deste programa impulsado pola Concellería de Promoción Económica, realizarase en dúas sesións, ás 11:00 e ás 12:30 horas.


Tal e como sinala a edil responsable do departamento municipal, a socialista Yoya Blanco, “as actividades continuarán o domingo 3 de outubro cuns talleres tan entretidos e outonais como os do sábado (tamén en dúas sesións)”. “Dentro do Espazo Gastro -apuntou a concelleira de Promoción Económica- prepararase unha lasaña vexetal para chupar os dedos empregando as verduras e produtos locais e de tempada de primeira calidade que temos nos postos do Mercado. No que atinxe ao Espazo Crea, O Ganapán organizará un obradoiro de confección de caracois con elementos como castañas”.


Blanco lembra que, para poder participar nos talleres, será necesario reservar praza previamente a través do correo electrónico oganapan@gmail.com “ata as 16:00 horas do día anterior ao da celebración das actividades”. A edil do PSOE recomenda a tódolos rapaces que leven a súa friameira “para levar a casa as saborosas receitas que preparen no Mercado de Abastos”.