Mañá entra en funcionamento o renovado transporte urbano de Pontevedra

88

O concelleiro de Mobilidade, Demetrio Gómez explicou que o servizo é froito dun acordo histórico e singular entre a Xunta, o Concello e as dúas empresas concesionarias.

Entra en funcionamento mañá a partir das 07.15 horas e haberá liñas até as 22.30 horas.

Mañá a partir das 07.15 horas ponse en marcha o renovado transporte urbano de Pontevedra con dúas liñas que percorren os principais centros de “reclamo” da veciñanza como os centros sanitarios, administrativos, escolares, así como os barrios da cidade e, especialmente, a conexión co Hospital Montecelo. O concelleiro de Mobilidade, Demetrio Gómez recoñeceu esta mañá sentirse “orgulloso por poñer de acordo á Xunta e ao Concello, ademais das dúas empresas concesionarias: Monbus e Rías Baixas”, e que está logrando incrementar o número de usuarios dende que se anunciou a súa posta en marcha.

Demetrio Gómez quixo agradecer o traballo realizado anos antes por outras persoas que tamén traballaron para acadar este acordo como o ex concelleiro Xosé Lois Veiga Lage; agradecemento que tamén fixo extensible aos técnicos municipais e da Xunta “porque fixeron un traballo excelente de colaboración para que mañá poidamos estrear estas dúas liñas de transporte”.

As características do renovado transporte urbano

O renovado transporte urbano de Pontevedra consiste en dúas liñas que percorren o casco urbano dende o barrio de Monte Porreiro até Rosalía de Castro, e de Montecelo a Beiramar. As saídas son cada 15 minutos dende o barrio de Monte Porreiro, onde o Concello fixo un reparto dun tríptico informativo que recolle toda a información: liñas, paradas, horarios, custe dos billetes…

A Concellaría de Mobilidade imprimiu 5.000 exemplares deste díptico que foi repartido nas caixas de correo de todo o barrio e arredores, pero tamén se pode obter na Casa Consistorial (Oficina de Turismo), así como nos autobuses que percorren estas rutas.

Ademais, o Concello comezou a pintar as novas paradas nos distintos percorridos. Foi un traballo que se iniciou esta semana para evitar a confusión dos usuarios que aínda empregaban o transporte coas antigas liñas. Este pintado rematará ao longo da fin de semana.

Na vindeira semana está previsto a colocación da nova sinalización e rotulación das marquesiñas da cidade, así como dos 50 fitos das paradas que se realizarán nos percorridos pero que non dispoñen de marquesiña.

Unha última actuación será a colocación da información na parada do transporte urbano na praza de Galicia.