O Concello agardará 15 días a abrir o estacionamento de Mollavao para garantir a compactación do terreo

139

Demetrio Gómez visitou esta mañá os traballos practicamente rematados, acompañado dos concelleiros Eva Vilaverde e Xaquín Moreda.

A reforma, consensuada con Costas, permitirá que “os veciños e veciñas teñan un servizo mellor do que tiñan até o de agora”.

O Concello de Pontevedra está a piques de rematar os traballos de acondicionamento da parcela de estacionamento de Mollavao, tal e como puido comprobar esta mañá o concelleiro de Obras, Demetrio Gómez, nunha visita que fixo ao lugar acompañado dos concelleiros Eva Vilaverde e Xaquín Moreda, responsables de Sostemento de espazos públicos e Urbanismo, respectivamente. Unha vez rematado o tratamento do firme, a parcela deberá permanecer pechada entre 10 e 15 días para que a compactación sexa a acaída e se obteñan os resultados que se buscan: a súa conservación a longo prazo.

O concelleiro explicou que “hoxe é un día importante porque remataron os traballos da empresa neste aparcamento de Mollavao para que todos os veciños e veciñas teñan un servizo mellor do que tiñan até o de agora”. A obra tivo un custe de 47.851,53 euros e foi realizada pola construtora E.C.Casas.

A climatoloxía marcará o tempo que deberá estar pechado de aquí en diante, pero o concelleiro estima entre 10 ou 15 días, e “precisamos a colaboración de todos e de todas para que a obra quede ben e aproveitemos até o último céntimo os fondos públicos”.

Demetrio Gómez destacou que esta foi unha obra complexa tanto pola súa execución como pola necesidade de ter que poñer de acordo dúas administracións como son o Concello e Costas “que ten uns ritmos diferentes dos que pode ter un concello, e dos que teñen os veciños”.

Tamén lembrou que nesta parcela está proxectado un by-pass que unirá a avenida de Marín e Rosalía de Castro. O proxecto está pendente de aprobación por parte de Costas que ten en carteira resolver unha alegación do Colexio de Arquitectos.

Mentres, o Concello segue traballando na redacción do proxecto de reforma da rúa Rosalía de Castro, que está a piques de rematar e que deberá esperar para executarse até que non se constrúa a nova vía de conexión.