Deportes e Desenvolvemento Sostible iniciarán a finais de ano as obras para ampliar a rede de campos de petanca do concello con nove pistas

106
  • As novas zonas de xogo estarán emprazadas en Monte Porreiro (2), A Ballota-Ponte Sampaio, Verducido, Salcedo, Cons-Mourente, rúa dos Soutos-Pontevedra Leste, Marcón e Estribela
  • Os traballos, que incluirán a subministración de xogos tradicionais de chave, serán executados cun orzamento de máis de 130.000 euros e incluirán a instalación de mobiliario e iluminación

A paixón pola petanca non para de medrar no noso concello e, en paralelo, tamén o está a facer a rede de parques con zonas de xogo en barrios e parroquias de Pontevedra. Despois de estrear a finais de agosto dúas novas áreas de xogo no barrio do Burgo (na traseira do Pavillón Municipal dos Deportes), o traballo conxunto das concellerías de Deportes e de Desenvolvemento Sostible, que dirixen os socialistas Tino Fernández e Iván Puentes, fará posible incrementar dun xeito moi substancial a oferta deste tipo de instalacións no municipio para o comezo de 2022, pasando das 17 actuais a 26.

As novas pistas estarán emprazadas no contorno da igrexa de Monte Porreiro (2), en Pontevedra Leste (na rúa dos Soutos, barrio da Parda), Mourente (Cons), Ponte Sampaio (A Ballota), Verducido (inmediacións da igrexa), Estribela (do lado do parque infantil de Marqués de Valterra) e Marcón (na zona do campo da festa). Segundo explica o tenente de alcalde, Tino Fernández, toda vez que o Servizo de Parques e Xardíns xa finiquitou o deseño de tódolos proxectos, “este conxunto de áreas de xogo, que suporá un investimento global de máis de 130.000 euros (coa incorporación de diversas melloras), sacarase a licitación nas vindeiras semanas, dispoñendo dun prazo de dous meses para completar o procedemento de adxudicación, polo que as obras poderían estar xa en marcha cara finais de ano”. “O noso obxectivo -subliña Fernández- é desenvolver todo un sistema de campos de petanca nos barrios e parroquias do rural que proporcionen unha oferta acorde co nivel desta actividade deportiva no concello”.

Asemade, tal e como sinala o concelleiro de Deportes, estas actuacións, que contemplan a optimización dos parques e zonas verdes coa dotación de mobiliario, iluminación, céspede e novas plantacións, permitirán “xerar espazos de socialización comunitaria, ao crear lugares de encontro e realización de actividades de lecer e deportivas, e incrementar o valor paisaxístico, a capacidade de acollida e confort destes espazos”. 

Un estímulo para a creación de novos equipos

Ás portas do inicio da Liga de Petanca 2021-2022, o presidente da Asociación de Petanqueiros de Pontevedra, José Gallego, recibe con ledicia o anuncio da creación dos novos campos, xa que “a familia dos petanqueiros non para de crecer” e estas nove pistas traduciranse en “máis deporte, máis compañeirismo e, por suposto, na creación de novos equipos”. “O sábado 9 de outubro comeza a Liga con tres escuadras novas. Agardemos que para a vindeira campaña, cando comece sexamos moitos máis. Temos que darlle as grazas ao Concello e, en especial, aos concelleiros Tino Fernández e Iván Puentes”, afirma Gallego.

Os proxectos contemplan a subministración de xogos tradicionais de chave e o acondicionamento dos parques con terrizo de 10 centímetros de espesor realizado con xabre granítico (cribado sobre a explanada afirmada previamente, estendida e rasanteada con motoniveladora). Asemade, incorporarase unha capa separadora anticontaminante de xeotéxtil de 200 g/m2, e tamén se proxecta a creación de sendas no perímetro das pistas, coa finalidade de mellorar a comunicación co contorno e de facilitar a accesibilidade a estes espazos mediante camiños de acceso adaptados (en particular a conexión cara lugares de referencia socio comunitaria dos barrios e parroquias). Os bordos exteriores dos camiños que contornan as pistas de petanca serán franxas de céspede ata os límites das parcelas.

O concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes, apunta que o mobiliario dos espazos verdes “cumprirá coas axeitadas especificacións desde o punto de vista da funcionalidade, accesibilidade e confort para os usuarios, así como do da integración paisaxística co seu contorno”. O edil socialista avanza que as obras contemplan a incorporación de varias zonas de banco corrido con pés de aceiro galvanizado e de banco circular, todos eles realizados en obra e con asento de madeira”. “Tamén se propón a instalación dun conxunto de mesa adaptada e banco en cada unha das zonas nas que se crearán as pistas, co obxectivo de facilitar a anotación do tanteo”, indica Puentes.

En función das necesidades de cada área, construiranse muros de pedra do país (colocada a man en seco ou tomada en morteiro de cemento) para delimitar os parques ou integrar as actuacións na topografía do terreo (contención), así como para protexer o espazo dos vehículos que poidan estacionar nas proximidades de cada zona de estancia. Cando resulte necesario, executarase unha obra de peche mediante malla metálica de simple torsión galvanizada rematada en verde e postes de tubo de diámetro 48 mm de aceiro galvanizado dispostos cada dous metros e recibidos con formigón. Námbolos casos empregaranse materiais tradicionais ou que se integren perfectamente na paisaxe.

Iván Puentes precisa que os céspedes estarán formados por unha mestura de especies axeitada ás características específicas de cada zona (sombra, sol, uso, redución de consumo de auga…) “e a plantación de árbores, especies arbustivas e de tempada será a acaída ás condicións particulares da cada espazo”. “Por suposto, dotaremos cada campo de petanca dunha rede de iluminación que permita a práctica deportiva a tódalas horas do día, especialmente durante o outono e o inverno”, avanza o concelleiro do PSOE.

As intervencións tamén contemplan a instalación de sistemas de rego automatizado mediante o soterrado de tubarías, con rega por goteo, aspersión e difusión, entre estacións reguladas por cadansúa electroválvula e un programador central.

Pontevedra conta nestes momentos con 17 pistas preparadas para acoller xogos de petanca e chave en Monte Porreiro (2), Mourente (2), Santa María de Xeve (2), San Andrés de Xeve (1), Verducido (1), Salcedo (1),  Bora (2), Centro Sur (2), os xardíns da Deputación (2) e O Burgo (2).