O Congreso Atlántico de Márketing Dixital Flúor regresa a Pontevedra de xeito presencial con 25 relatores e emisión en directo vía streaming

74
  • O evento, organizado polo Clúster de Comunicación de Galicia co patrocinio principal da Concellería de Promoción Económica, terá lugar os días 7 e 8 de outubro na sede de Afundación
  • Celebraranse 15 conferencias, dúas mesas redondas e catro talleres prácticos e participarán firmas como Google, TikTok, Prestashop, Coca-Cola, Movistar+ ou Palladium Hoteles

O 3º Congreso Atlántico de Márketing Dixital Flúor, organizado polo Clúster de Comunicación de Galicia co patrocinio principal da Concellería de Promoción Económica e Turismo, regresará a Pontevedra esta semana de xeito presencial, será emitido en directo vía streaming e reunirá a máis de 25 relatores de primeiro nivel de España e Portugal. O evento, o maior sobre márketing dixital do noroeste da península, terá lugar o xoves 7 e o venres 8 de outubro na sede de Afundación, en dúas xornadas de intensa actividade, nas que ofrecerá 15 conferencias, dúas mesas redondas e catro talleres prácticos impartidos por especialistas en negocio dixital, publicidade dixital, branding e social media, entre os que figuran directivos de Google, TikTok, Prestashop, Coca-Cola Europacific Partners, Movistar+ ou Palladium Hoteles, así como axencias especializadas e destacados influencers.

Entre os relatores do Congreso Flúor pódense salientar os nomes de Carolina Fernández, account strategy lead e google shopping en Google; Teba Lorenzo, brand partnerships lead en TikTok España; Gaspar d’Orey CEO de DOTT (a maior plataforma de comercio electrónico de Portugal); Charo Orellana, directora asociada de Comunicación para España e Portugal en Coca-Cola Europacific Partners; Jorge González Marcos, country manager en Prestashop; Daniel Solana, fundador de DoubleYou; José C. Cortizo, autor de PsychoGrowth, CMO e partner en Product Hackers; Mercedes Blánquez, xerente de desenvolvemento de Negocio, Márketing e Capacidades de Publicidade en Movistar+ TV; Iñaki Bau, corporate brand strategy sr. director en Palladium Hotel Group, e Concha Wert, directora xeral do Club de Creativos.

Tal e como avanza a concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, “as mesas redondas abordarán temáticas vencelladas a sectores en profundo cambio dixital: a primeira será sobre ‘A transformación da televisión e o audiovisual online’, moderada por Álvaro Brandau, director de Desenvolvemento Estratéxico de Avante Evolumedia e onde intervirán firmas como Movistar+ TV, RTVG e Sunmedia (a maior empresa española de publicidade en vídeo e mobile, con máis de 300 empregados e máis de 75 millóns de euros facturados en 2016); e a outra tratará sobre o ‘Márketing Turístico’, será moderada por José Delgado, da axencia Roi Scroll, e contará coa participación de Iñaki Bau, do Palladium Hotel Group (sétimo grupo español por facturación), Alberto Rodríguez Boo, director de Alda Hotels (cadea galega en rápida expansión, con 50 aloxamentos), e Ramón Brañas, CEO e director xeral de Oca Hoteles (con preto de 30 establecementos en España e en pleno crecemento en Portugal e Brasil)”.

En paralelo ás conferencias e mesas redondas, celebraranse catro talleres prácticos sobre temáticas especializadas:

  • ‘Estratexias para automatizar a xeración de leads en Linkedin sen que ninguén saiba que estás automatizado’, impartido por Javier Consuegra, CEO de SalesPlanet (o xoves 7 ás 16:00 horas).
  • ‘Publicidade dixital nativa: escala o teu negocio máis aló de Facebook e Google’, impartido por María Campos, responsable de Medios en BySidecar (xoves 7 de outubro ás 17:30 horas).
  • ‘Un mundo sin cookies. Mundo ‘Post Cookie’, como afecta ao márketing dixital e ás campañas cross media’, no que Sergio Martín, country manager Spain & France de Adform, e José Rodríguez, online márketing director de Avante Evolumedia, analizarán as opcións que as súas firmas puxeron en marcha para seguir facendo campañas de retargeting e cross channel (venres 8 de outubro ás 10:00 horas).
  • ‘A comunicación como ferramenta clave na dirección de proxectos’, impartido por Aitor Santos, cofundador da axencia Wired&Linked (venres 8 de outubro ás 11:45 horas).

Yoya Blanco lembra que Pontevedra “acolle o Congreso Flúor desde o seu inicio en 2019, apoiando, xunto coa Deputación, unha iniciativa dun Clúster que une a toda a cadea de valor da comunicación de Galicia: profesionais do márketing, a comunicación, deseñadores, creativos, axencias de publicidade, de medios, márketing dixital, impresores…”. “Un comité técnico integrado por máis de 30 profesionais e empresas do sector -salientou a edil socialista- colaborou durante todo o ano para volver celebrar este evento de xeito presencial no Auditorio de Afundación en Pontevedra, polo que representa un proxecto colectivo de todo o sector galego da comunicación. Está aberto a tódolos profesionais, directivos, empresarios e persoas interesadas no negocio online e a transformación dixital da empresa e a súa emisión dixital en directo poderá seguirse na web www.congresofluor.com (onde tamén pode consultarse o programa completo e toda a información sobre o evento)”.

As entradas para o 3º Congreso Flúor poden adquirirse na devandita páxina web, sendo o prezo das entradas presenciais de 25 euros para un día e de 45 para os dous; 20 euros para os estudantes, e 10 euros para seguir a emisión en streaming.

O equipo organizador do simposio está conformado por Alberto Garnil (de Iconweb), director do Congreso; Xosé Luis Reza, presidente do Clúster da Comunicación de Galicia; Mary Carmen García, xerente do Clúster, e Miguel Ángel Souto (de Cimak), director comercial e de comunicación do Congreso.