A Liga Concello de Pontevedra de Petanca 2021-2022 ponse en marcha o sábado 9 de outubro coa participación de 14 equipos

39
  • A competición, que incorpora ás escadras do CP Areales, SCD Marcón e CP O Burgo, desenvolverase até o 4 de xuño, con equipos conformados por un máximo de 12 xogadores/as
  • Tino Fernández salienta que “a Liga de Petanca pasou de 9 a 14 clubs en tan só tres anos, o que pon de manifesto a paixón que desperta este deporte na cidade e o seu incesante crecemento” 

A elite da petanca pontevedresa prepárase para regresar á competición co inicio da Liga Concello de Pontevedra 2021-2022, que se porá en marcha o vindeiro sábado 9 de outubro coa participación de 14 equipos, dous máis dos que se inscribiron na edición anterior. O evento, que incorpora ás escadras do CP Areales, SCD Marcón e CP O Burgo (a de Santa María causou baixa ao fusionarse con O Pote), desenvolverase na rede municipal de 17 pistas de petanca até o 4 de xuño, con equipos conformados por un máximo de 12 xogadores/as.

Ademais dos novos clubs citados, tomarán parte nesta emocionante competición (cun formato de puntuación idéntico ao do fútbol, con tres puntos por vitoria global e un por empate) O Mirador de Monte Porreiro, Amigos de Campolongo, Santo André de Xeve, Centro Social Pontevedra, O Pote e O Carballo de Mourente, O Salgueiral de Bora, Verducido, Salcedo Norte, San Martiño de Salcedo e Petanca Marín. A Liga de Petanca foi presentada esta mañá na Sala de Prensa do Teatro Principal nun acto no que participaron o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández; o presidente da Asociación de Petanqueiros de Pontevedra, José Gallego; o seu secretario, Ángel Mario Lago, e os seus delegados José Manuel Dopazo e Bernardo Dios.

Tino Fernández salientou o feito de que a Liga pasara “de 9 a 14 equipos en tan só tres anos, o que pon de manifesto a paixón que desperta este deporte no noso concello e noutros limítrofes e o seu exponencial e imparable crecemento en xogadores e afección”. “Un desenvolvemento que vai en paralelo ao constante incremento da rede de parques dotados de parques de xogo en barrios e parroquias por parte do Concello e que se traducirá na creación de nove novas pistas de petanca entre finais deste ano e principios de 2022, pasándose das 17 actuais a 26, o que agardamos que se reflicta tamén na aparición de novos equipos”.

O tenente de alcalde destacou o labor da Asociación de Petanqueiros no impulso dun deporte “con futuro, que non ten idade para practicarse (a Federación só prohibe practicalo a partir dos 105 anos), que permite socializar e facer exercicio físico ao aire libre e que ademais fomenta a educación en valores, xa que tódolos xogadores e técnicos deben vixiar que prevaleza o xogo limpo durante toda a competición”. “Isto conleva algo máis que cumprir as normas do xogo -explicou o edil do PSOE-, considerando esenciais os conceptos de amizade e respecto ao adversario, e tamén a ética deportiva. O emprego de palabras, frases, xestos, accións ou actitudes en contra doutros xogadores, o árbitro, técnicos ou público, que resulten intolerantes, racistas ou xenófobos, conlevarán a amonestación do árbitro e a reiteración da infracción poderá traducirse na expulsión do partido en xogo e de posteriores partidos, segundo a gravidade da mesma”.

Unha progresión estratosférica

O secretario da Asociación de Petanqueiros de Pontevedra amosouse orgulloso de que este deporte “comezara aquí practicamente con só tres equipos e tivese nestes anos unha progresión estratosférica, aumentando non só o número de equipos, senón tamén o de xogadores que o practican, ao completar plantel algúns clubs que estaban un pouco mermados de efectivos para xogar”. Ángel Mario Lago avanzou que xa teñen en marcha xestións “para que isto continúe a incrementarse e, sen dúbida, o apoio do Concello coa construción de novas pistas, vainos posibilitar a creación de novos equipos”. 

O regulamento da competición establece que tódalas entidades deberán presentar dous equipos que se denominarán equipo A e equipo B e que estarán formados por tres xogadores e dous suplentes que poderán xogar só na escadra na que se inscribiran. Os partidos xogaranse os sábados, a primeira volta ás 17:00 horas e a segunda ás 18:00 horas, sendo opcional baixo mutuo acordo dámbolos equipos que se disputen en días anteriores da mesma semana. Entregaranse trofeos aos tres primeiros equipos clasificados.

No acto desta mañá tamén se presentou o calendario de trofeos que se celebrarán en 2022, entre os que se inclúen o Trofeo San Blas, organizado por Salcedo Norte (5 de febreiro); o Trofeo San Xosé, organizado por Amigos de Campolongo (19 de marzo); o Trofeo Deputación, organizado polo Centro Social (11 de xuño), e o Trofeo San Bieito, organizado por O Mirador de Monte Porreiro (11 de xullo).