Pontevedra acolle un centenar de colonias felinas que suman máis de 800 gatos silvestres e que son coidadas e alimentadas por 53 voluntari@s

353
  • A Concellería de Benestar Animal presenta o primeiro censo municipal de colonias felinas, no que se recolle a ubicación exacta e o número de exemplares de cada unha delas
  • O ‘padrón felino’ tamén permite identificar ás persoas concretas que se encargan do seu coidado, de xeito que se lles poida dotar de carnés identificativos, cumprindo coa normativa autonómica

O tenente de alcalde, Tino Fernández, e o concelleiro de Benestar Animal, Marcos Rey, presentaron esta mañá no Teatro Principal, o censo municipal das colonias felinas existentes no concello e cuxa alimentación e control están xestionados en colaboración coas asociacións Difusión Felina e Huellas Felinas, así como coa axuda de veciños voluntarios. En base aos datos recollidos neste ‘padrón gatuno’, ao que o departamento que dirixe Rey destinou unha achega de 2.500 euros, Pontevedra acolle nestes momentos un total de 103 colonias felinas compostas por 811 gatos silvestres, que son alimentadas, coidadas e vixiadas grazas á implicación de 53 voluntarios e voluntarias.

Á marxe de dispoñer por primeira vez dunha fotografía real do número de animais e da ubicación das colonias en todo o concello, identificar ás persoas concretas que se encargan da súa xestión no que atinxe á manutención e coidado do estado de saúde dos felinos era precisamente un dos obxectivos principais da elaboración deste censo. Non obstante, a identificación dos responsables das colonias resultaba imprescindible por imperativo legal, xa que a normativa autonómica de Protección e Benestar dos Animais de Compañía prohibe expresamente a alimentación de animais abandonados vagabundos ou extraviados nas vías públicas sen contar coa correspondente autorización municipal, agás en situacións que poidan comprometer o benestar dos animais (en casos excepcionais).

Tal e como explica Tino Fernández, “a partir deste censo poderemos agora entregar os correspondentes permisos, deseñando uns carnés identificativos cuns códigos QR para que a Policía poida identificar facilmente aos voluntarios de cada colonia concreta”. Así mesmo, segundo subliña Marcos Rey, o novo rexistro municipal, “que non sería posible sen a implicación dos colectivos que levan anos traballando no coidado de gatos salvaxes de colonia, gatos domésticos abandonados, gatos que caen das ventás, atropelados ou feridos pola absoluta falta de humanidade dalgúns individuos”, será un instrumento esencial para coñecer “a evolución do estado de saúde de cada colonia, saber cales precisan dun maior control ou intervención, aplicar cunha eficacia moito maior o plan CES (Captura, Esterilización e Solta) do Concello e simplificar o labor de control dos técnicos municipais”. “Todo estará moito máis planificado e haberá unha verdadeira coordinación entre os colectivos e os nosos técnicos”, sinalou o edil socialista.

Durante a rolda de prensa, na que participaron María José Vidueira, presidenta do colectivo Huellas Felinas, e Estela Molero, unha das responsables da asociación Difusión Felina, o tenente de alcalde subliñou a importancia deste mapa de colonias ‘gatunas’, que permitirá seguir avanzando nas políticas de benestar animal implementadas por un Concello que defende “que os animais teñan a mellor calidade de vida posible”. Ao seu xeito de entender, “coidar dos nosos animais é unha mostra de humanidade, de que avanzamos como sociedade e de que respectamos aos demais, e traballar nese eido é unha cousa que nos debe diferenciar”.

Unha ferramenta para traballar de xeito coordinado

Marcos Rey asegurou que, grazas a este mapa, o Concello dispón por primeira vez “dun censo que permite coñecer a situación real dos gatos que temos abandonados nas nosas rúas”, dispoñendo “dunha ferramenta coa que podemos traballar todos de xeito coordinado para poder mellorar a calidade de vida destes animais”. “Queremos traballar da man, dispoñer dun protocolo conxunto de actuación e ver como podemos ter as colonias baixo control. Xa mantivemos un encontro con tódalas asociacións e imos manter reunións cos técnicos municipais e a Policía Local para estar ben coordinados. Estamos poñendo as bases”, apuntou o edil socialista.

En opinión da representante de Difusión Felina, este censo “está moi ben para comezar”, pero é un primeiro paso para poder xestionar a situación das colonias, “que non consiste só no plan CES, coller, esterilizar e soltar, senón tamén unha serie de atencións, cando caen enfermos por exemplo, que nós xestionamos”. Para Estela Molero, “se queremos poñer eses carteliños de colonia felina controlada, é necesario activar un protocolo para poder te-los gatos en boas condicións, non só castrados”.

“O crecemento das colonias vai á velocidade da luz. A maioría das camadas son de seis bebés -indicou- e eses seis bebés entran en ‘celo’ aos seis meses. Se non se collen a tempo, cruzaranse e iso converterase en algo imparable. Na cidade hai moitas colonias, pero as parroquias dos arredores aínda máis: San Andrés de Xeve, Campañó, Lourizán, Marcón, Estribela, que está a tope…”.

Neste mesmo sentido, a presidenta de Huellas Felinas apuntou que “aínda que na cidade e en Monte Porreiro a situación está bastante controlada, nas zonas rurais é horrible, non hai xeito de controlalas”. María José Vidueira agarda que as canles de colaboración se amplíen, facendo que as persoas que se encargan do coidado das colonias dispoñan de máis cobertura económica no que atinxe en gastos para veterinarios, desparasitación ou penso.

Máis de 16.000 euros e 150 esterilizacións neste 2021

Marcos Rey lembrou que a Concellería de Benestar Social destinou este ano máis de 16.000 euros ao desenvolvemento do plan CES (que permitiu realizar máis de 150 esterilizacións no que vai de 2021) e á elaboración deste censo felino e avanzou a súa intención de tentar mellorar aínda máis a colaboración municipal de cara ao vindeiro ano. 

Estela Molero admitiu que os colectivos están “bastante agobiados” cos cada vez máis frecuentes envelenamentos, casos de maltrato, abandonos e mesmo agresións con escopetas de balíns que están a padecer os animais, polo que incidiu na necesidade de que existan campañas de “concienciación de cara á poboación” e de que “realmente se impoñan multas”. Segundo afirmou, “isto non pode seguir así”, xa que “os gatos tamén son un beneficio e, se están ben coidados, libres de enfermidades, desparasitados e castrados, pode haber unha convivencia perfecta e non hai por que maltratalos ou envelenalos”. “Estes comportamentos hai que perseguilos”, sinalou a voceira de Difusión Felina.