A festa do ciclocross continúa esta fin de semana na Illa das Esculturas coa celebración do Gran Premio Cidade de Pontevedra

170
  • A proba inaugural da Copa de España 2021 contará con medio milleiro de corredores de sete países, con nomes como Felipe Ort, David Van der Poel, Lucía González e Laura Verdonschot
  • As competicións de categorías internacionais Júnior, Elite e Sub 23 celebraranse durante a mañá e as nacionais Cadete e Máster pola tarde. Desenvolveranse nun circuíto de 3.200 metros

O deporte da bicicleta atravesa un momento doce e a nosa cidade está a converterse, tamén, en referente como sede de importantes eventos. Tralo espectáculo vivido a pasada fin de semana no Hipódromo de Campañó coa celebración do V Trofeo Concello de Pontevedra (incluído dentro da Copa Galega da disciplina), a festa do ciclocross continuará este sábado 9 de outubro na Illa das Esculturas coa proba inaugural da Copa de España 2021: o Gran Premio Cidade de Pontevedra, un evento de carácter internacional C1 (o primeiro deste nivel  que se desenvolve este ano en todo o territorio nacional) no que participarán máis de medio milleiro de corredores procedentes de sete países diferentes, desde Holanda e Bélxica ata Portugal ou a República Checa.

A competición, organizada pola Federación Galega de Ciclismo grazas á colaboración da Concellería de Deportes e a Deputación Provincial, contará con nomes tan destacados como o de Felipe Ort, actual campión de España de Ciclocross Elite; David Van der Poel, ciclista neerlandés membro do equipo Alpecin-Fenix; Lucía González, actual campioa de España de Ciclocross Elite, e a famosa ciclista belga Laura Verdonschot. Entre as figuras de renome que participarán no evento tamén estarán a asturiana Aida Nuño, a ciclista máis laureada da historia do ciclocross feminino español, e os galegos María Filgueiras, corredora cadete do Meruelo; Laura Mira, ciclista xuvenil do Froiz, e Miguel Rodríguez Novoa, deportista sub 23 do Froiz.

O Cidade de Pontevedra foi presentado esta mañá na Sala de Prensa do Teatro Principal nun acto no que tomaron parte o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández; o deputado provincial Manuel González; o presidente da Federación Galega de Ciclismo, Juan Carlos Muñiz; o xefe do Servizo Provincial de Deportes da Xunta, Daniel Benavides; o director da carreira, Alberto del Río, e a ciclista local Irene Trabazo, campioa de Galicia e madriña da proba. Segundo explicou Fernández, os adestramentos e competicións de categorías internacionais Júnior, Elite e Sub 23 celebraranse pola mañá, entre as 9:00 e as 13:45 horas, mentres que os das nacionais Cadete e Máster 30/40/50/60 terán lugar pola tarde, entre as 15:00 e as 18:00 horas (con entregas de premios ao final de cada proba).

As carreiras desenvolveranse nun circuíto de 3.200 metros, rápido e vistoso, composto por un 65% de prado, un 25% de terra e un 10% de asfalto, dotado de dúas zonas de obstáculos artificiais, unha escaleira e un paso con tablóns. Como vén acontecendo con tódolos grandes eventos deportivos que está a acoller a nosa cidade, este Gran Premio contará cuns estritos protocolos anti Covid: tódolos ciclistas participantes terán que presentar un test negativo realizado entre 24 e 72 horas antes do evento e o uso de mascarilla (debidamente colocada) será obrigatorio para público, técnicos e deportistas que non estean na súa manga de competición.

Un chanzo esencial para optar a campionatos de Europa e do Mundo

Alberto del Río subliñou que, trala acollida de competicións cada vez máis relevantes nestes últimos tres anos, a organización desta proba internacional C1 da Copa de España en Pontevedra supón “un chanzo moi importante, anterior a poder optar a unha Copa do Mundo, un Campionato de Europa ou un Campionato do Mundo”. Segundo aclarou o director da carreira, “en España só contamos nesta tempada con tres probas deste tipo de categoría, que son as que dan puntos para os ránkings que se teñen en consideración para a Copa do Mundo” e que, polo tanto, atraen aos ciclistas estranxeiros, que se moven moito por Europa buscándoas. 

Neste sentido, Juan Carlos Muñiz anunciou a intención da Federación de presentar a candidatura da cidade para acoller o ansiado Campionato de Europa de Ciclocross de 2023-2024 e incidiu en que este Gran Premio Cidade de Pontevedra “é unha C1 importantísima, previa ao inicio da Copa do Mundo en Waterloo (EE UU) a seguinte fin de semana, e moitos corredores se van achegar aquí a sumar puntos para ter ‘grella’, ter ránking, nesa saída”. “Despois do que vin noutras probas internacionais, xa que tamén estiven en varios campionatos do Mundo -asegurou Muñiz- podo dicir que Pontevedra é un lugar idílico e a Illa das Esculturas un terreo de xogo para facer todo o que queiramos: unha Copa do Mundo, un Campionato de Europa ou un Campionato do Mundo”.

Tino Fernández salientou a “contrastada capacidade de organización e xestión de Pontevedra neste tipo de eventos de alto nivel”, que traen a centos de deportistas e acompañantes á nosa cidade e que favorecen a actividade económica dos sectores hoteleiro, hostaleiro e comercial. Asemade, o tenente de alcalde subliñou que “para que haxa Campións nunha disciplina é necesario que haxa antes unha base, unha masa crítica da que poidan saír, e traer competicións de alto nivel é un xeito de potenciar que un deporte se vaia asentando na cidade”. “As bicicletas, aquí en Pontevedra, son case unha relixión. Somos unha cidade que pouco a pouco, nos últimos anos, nos fomos vencellando co mundo da bicicleta, para pasear, para desprazarnos e para facer deporte, e nesa liña, a Concellería de Deportes comezou tamén a traballar con probas como a 4 Picos, que é unha carreira de referencia no calendario nacional e mesmo internacional”, apuntou o edil do PSOE.

Fernández matizou que o Concello organiza eventos “pensando sempre en xerar actividade de cara ao futuro”, polo que “cando nos decidimos a entrar no mundo do ciclocross e a bicicleta, fixémolo coa idea e a esperanza de poder acadar algunha proba de carácter internacional e, para iso, tivemos que ir subindo chanzos”. “Queremos convencer á Federación Internacional, porque coido que a Española e a Galega xa están bastante convencidas, de que Pontevedra é capaz de organizar probas de moitísimo nivel. Non nos poñemos límites. Temos un circuíto dos que hai poucos en Europa tan bonitos como o da Illa das Esculturas”, aseverou o concelleiro de Deportes.

Para Manuel González, “este tipo de eventos deportivos axudan a poñer a cidade e a provincia no mapa a nivel internacional e permiten unha promoción turística exterior”, neste caso a través de participantes de sete nacionalidades distintas. O deputado provincial está convencido de que, cos ingredientes que ten esta proba da Copa de España de Ciclocross que se vai celebrar en Pontevedra, “se a ven fóra, entón o Campionato de Europa está garantido, xa non pensarán nin en levar a outro lado”.

Pola súa banda, Daniel Benavides resaltou “a importante faceta de dinamización económica vencellada a este evento, que pode servir para darlle un pulo ao ciclismo galego e para que os rapaces que teñan a posibilidade de achegarse ata a Illa das Esculturas a desfrutar desas figuras do deporte vexan que hai unha disciplina na que eles tamén teñen a porta aberta para iniciarse e de competir nunha proba organizada por galegos”. “Coincido en que, cando vexan como organizamos as cousas aquí, non imos ter rival”, afirmou o xefe do Servizo Provincial de Deportes da Xunta.