O informe do estado de saúde das 112 árbores da Alameda motiva a tala urxente de 4 exemplares e a planificación de podas de seguridade en 77

142
  • O Estudo Avanzado de Avaliación de Riscos impulsado por Desenvolvemento Sostible permite dispoñer do primeiro inventario dixital co ‘historial médico’ do arborado
  • Á marxe das talas, o catálogo elaborado por Arbogal mediante unha Visualización Técnica (VTA) e o emprego de resistógrafo recomenda efectuar outras 44 actuacións cunha prioridade alta

Evitar na medida do posible a sobrecarga do terreo con grandes eventos festivos para non danar o sistema radicular das árbores, executar de xeito inmediato a tala de catro exemplares con defectos severos e risco elevado de caída e efectuar podas de seguridade e saneamento doutros 77 para mellorar o seu estado actual de saúde e minimizar riscos son as principais actuacións recomendadas na Alameda de Montero Ríos no informe elaborado pola firma especializada Arbogal tras realizar un ‘exame médico’ en profundidade aos 112 árbores do parque pontevedrés. Os resultados deste Estudo Avanzado de Avaliación de Riscos, que incluíu, entre outras exhaustivas probas, unha Visualización Técnica de Arborado (VTA) e o emprego de resistógrafos en 33 árbores que xeraban dúbidas ou tiñan feridas internas (aparellos que miden a resistencia á penetración e permiten coñecer con precisión posibles ‘vicios ocultos’), foron presentados hoxe na Sala de Prensa do Teatro Principal polo concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, quen anunciou o inicio inmediato dos traballos de tala e poda máis urxentes (realizados esta mesma mañá).

Segundo explicou Puentes, que estivo acompañado polo xefe do Servizo de Parques e Xardíns, Manuel Fontán; o xerente de Arbogal, Faustino Meis, e mailo enxeñeiro técnico forestal Rubén Caldas, o informe tamén recomenda que se efectúen podas de formación nos exemplares máis mozos e en desenvolvemento, para evitar problemas futuros; a substitución e colocación de novas ancoraxes dinámicas para as árbores que o requiran; a revisión VTA dos exemplares cada 2-3 anos para valorar a resposta dos mesmos ás actuacións efectuadas e anual para aqueles máis perigosos e a análise instrumental das especies con posibles riscos, troncos ou pólas con cavidades, pudricións ou feridas internas para tentar determinar o alcance desas lesións”. “No que atinxe aos exemplares de gran porte situados na zona perimetral da Alameda, dando directamente ás rúas, -sinalou o edil socialista- Arbogal aconsella a súa revisión e poda anuais, para evitar que tanto as árbores en si, como algúns brazos ou pólas de maior tamaño se sobredimensionen, adquirindo demasiada ‘vela’ ou demasiado peso nos seus extremos”.

Das 112 árbores inventariadas neste estudo e identificadas cunha plaquiña co seu correspondente número, 56 son plátanos de sombra (platanus hispanica), 25 carballos comúns (quercus robur), 20 tileiros comúns (tilia plathypyllos), 8 carballos vermellos americanos (quercus rubra) e 3 álamos brancos (populus alba). Tal e como indicou o concelleiro de Desenvolvemento Sostible, “os catro únicos exemplares cun risco serio de desplome, para os que se estableceu un nivel de prioridade urxente ou moi alta e, en consecuencia, a necesidade dunha tala inmediata foron os seguintes: un tileiro próximo ao Palco da Música con feridas radiculares debido á implantación de dous focos de luz no chan pegados a 10-15 centímetros do colo da árbore, con moi escasa vitalidade, unha regresión dificilmente subsanable, moitas pólas secas e fungos saprofitos; un carballo común situado á altura do Cafetín con moitos fungos, madeira en mal estado e un brazo moi seco e danado, e dous álamos brancos veciños ás escaleiras do monumento aos Heroes de Ponte Sampaio, un con importantes fisuras, moitos signos de estrés e abultamentos na zona do colo, e outro cunha copa moi densa, elevado efecto ‘vela’, marcada inclinación, signos de descalce, un abultamento bastante marcado e bolsas de aire no sistema radicular”.

Podas de seguridade e redución e ancoraxes dinámicas 

O estudo levado a cabo por Arbogal tamén apunta a necesidade de que se efectúen 44 actuacións cunha prioridade de nivel alto, é dicir, sen deixar pasar demasiado tempo, xa que parte dos problemas ou defectos poderían agravarse, e outras 46 cunha prioridade media, intervindo de xeito progresivo durante un período de 2-3 anos para mellorar o estado dos exemplares e poder conservalos sen que supoñan un risco futuro. Asemade, plantéxanse outras 17 actuacións con prioridade baixa, na que as intervencións poderán facerse con maior flexibilidade e que se asocian a tódolos exemplares mozos do parque. Entre as devanditas intervencións contémplanse podas de seguridade e redución, análises instrumentais, instalacións de ancoraxes dinámicas e revisión e reposición de cabos.

O conxunto de plátanos da zona suroeste da Alameda presenta problemas derivados da lonxevidade dos exemplares, con pudricións de tecidos e cavidades en zonas sensibles para as árbores (insercións dos brazos principais e cruz das mesmas). O informe conclúe que aos problemas propios da fraxilidade e rotura de pólas de exemplares maduros hai que sumarlle a presenza de corpos frutíferos de fungos nalgúns casos, que van debilitando a resistencia mecánica da madeira colonizada e xerando diferentes tipos de pudricións.

“Detectouse en diferentes brazos principais e pólas secundarias dalgunhas árbores -apuntou Iván Puentes- a presenza dun fungo chamado ‘phelinus punctatus’, bastante habitual en contornos urbanos, que pode provocar roturas en pólas e troncos deteriorados e debilitados fisioloxicamente, así como necroses evidentes. Tamén se detectou, en menor cantidade, a presenza da antracnosis do plátano de sombra (‘apiognomia veneta’), que provoca un debilitamento da árbore que, se non se fai nada para palialo, pode rematar na morte do exemplar”. 

Os expertos de Arbogal aconsellan evitar as podas drásticas e optar por facela nas puntas das ramas, onde se sitúa precisamente a antracnosis, clarear ben as copas para que haxa unha boa aireación, recoller as follas do outono e queimalas e, en caso necesario, levar a cabo un tratamento funxicida (se o ataque fora severo habería que repetilo dous ou tres veces ao longo do ano).

Excesiva compactación do chan

Iván Puentes constatou que “se nos centramos no parque da Alameda como conxunto, o maior problema para o arborado está asociado á excesiva compactación co seu chan”. “O feito de teren igualado a cota en todo o parque supuxo que se agregara terra de tipo ‘xabre’ nalgunhas zonas e o rebaixe de cota noutras. O problema dun chan compactado é que se xeran cambios nas condicións de desenvolvemento dos sistemas radiculares -matizou o socialista-, ao reducirse a cantidade de auga que se infiltra no terreo, o intercambio de gases e a reposición natural de nutrintes, aumentando o estrés das árbores e facéndoos máis susceptibles a pragas e enfermidades”. 

O informe tamén se amosa contundente en relación aos eventos que se realizan ao longo do ano no parque da Alameda e que “de forma continuada teñen producido diferentes tipos de danos no sistema radicular”. “Ao problema propio da compactación e á ausencia de macroporos -constata o documento de conclusións de Arbogal- hai que sumarlle a instalación de diferentes postos de feira, sexan xogos, tómbolas, atraccións ou stands de comida. Observamos danos no colo e tronco producidos por ditos eventos en varias árbores, con feridas que serviron de vía de entrada a distintos fungos patóxenos, que aproveitaron os debilitamentos para colonizar os tecidos vasculares e que causaron necrose aos tecidos e mesmo cavidades nos seus colos”.

Unha problemática que tamén se observou a nivel de copa, atopando danos por estrangulación debido a cableados que se puxeron fai anos en diferentes pólas e que nunca se cambiaron, provocando importantes danos en pólas principais dalgunhas árbores. Entre as afeccións mecánicas producidas polo home tamén se sinalan as diferentes luminarias que se instalaron na base das árbores máis distinguidos, a poucos centímetros do colo, poñendo un foco a cada lado do tronco destes exemplares.

Unha aplicación con tódalas fichas

O concelleiro de Desenvolvemento Sostible subliñou o feito de que cada árbore analizada dispoña da súa ficha descritiva VTA propia, coas respectivas actuacións recomendadas e grao de prioridade, “nunha aplicación de xestión Eva (no enlace https://eva.arbogal.com) para a súa visualización por parte do persoal do Concello e a planificación do cronograma de intervencións que se establezan para as medidas a longo prazo”. “Trátase do primeiro inventario dixital co ‘historial médico’ das árbores da Alameda e será unha ferramenta moi útil para previr caídas de exemplares”, afirmou o edil.