Desenvolvemento Sostible renovará e ampliará o parque infantil da Praza das Regas cun investimento de 15.000 euros

28

A Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, que dirixe o socialista Iván Puentes, continúa con paso firme no seu empeño de que tódalas zonas de lecer infantil de Pontevedra cumpran coas normativas autonómica e europea en materia de seguridade e poidan certificarse anualmente pola Entidade Nacional de Acreditación (ENAC). O departamento municipal, a través do seu Servizo de Parques e Xardíns, acaba de poñer en marcha as obras de mellora integral do parque infantil situado na Praza das Regas, no barrio de Valdecorvos, unha actuación que conta cun orzamento global duns 15.000 euros.


Segundo sinala Iván Puentes, a actuación implicará “unha ampliación da zona de lecer infantil, necesaria para poder acadar a certificación da ENAC”, así como na renovación de tódolos elementos de xogo e randeeiras (cadeas, cadeiras…) e na instalación dun novo pavimento con base amortecedora e céspede artificial “que permitirá mitigar e suavizar ao máximo as posibles caídas dos nenos”. “Tamén se renovará o valado de peche perimetral do parque -sinala o concelleiro do PSOE- e efectuarase unha plantación de árbores no seu contorno, xa que se detectou a existencia dun déficit de sombra”.


As obras de mellora integral están a ser executadas pola empresa Garocaprim SL e prolongaranse durante unhas tres semanas (o prazo dependerá das condicións meteorolóxicas). Tal e como lembra o edil de Desenvolvemento Sostible, este proxecto de restauración, ao igual que todos os que se están a efectuar ao longo deste mandato, “parte dos criterios establecidos pola firma especializada STO (Soluciones Técnicas de Ocio), contratada polo Concello para auditar as condicións de seguridade das áreas de xogo da cidade, verificar que respectan a normativa europea UNE-EN 1176 e o Decreto autonómico 245/2003, valorar as reparacións necesarias e emitir os certificados da ENAC cando cumpren con esas directrices”.