Máis de 40 establecementos comerciais implícanse na campaña O Meu Compromiso, que xa ten despregados os seus tres puntos sostibles en Rosalía de Castro, a Praza de Ourense e Loureiro Crespo

51

O compromiso de Pontevedra coa ecoloxía, a natureza e o comercio sostible farase máis visible nas rúas da cidade desde hoxe e durante os vindeiros días a través dos tres puntos sostibles instalados pola iniciativa O Meu Compromiso en zonas estratéxicas da cidade: en Rosalía de Castro, fronte á Audiencia Provincial, a Praza de Ourense, fronte a San Francisco, e a rúa Doutor Loureiro Crespo, fronte ao Hospital Provincial. A través destes espazos verdes informativos, a iniciativa impulsada pola Concellería de Promoción Económica e Turismo en colaboración coa Deputación Provincial pretende, entre outros obxectivos, concienciar sobre a importancia dunha decoración sostible, dinamizar e dar visibilidade ao comercio de proximidade, enxalzar a creatividade das nosas tendas e incentivar as compras nos establecementos participantes.


Os tres puntos sostibles están realizados con materiais naturais, ecolóxicos e reciclados. O de Rosalía de Castro, a base de botellas, plásticos e un andamio, permitirá obter información sobre as pinturas e o plástico reciclado; o da Praza de Ourense, creado con cubos e fibras naturais, achegará información sobre fibras como a la ou o algodón, e o de Loureiro Crespo, decorado con madeiras e plantas, ofrece datos de interese sobre a madeira e as plantas naturais. Ata este último achegáronse precisamente esta mañá o tenente de alcalde, Tino Fernández, a concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, e a deputada provincial Olga García Ballesteros, para inaugurar estes espazos de concienciación, que serven ademais de expositores dos correspondentes comercios da zona participantes no concurso de escaparatismo de O Meu Compromiso, para o que os establecementos implicados deben decorar as súas fachadas/escaparates con motivos sostibles acordes coa área na que se atopen ubicados.

Segundo explicou Yoya Blanco, “a campaña está a espertar unha enorme ilusión entre os comercios participantes, que nos están a enviar correos nos que nos din que teñen moitas gañas de dar o mellor de si no concurso de escaparatismo ecolóxico e que agardan cumprir as expectativas”. “Temos un total de 42 establecementos inscritos, distribuídos polas distintas zonas: 7 representantes da zona 1, de materiais reciclables, próximos ao punto de Rosalía de Castro (Piliña Vivancos, Mission Surf Shop, Mundo Verde, Xoiería Palamios, Viajes Eroski, La Ventana Natural Herbolario e Expendiduría 19), 21 da zona 2, de fibras naturais, do contorno da Praza de Ourense (La Artesa, Amo Galicia, Pilar Delmas Filgueira, Mercería Jota, Carnaby, Fentos, Joyería Martínez Vilanova, Milagros Molero, Calzados El Precio Justo, Óptica Lafuente, Lanas Teresa Tobío, Sunset Pontevedra, Peluquería Ana Barros, Ricar, A3 Papelería Técnica, Zapatillería Mora, Casa Sada, Dequip Pontevedra, POT, Centro Especial de Empleo Emeene e Ecosabor) e 14 do da zona 3, de plantas e madeiras, da área de Loureiro Crespo (Espazo Lector Nobel, Comercial Minia, Liz Esperón, M de Mamá, Mister Baby, Macos Moda Hombre, Frutería Sonia, Fentos Joyería, El Desván, Pepa y Punto, Librería Depapeis, María José Lois ‘Cuaderna Maestra’, Sube Aminube e Lawen Art Studio).
Durante os pasados días, a experta Cany Juncal, especialista en Visual Merchandising, realizou asesoramentos entre os locais participantes para enfocar os seus proxectos decorativos. O concurso de escaparatismo contempla tres premios de 600 euros para os mellores decorados, elixidos en base aos criterios dun xurado composto por un membro da Deputación, un técnico do Concello e unha responsable da firma organizadora (Sra. Nona Brand). Tal e como aclarou Yoya Blanco, “o que se premiará será a creatividade e orixinalidade, sempre e cando o establecemento respecte a esencia da campaña e inclúa o material que lle toca na súa zona”.


Os nomes dos comercios participantes serán visibles desde o vindeiro luns 11 de outubro na páxina web www.omeucompromiso.com, na que tamén se publicarán os nomes dos gañadores o día 19 de outubro. 

Dado que os puntos sostibles xa foron vítimas da incivilidade dalgúns individuos, que perpetraron actos vandálicos e roubos ás poucas horas de seren instalados, Yoya Blanco pediulle á cidadanía que respecten estes decorados “que foron realizados co máximo esforzo e agarimo por parte dos traballadores das empresas colaboradoras”. “Os elementos instalados non se poden substraer, xa que roubar, ao igual que destrozar mobiliario urbano, son delictos”, lembrou a socialista.


Comezan os pasarrúas e o espectáculo Rock in the Air

Coincidindo coa inauguración dos puntos sostibles, a iniciativa O Meu Compromiso celebrará esta tarde ás 17:00 horas na Praza da Peregrina o primeiro dos espectáculos Rock in the Air, no que a compañía de Pablo Mèndez Performances executará vertixinosas coreografías a seis metros de altura, e ás 18:00 horas por este contorno o primeiro dos cinco pasarrúas organizados no marco da campaña. Rock in the Air regresará mañá ás 12:30 horas na Praza de España, o domingo 10 de outubro ás 17:30 horas en Andrés Muruais (fronte ao Coren), o sábado 16 de outubro ás 12:30 horas diante do Mercado de Abastos e o domingo 17 de outubro ás 17:30 horas na pasarela da rúa José Adrio (12 de Novembro), mentres que os pasarrúas volverán animar as rúas de Pontevedra mañá ás 17:45 horas pola Praza de España, o domingo 10 de outubro ás 12:15 horas por Andrés Muruais, o sábado 16 de outubro con saída desde a Praza de Curros Enríquez ás 17:45 horas e o domingo 17 de outubro ás 12:15 horas pola pasarela de 12 de Novembro.


Na xornada de mañá tamén se porán en marcha no punto sostible de Loureiro Crespo os obradoiros para concienciar aos máis pequenos sobre a importancia da ecoloxía, a natureza e a sostibilidade. Os talleres infantís desenvolveranse en horario de mañá (de 11:00 a 13:15 horas) e de tarde (de 16:30 a 19:15 horas), serán impartidos por un monitor en grupos de seis nen@s e centraranse en Creación de Xoguetes, Creación de Bolsas da Compra, Actividades Ecolóxicas ‘Mini Horta Urbana’, Aprende a Reciclar e Converter Residuos en Xogos.
Toda a información sobre os obradoiros pode atoparse na páxina web www.omeucompromiso.com, onde tamén se realizará a reserva de praza, na sección de Actividades, sendo posible escoller entres os días e horarios dispoñibles. Os rapaces participantes nas actividades levaranse ademais unha lembranza da campaña, consistente nun pack de semente + maceta, para eles mesmos vexan crecer a súa propia flor.
A campaña tamén implicará directamente á cidadanía nun concurso de selfies, no que participarán todos aqueles que se fagan unha fotografía nos puntos sostibles e a suban a redes sociais co hashtag #omeucompromiso desde hoxe até o 18 de outubro.


A Concellería de Promoción Económica e a Deputación contaron para o desenvolvemento desta campaña con diversas empresas locais: Pablo Mèndez Performances para os espectáculos; Gráficas Anduriña para a impresión das creatividades; Iconweb para a programación da páxina web; Isa Naveiro para os talleres infantís; e Capri Eventos para os puntos sostibles, así como as xa mencionadas Cany Juncal e Sra. Nona Brand.