Tino Fernández insta á Xunta a asinar un convenio “para asumir a súa responsabilidade no mantemento dos colexios de xeito estable e equitativo”

120
  • A Concellería de Educación destinará unha achega de 800.000 euros para dar cobertura ás obras de conservación que se realicen ata 2024 en centros públicos e a unha eventual prórroga en 2025
  • O tenente de alcalde dirixirase por carta ao conselleiro de Educación para solicitarlle “unha achega fixa e unha maior coordinación”, xa que “o Concello realiza investimentos que non lle corresponden”

O tenente de alcalde e concelleiro de Educación, Tino Fernández, anunciou hoxe a súa intención de instar á Xunta de Galicia a artellar un convenio de colaboración co Concello de Pontevedra “para asumir a súa responsabilidade nas obras de conservación de mantemento dos colexios e garderías dun xeito estable e equitativo, achegando unha cantidade fixa e coordinándose cos técnicos da Administración municipal á hora de executalas”. O edil socialista avanzou que dita petición será formalizada a través dunha carta na que se lle solicitará ao conselleiro de Educación, Román Rodríguez, unha reunión para poder tratar este asunto e explicarlle “as cada vez maiores necesidades duns centros educativos que se van facendo vellos e nos que o Concello inviste unhas cantidades que non lle corresponden”.

Fernández lembrou que a Xunta “está a botar man dunha trilería legal” neste eido, xa que, por unha banda, en base á disposición adicional decimoquinta da Lei 27/2013, de racionalización e sostibilidade da Administración Local, as comunidades autónomas deben contemplar “o correspondente traspaso de medios económicos, materiais e persoais” e, pola outra, “en 2014 sacaron da manga unha lei de medidas urxentes derivadas da entrada en vigor da Lei 27/2013, que basicamente lle deixa todo o marrón aos concellos mentres a eles non lles apeteza lexislar outra cousa distinta”. “Por suposto, como xa vén sendo costume da casa, a Xunta tampouco formaliza a delegación de competencias nos concellos, xa que iso implicaría transferencias económicas e resúltalles moito máis práctico botarlle morro e manter esta situación de xeito indefinido. Para eles, as competencias son volátiles, súas cando lles convén e dos demais cando hai que apandar”, asegurou o concelleiro.

Tino Fernández subliñou que “en todo caso, o único que se lle pide ao Goberno autonómico desde esta Concellería de Educación é que colabore con nós, dun xeito coordinado, achegando cada parte unha cantidade estable, mediante a sinatura dun convenio de colaboración”. “Instámoslles -sinalou o edil do PSOE- a que sexan responsables e razoables. Pontevedra ten un bo número de centros educativos que conservar e manter en condicións dignas para o alumnado e as súas necesidades tamén son moitas”.

O anuncio de Fernández coincidiu coa aprobación, esta mesma mañá en Xunta de Goberno Local, do expediente que rexerá a contratación das obras de mantemento que se realicen ata 2024 en colexios públicos de Infantil e Primaria e garderías do noso municipio, así como unha eventual prórroga en 2025. A Concellería de Educación destinará unha achega global de 800.000 euros para estas actuacións, estando previsto un investimento de 600.000 euros para o que queda de 2021 e para os vindeiros tres anos e de 200.000 euros para a devandita prórroga.

División das actuacións en dous lotes, por zonas xeográficas

O tenente de alcalde apuntou que o contrato proposto, co que se pretende garantir a execución das intervencións necesarias para o correcto mantemento dos centros públicos, “volve dividir as obras por lotes, considerando que a solución máis viable pasa por xerar dúas zonas xeográficas, con colexios situados ao norte e colexios emprazados ao sur do termo municipal, asignando a cada un dos lotes a mesma cantidade de centros e de cartos, a razón duns 100.000 euros por anualidade”. Así la relación de colexios ubicados ao norte do concello (Lote 1) figuran os CEIP Froebel, Manuel Vidal Portela, A Xunqueira I, A Xunqueira II, Marcos da Portela, Parada-Campañó, Santo André de Xeve e San Benito de Lérez, e as EEI Fina Casalderrey, Verducido e Monte Porreiro; mentres que da dos que están ao sur (Lote 2) forman parte os CEIP Álvarez Limeses, Campolongo, Praza de Barcelos, San Martiño-Salcedo, Cabanas-Salcedo, Carballeira-Lourizán, Ponte Sampaio, Vilaverde-Mourente e Marcón, e as EEI Crespo Rivas e A Parda.

“Os licitadores -aclarou o socialista Tino Fernández- poderán presentarse a un único lote, de xeito que o número de centros educativos non resulte excesivo para o correcto desenvolvemento do contrato. Cada actuación independente terá a consideración legal de menor, non podendo superar os 40.000 euros (IVA excluído), e as firmas contratadas terán a obriga de materializar un número indeterminado de encargos parciais ata alcanzar o importe anual previsto”.

Os traballos serán requiridos ao contratista mediante orde da Oficina Técnica de Arquitectura (OTA) do Concello de Pontevedra, debendo inicialos no prazo ofertado no orzamento (ou, na súa ausencia, nun mínimo de seis días) e rematalos tamén no prazo precisado por esta dirección técnica. A empresa adxudicataria entregará mensualmente unha relación valorada de tódalas actuacións finalizadas, na que constará a parte proporcional dos gastos de xestión de residuos e seguridade e saúde das obras.

Á hora de adxudicar os lotes valorarase especialmente o menor prazo de resposta proposto para o inicio das obras, por debaixo do mínimo sinalado de seis días (aplicable naqueles casos que non sexan urxentes e que, polo tanto, requiran a adopción das medidas imprescindibles no prazo máximo dunha hora).