Un convenio de colaboración entre Deputación e Concello permitirá executar a restauración integral dos parques infantís dos CEIP Marcón e A Xunqueira I cun orzamento global de case 70.000 euros

84

A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe o borrador do convenio de colaboración entre o Concello de Pontevedra e a Deputación que permitirá renovar os parques infantís do CEIP A Xunqueira I e Marcón cun orzamento global de 69.841,72 euros. Os traballos de restauración integral serán executados polas concellerías de Educación e de Desenvolvemento Sostible neste último trimestre de 2021 (unha vez adxudicado o contrato) ao abeiro das competencias municipais en materia de conservación e mantemento dos colexios públicos e financiados ao 100% pola institución provincial.


Segundo precisou o tenente de alcalde, Tino Fernández, as actuacións no parque infantil do CEIP Marcón, valoradas en 35.853,81 euros e cun prazo de execución previsto dun mes desde a súa adxudicación, “consistirán na desmontaxe dos actuais xogos e o seu posterior traslado ás dependencias municipais ou vertedoiros autorizados; na desmontaxe e montaxe do pavimento de caucho; na reparación da soleira de formigón, e na subministración e colocación de xogos infantís que garantan espazos máis seguros e accesibles aos nenos e nenas en idade escolar”. “De xeito semellante, as obras do CEIP A Xunqueira I, que contan cun orzamento de 33.987,91 euros e un prazo de execución previsto de dous meses desde a súa adxudicación, consistirán na desmontaxe dos actuais xogos e o seu traslado e posterior montaxe nun novo emprazamento; na adecuación do terreo; na desmontaxe e montaxe do pavimento de caucho; na reparación dos xogos existentes no patio; a colocación da soleira; a limpeza da cuberta con auga a presión, e o revestimento decorativo de fachadas”.