Gaming na Rúa achega a cultura do videoxogo até o centro histórico

127
A Casa da Luz acollerá este sábado 16 un evento que mesturará competición, simulación e cultura retro desde primeira hora da mañá
As prazas para o torneo de Super Smash Bros. Ultimate xa están cubertas, contando con un total de 40 participantes

Esta fin de semana, a Casa da Luz acollerá o evento Gaming na Rúa. A partir do sábado 16, ás 10 horas, os videoxogos serán os principais protagonistas dunha xornada onde a asociación Gaming Troop ofrecerá un torneo de Super Smash Bros. Ultimate.

Con todas as prazas xa cubertas, o torneo contará cun total de 40 participantes. Mais non só haberá competición. Dentro da Casa da Luz os que se acheguen poderán probar a experiencia inmersiva que é a simulación de carreiras da man da empresa local RaceSIM Technologies.

Doutra banda, e como unha chiscadela ao pasado histórico e nostálxico dos videoxogos, a asociación de A Estrada Ocionautas traerá consigo consolas de xeracións pasadas (NES, Nintendo 64 ou Game Cube, en outras), abrindo a porta dos xogos e obras pasadas aos xogadores actuais.

A cita conta coa colaboración da concellaría de Xuventude, que ve nos videoxogos «un mundo importante que apoiar e promover», en palabras do concelleiro Alberto Oubiña. «Cremos que é obrigatorio coñecer unha industria cun enorme potencial, que conta cun público que non fixo máis que aumentar nos últimos anos. Colaborar con Gaming Troop, asociación pontevedresa que leva moitos anos xa traballando polos videoxogos, é un xeito de animalos a que sigan facendo cousas, sobre todo agora que non teñen local de seu, como si contaban no pasado. Sabemos que neste tipo de agrupacións tivo un especial impacto a crise da Covid».

O Concello de Pontevedra quere seguir apostando polo videoxogo como cultura, tal e como se foi demostrando nos últimos anos coa inclusión deste temática en eventos coma o Salón do Libro, ou a aposta por eventos propios.