Igualdade e o CIM conmemorarán o Día das Mulleres Rurais cun pase do espectáculo Lavandeiras no Centro Social de Cerponzóns

36
  • O evento terá lugar o domingo 24 de outubro ás 19:00 horas pretende renderlle homenaxe e visibilizar ás mulleres que sostiveron e sosteñen coas súas mans a vida dos pobos
  • A función da artista Vero Rilo mestura a narración oral coa música ao vivo e o teatro para dar lugar a unha proposta que lles devolva ás donas dos ríos o recoñecemento que poucas veces tiveron

O Centro Social de Cerponzóns acollerá o domingo 24 de outubro ás 19:00 horas un acto lúdico e conmemorativo organizado pola Concellería de Igualdade e o Centro de Información á Muller (CIM) de Pontevedra con motivo do Día Internacional das Mulleres Rurais (que se celebra hoxe, 15 de outubro). @s asistentes ao evento poderán desfrutar dun pase do espectáculo Lavandeiras, da artista Vero Rilo, nunha actuación coa que se pretende renderlles homenaxe ás mulleres do rural e visibilizar que sostiveron e sosteñen en gran parte a vida dos pobos coas súas mans, e ao mesmo tempo, achegar a cultura ás parroquias e darlle tamén un pulo ao regreso á normalidade dos centros sociais do rural que retomaron a súa actividade o pasado 1 de outubro.

A concelleira de Igualdade, Yoya Blanco, explica que, aínda que o espectáculo tivo que adiarse unha semana por motivos de axenda, “este acto conmemorativo é de xustiza esteamos na data na que esteamos, xa que en Galicia resulta case imposible entender o rural sen falar da figura das mulleres”. “Ser muller, galega e do rural significa enfrontarse cada día a unha situación de desigualdade de xénero, derivada do illamento da poboación, e moitas veces, do acceso aos recursos”, sinala a edil socialista.

Lavandeiras é un espectáculo onde a narración oral se mestura coa música ao vivo e o teatro para dar lugar a unha proposta que lles devolva ás donas dos ríos o recoñecemento que poucas veces tiveron. Pasando de camiño polo folclore, o humor, as historias reais e o cancioneiro popular, Vero Rilo achéganos unha actuación chea de emoción acompañada por Carlos Quintá no eido musical. “É tanto o que rodea á figura da lavandeira que teríamos para incontables horas de fala e canto, daría para namorar lavando. Máis esta actuación -explica a artista- elixe centrarse na consideración histórica e social da muller coa finalidade de poñer en valor a súa figura como fundamental sostén económico, non só na casa, senón tamén co traballo profesional non recoñecido que tantas xeracións de galegas fan e fixeron ao longo da nosa historia”.

O 15 de outubro, Día Internacional das Mulleres Rurais, é unha data instaurada pola Organización de Nacións Unidas (ONU) na que se conmemora e recoñece a función e contribución decisivas da muller rural á promoción do desenvolvemento agrícola e rural, á mellora da seguridade alimentaria e á erradicación da pobreza.

Retomar as actividades para as mulleres nas parroquias en 2022

Coincidindo co anuncio deste acto lúdico e conmemorativo, que terá entrada de balde ata completar o aforo do Centro Social de Cerponzóns, a concelleira Yoya Blanco tamén avanzou a súa intención de que “sempre e cando os datos epidemiolóxicos continúen este progresivo camiño cara á normalidade, a Concellería de Igualdade e o CIM retomen a programación de actividades para mulleres nas parroquias pontevedresas”. Tal e como lembra a edil do PSOE, “o ano pasado estivemos a piques de poñer en marcha o programa Somos Quen, pero a pandemia da Covid-19 freouno en seco e impediu que se iniciara e que se puidese desenvolver neste 2021”, polo que “agardamos que esta agardada iniciativa si poida facerse realidade en 2022”.