O Concello inicia a pavimentación das vías que canalizaron as novas redes de saneamento e abastecemento

22

Os asfaltados comezaron esta semana por Campañó de Arriba, onde están conectados á rede de saneamento o 100% dos residentes, e continuará por Salcedo, Verducido e Mourente.

O coordinador do rural recomenda aos particulares solicitar as acometidas á rede xeral antes das pavimentacións, porque despois terán que ser asumidas polos interesados.

O proxecto de saneamento e abastecemento da cidade cun investimento de preto de 60 millóns de euros, inicia nestes días a última fase: a pavimentación das vías nas que se ten feito as canalizacións das redes xerais. 

Segundo explicou o coordinador do rural, Alberto Oubiña, onte comezou a pavimentación de Campañó de Arriba onde está conectado o 100% das vivendas a nova rede de saneamento, e seguidamente continuarase polo resto da parroquia de Campañó.

A continuación procederase á pavimentación da zona do Outeiriño, na parroquia de Verducido, e despois será a estrada provincial EP-0012 en Salcedo. Nestes primeiros asfaltados tamén entrará todo o proxecto de abastecemento da parroquia de Mourente dende a ETAP de Lérez que inclúe os lugares dos Areás e O Monte.

Alberto Oubiña explicou que até o de agora a Concellaría estivo á espera de que os particulares fixesen as súas acometidas, pero chegado a este punto xa se comezan a facer os primeiros pavimentados, un proceso que continuará collendo ritmo nos vindeiros meses en función do tempo.

Nesta fase o Concello é o encargado de asumir a pavimentación da vía. Cabe lembrar que se a vía é inferior a 4 metros de ancho, asfáltase toda a estrada, e no caso de que sexa maior de 4 metros (e teña dous carrís), paviméntase o carril afectado.

O concelleiro lembrou que todos aqueles veciños e veciñas que non teñan feita a acometida antes dos asfaltados, e queiran facela despois, deberán asumir, tamén, a reposición da vía pública no material en que estea feita: terra, lousa, asfalto…, polo que concluíu que lles compensa solicitar neste momento esa acometida para evitar facer gastos maiores no futuro.

O custe das cometidas son:

  • As acometidas de abastecemento, que se realizarán de 1 a 5 m/l en PE Ø 32 mm., con arqueta rexistro (tapa e marco fundición), apertura e reposición da gabia, todo completamente rematado teñen un custe de 369,49 euros.
  • As acometidas na rede de sumidoiros, que se realizarán de 1 a 5 m/l, en PVC Ø 160 mm., con arqueta rexistro (tapa e marco fundición), apertura e reposición da gabia, todo completamente rematado teñen un custe de 629,32 euros. 

O coordinador do rural, Alberto Oubiña lembrou que coa actualización do contrato da auga de Pontevedra búscase completar a rede de saneamento do Concello e ampliar a do abastecemento cun investimento de preto de 60 millóns de euros. A dúas obras desenvólvense ao mesmo tempo para apurar os prazos, minimizar as molestias e maximizar os beneficios.

Tamén afirmou que a rede de saneamento do Concello de Pontevedra é das máis amplas da contorna. Na actualidade dá servizo a un 96% das vivendas existentes, e as melloras do contrato serven para conectar o 4 ou 5% restante. Trátase daquelas vivendas de máis difícil conexión e que supuñan un custe maior. De feito, o custe medio de conexión é de 28.000 euros por vivenda, con picos de até 48.000 euros por vivenda.