Desenvolvemento Sostible acometerá un proxecto renovación paisaxística no parque da palmeira de Joaquín Costa cun investimento de 50.000 euros

320
  • As obras previstas nesta zona verde, situada no entronque con 12 de Novembro, inclúen a creación de áreas de estancia e sombra, con bancos accesibles e un banco corrido arredor da palmeira
  • A actuación, deseñada polo enxeñeiro Diego Pereira, contempla a integración do parque na contorna a través dun camiño que artelle o espazo oeste-leste e a posta en valor da fonte

A Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, que dirixe o socialista Iván Puentes, ten previsto poñer en marcha antes de que remate o ano un conxunto de actuacións destinadas á mellora paisaxística e creación de áreas de estancia e sombra na zona verde situada no entronque da rúa Joaquín Costa coa rotonda de 12 de Novembro, presidida por unha palmeira e unha fonte. En base á memoria valorada elaborada por Diego Pereira, enxeñeiro de Montes da firma Viveiros Acroa, o proxecto, que suporá un investimento de 48.546,30 euros, contempla a posta en valor dos elementos existentes e integración deste parque na contorna coa creación dun camiño que artelle o espazo oeste-leste.

As actuacións permitirán incrementar a capacidade de acollida e confort desta zona verde, converténdoa nun punto de encontro e socialización comunitaria mediante a conformación de áreas de estancia con mesas e bancos de madeira. Ademais, preténdese incrementar a beleza do espazo coa dotación dunha acaída composición a nivel de xardinería, así como das instalacións de rega que permitan a conservación e desenvolvemento dos valores estéticos propios dun parque moderno nunha zona urbana consolidada. 

Tal e como sinala o concelleiro Iván Puentes, “a zona verde na confluencia de Joaquín Costa con 12 de Novembro atópase nunha das máis importantes bolsas de solo urbanizable no centro de Pontevedra e cómpre dotala dun equipamento público axeitado ás novas demandas futuras do barrio”, xa que “está previsto que nos próximos anos haxa un aumento significativo de edificios residenciais na contorna do parque e faise necesaria a consolidación e mellora do parque para que os veciños poidan ter áreas específicas de estancia para persoas de tódalas idades”. Por outra banda, o proxecto incorpora novos criterios de deseño que garantan unhas óptimas condicións sanitarias dentro da nova normalidade provocada pola pandemia da Covid-19. 

Os traballos incluirán o refino do chan coa eliminación manual e mecánica de pedras e outros materiais que impidan a viabilidade do xardín, unha nivelación definitiva conforme á topografía do terreo e unha eliminación de vexetación tanto na parte aérea como da radicular. De ser preciso, retiraranse residuos ou entullos presentes para achegar logo terra agrícola de boa calidade que permita emendar as deficiencias do punto de vista da calidade do solo existentes no espazo. 

“Formúlase a creación dun camiño que artelle o espazo oeste- leste -indica o edil de Desenvolvemento Sostible-, tendo como referencia visual a fonte e a palmeira que constitúe un fito no parque e na contorna. O pavimento do parque realizarase con terrizo, de 10 cm de espesor, realizado con xabre granítico cribado sobre a explanada afirmada previamente, estendida e rasanteada con motoniveladora, con refino manual dos bordos. Asemade, incorporarase unha capa separadora anticontaminante de xeotéxtil de 200 g/m2”.

Os céspedes estarán formados por unha mestura de especies axeitada ás características específicas de cada zona (sombra, sol, uso, redución de consumo de auga…). Considerase a implantación de céspede de gramíneas de uso ornamental-rústico onde este se atopa deteriorado ou mesmo inexistente.

As demandas da veciñanza: máis confort e sombra

Segundo sinala Iván Puentes, “no parque da palmeira de Joaquín Costa aprézase un notable déficit de sombra, polo que, coa finalidade de dar resposta ás demandas da veciñanza e de garantir unha axeitada relación sol/sombra, formúlase unha proposta de plantación de arborado no xardín, incorporando especies coherentes coas existentes tanto a nivel de volumetría como de composición xeral, esencialmente cipreses comúns, magnolias tulíperas e acacias”. “A incorporación dun estrato arbustivo neste parque -apunta o socialista- é imperativa para superar o actual estado de xardín inacabado que presenta este espazo, para o que se formula unha composición con diversas especies arbustivas e vivaces que garantan unha axeitada calidade paisaxística ao longo de todo o ano”. 

O proxecto tamén contempla a instalación de rega por goteo en zonas arbustivas do noiro e de aspersión no céspede, mentres que as franxas máis estreitas se resolverán mediante rega con difusores (por ser as opcións máis axeitadas e sustentables). Proxéctase a instalación dun sistema de rego automatizado mediante o soterrado de tubarias e acondicionamento con estacións reguladas por cadansúa electroválvula e un programador central.

A intervención, incluída na última modificación de crédito aprobada polo Concello e que ten un prazo de execución previsto dun mes e medio desde o inicio dos traballos, prevé a instalación dun banco corrido arredor da palmeira e de bancos accesíbeis distribuídos entre as árbores no bordo do camiño.