O Concello activa o novo sistema de control dos estacionamentos da cidade

21

É un novo sistema audiovisual que “xubila” ao Ollomóbil. Dispón de dúas cámaras portátiles controladas por unha tableta que se poden colocar en calquera vehículo policial ou ben empregalas por separado.

A súa principal función será o control das zonas de estacionamento: servizos, carga e descarga, estacionamento de autocaravanas…

A Concellaría de Seguridade Cidadá presentou esta mañá o novo dispositivo de control do estacionamento na cidade, especialmente os espazos de servizos, de carga e descarga e estacionamento de autocaravanas, e “xubila” ao Ollomóbil. Coa posta en marcha deste sistema, a Policía Local retoma as súas prioridades habituais e incorpora esta nova ferramenta coa que se mellorará o funcionamento da cidade.
Segundo explicou a concelleira de Seguridade Cidadá, Eva Vilaverde que estivo acompañada na presentación do novo dispositivo do director xeral de Protección Cidadá, Daniel Macenlle e do Intendente Principal da Policía Local, Jose Manuel Duarte, trátase dun sistema compacto integrado por dúas cámaras que pode funcionar individualmente en dous coches ou integrado nun só vehículo, e que se controla cunha tableta. A principal diferenza ao respecto do Ollomóbil é que se pode instalar en calquera vehículo policial en cuestión de 10 minutos.
O sistema controla as matrículas dos vehículos de calquera zona da cidade, e no caso de ter instalado as dúas cámaras terá un ángulo de visión de 200º.
A concelleira Eva Vilaverde explicou que a súa posta en marcha atrasouse polos axustes do software, así como pola compatibilidade do sistema municipal. Coa súa posta en marcha “volvemos á normalidade”. Referiuse a que a cidade leva un ano e medio nunha situación excepcional “na que cambiaron as prioridades da Policía Local” e flexibilizáronse os controis de tráfico, xa que até o de agora a prioridade da Policía Local era o control das medidas sanitarias.