Unha delegación do Concello de Pontevedra viaxará a Belgrado o vindeiro 1 de novembro coa Federación Española de Loita para recoller a testemuña de Serbia e asumir oficialmente a organización do Mundial de Loita U23 de 2022

96

O tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, recibiu esta mañá no Pavillón Municipal dos Deportes ao comisario da United World Wrestling (UWW) Pedro Silva, que se atopa en Pontevedra no marco dunha visita para coñecer de primeira man a oferta de instalacións deportivas e infraestruturas da nosa cidade. Non obstante, a visita de Silva, que estivo acompañado polo director técnico da Federación Galega de Loita, Pablo Pintos, e polo técnico da mesma Alexander Kachelaev, será determinante para que a nosa cidade e a Federación Española de Loita cheguen a bo porto nas súas pretensións de acoller o Campionato de Europa Cadete en 2023 e o Campionato do Mundo Júnior en 2024, xa que el se encargará de elaborar un informe decisivo para estas candidaturas.


Coincidindo con esta importantísima visita, Tino Fernández anunciou que “unha delegación do Concello de Pontevedra viaxará a Belgrado entre os días 1 e 5 de novembro da man da Federación Galega de Loita e a Federación Española de Luchas Olímpicas co obxectivo de recoller a testemuña Serbia e asumir oficialmente a organización do Mundial de Loita sub-23 de 2022”. “Acudiremos a Belgrado como parte fundamental do comité organizador do Campionato de Mundo que se celebrará en Pontevedra en outubro do vindeiro ano, nunha viaxe que resulta histórica non só para a nosa cidade e para Galicia, senón tamén para o deporte español, xa que se trata do primeiro evento desta categoría que se celebrará aquí”, subliña o tenente de alcalde.


A visita do comité organizador de Pontevedra 2022, que se produce precisamente durante a celebración do Mundial Sénior U23 no país balcánico, ten o obxectivo de revisar ‘in situ’ a organización do evento en Belgrado, buscando mellorar ao máximo a experiencia dos deportistas na cita do ano que vén. “Queremos ser ambiciosos porque podemos selo. Temos un aval de experiencia na organización de eventos deportivos internacionais do que poucas cidades europeas poden alardear e estou convencido de que para o Campionato do Mundo sub-23 de 2022 teremos unha organización de matrícula de honra que nos permitirá continuar a posicionarnos no calendario internacional nos vindeiros anos”, asegurou Tino Fernández.


A delegación que representa a España, e por ende a Pontevedra, nesta viaxe a Serbia estará composta por:

– Francisco Iglesias Senra, presidente da Federación Española de Loita

– José Luis Olazábal Ibars: presidente da Federación Galega de Loita

– Tino Fernández González: tenente de alcalde e concelleiro de Deportes de Pontevedra

– Alexander Kachelaev: técnico da Federación Galega de Loita

– David Pérez Araújo: técnico do Servizo Municipal de Deportes- Pablo Pintos Figueroa: director técnico da Federación Galega de Loita


A visita do comité organizar español coincidirá ademais coa Asamblea da Federación Internacional (a United World Wrestling), onde se valorarán as candidaturas dos países para albergar os diferentes eventos continentais e mundiais para os anos 2023 e 2024, entre elas as de Pontevedra. Nesta Asamblea decidiranse tamén os novos rostros do Bureau da UWW, máximo órgano de goberno da Federación Internacional. “O comité organizador de Pontevedra 2022 ten previsto reunirse co mesmo -adianta o tenente de alcalde- para afianzar as vindeiras candidaturas de Pontevedra e continuar como referente histórico do deporte, por diante de cidades moito máis grandes e coñecidas internacionalmente”.


Coa finalidade de acadar esa organización “de matrícula de honra” á que aspira a delegación pontevedresa, ademais de amosarlle a Pedro Silva as excelentes instalacións do Pavillón Municipal dos Deportes, Fernández, Kachelaev e Pintos tamén se achegaron co comisario portugués até o Recinto Feiral para darlle a coñecer o amplo espazo co que se podería contar para a instalación dun servizo de cátering para os deportistas. Tal e como destacou o concelleiro socialista, “dado que este tipo de competicións soen interromperse en horario de 14:00 a 17:00 horas, consideramos que sería unha vantaxe contar cun lugar como o Recinto Feiral, nas inmediacións do Pavillón, para evitar que os deportistas teñan que desprazarse aos seus hoteis para almorzar neste tempo de descanso (moitos teñen que aloxarse en localidades a media hora de distancia como Sanxenxo) ou xantar un snack nas mesmas bancadas do Pavillón no caso de que decidan ficar”. “O comisario -apuntou Fernández- puido comprobar as excelencias e dimensións deste privilexiado espazo que temos en Pontevedra, que serviu como punto de vacinación masiva, que vén de albergar o salón Edugal e que garantirá a organización dun cátering nas mellores condicións de comodidade e e seguridade para os competidores e corpos técnicos”.