Benestar Social convida aos maiores das nosas parroquias a mellorar o seu benestar e saúde emocional a través do programa ‘Espertar’

20

No seu compromiso co fomento da participación solidaria dos distintos colectivos sociais, a Concellería de Benestar Social porá en marcha entre os meses de novembro e decembro o programa ‘Espertar’, que se desenvolverá nas parroquias de Mourente, Marcón, Tomeza e Salcedo en colaboración co colectivo de formación e xestión sociocultural Anias. A iniciativa está especialmente dirixida á poboación maior e traducirase na realización dun curso que busca mellorar o benestar e a saúde emocional destes veciños e veciñas, tendo a música, o movemento e o xogo como fíos condutores. 


Segundo explica o concelleiro de Benestar Social, Marcos Rey, “os talleres serán impartidos empregando as ferramentas de disciplinas como a musicoterapia e a risoterapia, permitindo unha mellora emocional e social dos participantes”. “Trátase de aumentar o estado de benestar persoal e social, fomentando a relación con outros veciños e veciñas, sempre coa música como eixo”, precisou o edil socialista. 


O curso será totalmente de balde, sendo imprescindible inscribirse previamente a través do email evitasouto3@hotmail.com e dos teléfonos 622 513 274 e 649 34 64 57, cun máximo de dez prazas por parroquia. En concreto, os talleres terán lugar:


– En Salcedo, tódolos martes entre o 2 de novembro e o 14 de decembro, en horario de 19:00 a 20:30 horas, no local da Comunidade de Montes.


– En Mourente, tódolos mércores entre o 3 de novembro e o 15 de decembro, en horario de 18:30 a 20:00 horas, na Sociedade Cultural e Deportiva de Mourente.

– En Marcón, tódolos xoves entre o 4 de novembro e o 16 de decembro, en horario de 17:30 a 19:00 horas, na Casa de Cultura.


– En Tomeza, tódolos martes entre o 2 de novembro e o 14 de decembro, en horario de 11:00 a 12:30 horas, no Local Social (antiga escola de Lusquiños).