Pontevedra Capital Gastro regresa entre os días 2 e 7 de novembro con Mestizaxes, o festival gastronómico das cociñas de fóra

348
  • O evento, impulsado pola Concellería de Promoción Económica en colaboración coa Universidade de Vigo, pretende poñer en valor as cociñas internacionais que se practican na cidade
  • O programa de actividades inclúe a celebración duns faladoiros titulados Encontros Mestizos na Casa das Campás e do I Festival Gastronómico Mestizaxes na Praza de España 

Tralo rotundo éxito da Festa das Cunchas e do Avoa Fest, o ambicioso proxecto Pontevedra Capital Gastro regresa a vindeira semana, entre os días 2 e 7 de novembro, coa celebración do primeiro festival gastronómico Mestizaxes, impulsado pola Concellería de Promoción Económica e Turismo en colaboración coa Universidade de Vigo co obxectivo de poñer en valor as cociñas de fóra que se practican na nosa cidade e que constitúen unha parte importante da oferta culinaria pontevedresa (na actualidade, poden desfrutarse os sabores de ata 15 países de tódolos continentes na nosa vila). O programa de actividades deseñado para este novo evento incluirá dous pratos fortes diferenciados: por unha banda, uns faladoiros titulados Encontros Mestizos, consistentes en conversas que se desenvolverán na sede da Vicerreitoría do Campus Universitario de Pontevedra (Casa das Campás) entre representantes da cociña internacional e da cociña galega; e pola outra, o ‘I Festival Gastronómico Mestizaxes. As Cociñas de Ida e Volta’, cunha proposta moito máis lúdica aberta a todo o público que terá o seu epicentro nunha gran carpa instalada na Praza de España.

A iniciativa foi presentada esta mañá na Sala de Prensa do Teatro Principal nun acto no que participaron a concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco; o vicerreitor do Campus de Pontevedra, Jorge Soto, e os chefs Rubén González Vallejo, de El Cafetín, Francesco Iannelli, de Il Piccolo, Carmen Canabal, de Causa Street Food, e Marta García, de Meigas Fóra, que protagonizarán dous dos Encontros, así  como Marta Santiago, de A Fervella, en representación da Banda Cociñas de Pontevedra. Segundo explicou a socialista Yoya Blanco, os faladoiros “concretaranse nunhas conversas-entrevistas entre os cociñeiros convidados (cun representante da cociña foránea e outro da cociña galega), presentadas e conducidas polo propio Jorge Soto, o responsable da revista La Alacena Roja, Alberto Traversa, e o profesor Ricardo Fernández, do CIFP Carlos Oroza, primeiro nas denominadas ‘Conversas no salón’, cun diálogo sobre a historia que hai detrás da apertura desa cociña na nosa cidade e sobre como chegou aquí o sabor deste país, para pasar despois ese coloquio aos fogóns, ás ‘Conversas na cociña’, mentres os chefs cociñan xuntos”.

Estes Encontros Mestizos, aos que só se poderá asistir por convite (para respectar as restricións de aforo), celebraranse na Casa das Campás os días 2, 3 e 4 de novembro a partir das 11:30 horas, desenvolvéndose as ‘Conversas no salón’ na planta alta do edificio da Vicerreitoría e as ‘Conversas na cociña’ na planta baixa, na que, ao tempo que a conversa continúa, cada cociñeiro/a porase aos fogóns e elaborará uns bocados para os convidados. O encontro inaugural do martes 2 de novembro estará protagonizado por Ilhem e Rafael, do restaurante Dukela (cociña de Marrocos), e o estrella Michelin Iñaki Bretal, do Eirado da Leña, mentres que a do mércores 3 de novembro contará con Carmen Canabal, do restaurante Causa Street Food (cociña de Perú), e Marta García, de Meigas Fóra, e o do xoves 4 de novembro con Francesco Iannelli, de Il Piccolo (cociña de Italia), e Rubén González Vallejo, de El Cafetín.

Tamén o xoves, pola tarde, dará comezo o ‘I Festival Gastronómico Mestizaxes, as Cociñas de Ida e Volta’, aberto a toda cidadanía e concibido cun carácter moito máis lúdico. “Instalaremos na Praza de España unha carpa na que poderemos atopar 10 stands correspondentes a outros tantos establecementos hostaleiros de Pontevedra, que foron seleccionados co criterio de que Fagan cociña internacional dun país ben definido. A oferta gastronómica será en formato tapa, de xeito que o público asistente poida degustar varias receitas. Cada un dos restaurantes ofrecerá catro tapas salgadas e un doce. O aforo máximo previsto na carpa é de 360 persoas”, indicou Yoya Blanco.

Os establecementos internacionais terán un stand de 4×2 metros cada un e contarán cun ‘office’ para poder montar a cociña na que farán as tapas que compoñen a oferta gastronómica. Tamén haberá un posto con café de orixe (nunha reivindicación de que o café tamén é gastronomía) e outros dous para bebidas: a Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Ribeiras do Morrazo achegará o viño e Estrella de Galicia a cervexa. En concreto, o padal dos pontevedreses poderá viaxar por:

  1. Perú, da man de Causa Street Food
  2. México, con La Catrina 
  3. Venezuela, con Arepas Gastrobar 
  4. Xapón, con Kenzo 
  5. Chile, co Saudade 
  6. Brasil, coa Croquetería El Crack 
  7. China, con El Cafetín 
  8. Estados Unidos, con Candela Grill Burguer 
  9. Portugal, como país convidado 
  10. Cociña Internacional Vegana 
  11. Café de orixe, de El Club del Café 
  12. O viño da IXP Ribeiras do Morrazo
  13. A cervexa de Estrella Galicia

O programa de actividades incluirá ademais unha noite universitaria o xoves 4 de novembro (Xoves Universitario), cunha oferta especial para os estudantes da Universidade de Vigo; sesións vermú amenizadas polo DJ T.O.T.S. o venres 5, o sábado 6 e o domingo 7; sesións nocturnas tódolos días a cargo dos DJ Fon Kid e T.O.T.S., e a emisión en directo desde a carpa da Praza de España do programa O Chuso na tarde do venres 5 de novembro. 

Yoya Blanco convidou a tódolos pontevedreses a pasarse polo festival gastronómico, xa que “cos amplos horarios que temos, ninguén ten escusa para non vir a probar estas deliciosas tapas”, e agradeceu especialmente ao equipo de Carta Blanca (empresa organizadora e coordinadora do evento) e ao vicerreitor do Campus Universitario a súa implicación nesta e outras iniciativas do proxecto Pontevedra Capital Gastro e da Concellería de Promoción Económica e Turismo, “porque sempre está cando o chamo” e porque “o Campus de Pontevedra axuda a facer cidade tódolos días”.

Jorge Soto asegurou que “a proposta parecíanos moi acaída a como entendemos nós a Universidade”, comezando pola propia palabra Mestizaxes, “que xa nos atraía: ser quen de unir, non só culturas, Senón tamén persoas de diferentes partes do mundo, que están asentadas en Pontevedra, que son parte da súa cidadanía e ás que hai que agradecer o seu traballo promocionándoo”. “A mestizaxe ten tamén moito que ver coa interculturalidade, co encontro de persoas, e se este pode ser a través da cociña, os pratos e os fogóns, penso que existen poucas combinacións mellores que comida, xente e ideas de diferentes lugares”, subliñou o vicerreitor.

Trala presentación do tráiler promocional do festival, elaborado polo realizador Abel Bonilla, o chef de El Cafetín, Rubén González Vallejo, quen afirmou que o sector hostaleiro está moi contento con este tipo de eventos, como a Festa das Cunchas, o Avoa Fest, o Mestizaxes ou o Pontedetapas, “porque estamos atopando un camiño onde profesionais, Concello, Universidade, Carlos Oroza, estamos camiñando xuntos, da man” e porque están concibidos “desde a gastronomía local, contando cos profesionais, e para os profesionais”. Na súa opinión, “cada vez somos unha cultura máis global e cosmopolita e buscamos chegar a todo o público con ese tipo de cociñas de mestizaxe” e o formato “de tapas e de botarnos todos á rúa” elixido vai ser moi positivo para que os locais a dean a coñecer e a poñan en valor.

Francesco Iannelli destacou a “cálida ‘accoglienza’ (hospitalidade) e cariño” que a nosa cidade ten “desde o primeiro día” con persoas foráneas como el, o que lle dá “forza e vontade de querer continuar facendo sempre cousas novas e de traballar para Pontevedra, porque efectivamente o merece”. Pola súa banda, Carmen Canabal, responsable do restaurante Causa Street Food, avanzou que entre as tapas que presentará no festival estarán pratos tan clásicos da cociña peruana como o ceviche e a causa, así como unhas empanadillas de seco de tenreira, un brioche con carne mechada e, de sobremesa, unha torta tres leites.

PROGRAMA DO FESTIVAL GASTRONÓMICO MESTIZAXES:

Xoves 4 de novembro:

19:00 horas: Inauguración e apertura dos postos 

21:00 horas: Noite universitaria (Xoves Universitario)

22:00 horas: Actuación do DJ Fon Kid 

Venres 5 de novembro:

12:00 horas: Apertura da carpa 

13:00 horas: Sesión vermú con DJ T.O.T.S.

17:30 horas: Gravación do programa O Chuso

21:00 horas: Sesión nocturna con DJ T.O.T.S.

00:00 horas: Peche da carpa

Sábado 6 de novembro:

12:00 horas: Apertura da carpa 

13:00 horas: Sesión vermú con DJ T.O.T.S.

21:00 horas: Sesión nocturna con DJ T.O.T.S.

00:00 horas: Peche da carpa

Domingo 7 de novembro:

12:00 horas: Apertura da carpa 

13:00 horas: Sesión vermú con DJ T.O.T.S.

17:00 horas: Peche da carpa