- A iniciativa de Promoción Económica arrinca este mes con reunións dun grupo de expertos que establecerán bases e criterios de selección dos proxectos que serán mentorizados
- O Gastro Lab conta coa implicación da investigadora e divulgadora Eva Ballarín, experta do Basque Culinary Center e unha das mulleres máis influíntes da gastronomía española
A creación da marca Pontevedra Capital Gastro ten o obxectivo esencial de converter á nosa cidade nun referente gastronómico nacional e internacional. Para facelo posible, á marxe da celebración de exitosos eventos como a Festa das Cunchas, a Batalla das Cunchas, Mestizaxes ou o Desafío Filloa, a iniciativa impulsada pola concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, en colaboración coa firma Carta Blanca pon agora en marcha unha incubadora e aceleradora de proxectos gastronómicos: o Capital Gastro Lab, un programa que establecerá criterios profesionais á hora de emprender ou innovar en empresas xa existentes, facendo chegar aos empresarios dos sectores da restauración e a alimentación as claves para levar a cabo iniciativas exitosas, que dinamicen e fagan crecer a economía da cidade e xeren postos de traballo estables.
Este novo ‘chanzo’ na configuración da marca Pontevedra Capital Gastro, que supón a súa vertente máis profesional tanto polo seu público obxectivo como pola súa propia execución, desenvolverase ao longo de 2022 en catro fases diferenciadas máis unha final, das cales a primeira dará comezo de forma inmediata. Dita fase inicial prolongarase ata o 28 de febreiro e consistirá na constitución dun grupo de expertos que acompañará o inicio de todo o proceso deste programa e que estará composto por persoas pertencentes a entidades colaboradoras do proxecto: CIFP Carlos Oroza, Universidade de Vigo, Asociación de Jóvenes Empresarios (Aje), Asociación de Autónomos (Ape), Asociación de Empresarios da Mediana e Pequena Empresa (Aempe), Colexio de Psicólogos, Clúster de Turismo, Colexio de Xestores e Concello de Pontevedra, así como outras institucións públicas e algunha entidade financeira.
Segundo explicou esta mañá Yoya Blanco durante o acto de presentación do Gastro Lab, que tivo lugar na Sala de Prensa do Teatro Principal, “nesta fase daráselle publicidade ás bases de presentación e aos criterios de selección dos proxectos (publicaranse o día 2 de xaneiro), entre eles a sostibilidade, a innovación, a igualdade, a dixitalización, a viabilidade ou o feito de que deberán ser realizados na ou desde a cidade de Pontevedra”. A edil socialista estivo acompañada na súa comparecencia pola portavoz de Carta Blanca, Elena Vitoria, e pola “madriña de honra” desta incubadora de proxectos gastronómicos, a investigadora e divulgadora independente de tendencias, innovación e estratexia en turismo, hostalería e restauración Eva Ballarín, “experta do Basque Culinary Center que conta con máis de 160 conferencias online e offline ás súas costas e que é considerada unha das 150 máis influíntes do mundo do turismo (Sergestur 2020 e 2021) e unha das mulleres con maior influenza da gastronomía española”.
Catro cortes de selección
Ballarín axudará a dar visibilidade e poñer en valor o Capital Gastro Lab, participando de xeito virtual nas reunións que permitirán definir as súas bases e intervindo como condutora das mesmas, contribuíndo así á posta en marcha dunha segunda fase, que se desenvolverá entre o 1 e o 31 de marzo e na que se levarán a cabo catro cortes de selección: unha preselección na que se excluirán os proxectos que non cumpran cos criterios; un segundo corte que servirá de ‘filtro’ e no que se outorgarán dous puntos por cada criterio de valoración, pasando unicamente os proxectos que teñan un mínimo de oito puntos; unha semifinal, na que os empresarios que pasaran deberán facer unha exposición e defensa das súas iniciativas en 10 minutos, e un cuarto e definitivo corte, no que os expertos seleccionarán seis proxectos que serán os finalistas.
Tal e como avanzou Yoya Blanco, “nesta segunda fase, Eva Ballarín protagonizará unha sesión individual de mentoría de 30 minutos para os seis finalistas, co obxectivo de encauzar a visión estratéxica dos seus proxectos”. “Deste xeito -indicou a concelleira do PSOE- entrariamos nunha terceira fase, entre o 1 de abril e o 30 de xuño, cunha formación común en materias como dixitalización de negocios, asesoramento fiscal e laboral, educación financeira, igualdade e responsabilidade social, recursos humáns e xestión de equipos, márketing, branding e comunicación, deseño de interiores estratéxico e liderazgo. Asemade, celebraremos un foro/congreso entre os días 10, 11 e 12 de maio, no que por suposto tamén estará Eva Ballarín como relatora presencial”.
Neste período de formación común, Ballarín tamén impartirá unha masterclass de 60 minutos, achegando a súa experiencia nas materias de dixitalización de negocios, asesoramento fiscal e laboral, educación financieira, igualdade e responsabilidade social, recursos humáns e xestión de equipos, márketing, branding e comunicación, deseño de interiores estratéxico e liderazgo.
Na cuarta fase do Gastro Lab, que se desenvolverá entre o 1 de xullo e o 13 de outubro, abrirase un período de formación específica e mentorización individual, no que cada proxecto contará coa asistencia dun padriño ou madriña, persoas do mundo empresarial de éxito e con moito coñecemento do sector no que se desenvolva o proxecto. “O obxectivo é que preparen de xeito óptimo as súas presentacións para gran final, que terá lugar o 14 de outubro, cunha presentación pública de cada proxecto guiada polos padriños e madriñas e na que un xurado composto polo grupo de expertos dará a coñecer o nome do gañador. Tamén aquí contaremos con Eva Ballarín, que protagonizará unha mentoría individual de 60 minutos para os seis finalistas para preparar as estratexias do ‘pitch’ para a presentación final e que conducirá esta final pública”, subliñou a concelleira Yoya Blanco.
Para a socialista, “é unha verdadeira honra ter con nós a Eva, unha auténtica personalidade do sector e que ademais é muller”, ao igual “que as máximas responsables de que este proxecto e a marca Pontevedra Capital Gastro sexan realidade”. “A gastronomía e a alta cociña son mundos que aínda pertencen aos homes, pero no que tamén hai mulleres e mulleres moi potentes”, apuntou Yoya Blanco.
Ballarín: “O proxecto do Capital Gastro Lab é honesto e consistente”
“Estou aquí porque o proxecto que me presentaron de Capital Gastro Lab é un proxecto honesto e consistente. Proxectos e iniciativas hai moitísimos, pero a consistencia e a claridade de saber como estimular a innovación e o emprendemento non é tan habitual. Nos últimos anos mudou moito a nosa visión da hostalería, do turismo e das cidade e do que estas nos teñen que ofrecer. Deixamos de pensar que os grandes focos como Madrid ou Barcelona son os importantes e démonos conta de que existe unha riqueza máis aló destas grandes capitais que descoñeciamos e que nos perdemos durante moito tempo. Pontevedra é un enclave xeopolítico absolutamente estratéxico nesta zona do noso país e forma parte dun dos eixos con maiores posibilidades de dinamización”, afirmou Eva Ballarín. Na súa opinión, “as pezas están moi ben postas sobre o taboleiro” e a consistencia da iniciativa de Promoción Económica radica “na organización profesional que hai detrás, cun equipo que ten moito coñecemento do sector e do territorio”, e na xeración “dun ecosistema moi importante para que os proxectos que se presenten cheguen a ter éxito, coa necesaria colaboración pública e privada, indispensable para que as cousas funcionen”.
Ballarín considera que Capital Gastro Lab “vai facilitar o recoñecemento e visibilidade dunha parte intanxible do patrimonio”, fomentando e tutelando grandes seis ideas con ‘mentoring’ personalizado para convertelas en proxectos tractores “viables”. “Pontevedra conta cos ingredientes precisos para poder cociñar seis receitazas, seis receitas de éxito. O compromiso que hai detrás do proxecto garante o seu éxito e continuidade”, subliñou a investigadora e divulgadora gastronómica.
Elena Vitoria aclarou que a recepción de proxectos abrirase entre o día 2 de xaneiro, cando se publiquen as bases, e o 28 de febreiro, celebrándose o 8 de febreiro unha xornada informativa online conducida por Eva Ballarín para resolver as dúbidas que poidan existir. Segundo precisou, “unha vez recibidos tódolos proxectos, o grupo de expertos xa constituído, que beberá dos grupos e asociacións da nosa Mesa de Gastronomía, levará a cabo os cortes de selección dos mesmos”. “Os días 24 e 25 de marzo haberá unha defensa física presencial de dez minutos á que se convocará a aqueles proxectos que teñan pasado o corte. O grupo de expertos decidirá aquí cales son os seis que merecen pasar á seguinte fase. Terán que asinar un acordo, xa que se van investir moito tempo e recursos neles”, explicou a responsable de Carta Blanca.
Vitoria tamén avanzou que na presentación pública que se realizará o 14 de outubro para seleccionar o proxecto gañador “a cidade de Pontevedra tamén terá un voto” e que “o premio do vencedor traducirase no financiamento dos servizos de posta en marcha desa empresa (prevese unha cobertura de ata 18.000 euros e sempre contratados con outras firmas da cidade): pode significar, por exemplo, o pagamento do proxecto arquitectónico para a obtención da licencia ou do proxecto de enxeñería, pero non cuestións tanxibles como mobiliario”.
Tanto Yoya Blanco como Eva Ballarín achegáronse hoxe ata o CIFP Carlos Oroza para visitar as súas instalacións e participar nunha degustación do menú de Nadal do centro formativo pontevedrés.