Pontevedra busca ‘O selfie máis famoso do Nadal’

25

A Concellería de Promoción Económica e Turismo e a plataforma #PonteLovers suman unha iniciativa máis á vaga de talleres, actividades e ilusión que espallou por toda Pontevedra, incluíndo os seus barrios e parroquias. O departamento que dirixe a socialista Yoya Blanco, en colaboración coa axencia/consultora Icon, convida a tódolos pontevedreses a participar nunha campaña que, baixo o hashtag #VideoSelfiePontevedra, busca atopar ‘O selfie máis famoso do Nadal’.


Tal e como sinala a edil do PSOE, “os cidadáns que se acheguen ata a Praza de España entre este xoves 23 de decembro e o martes 4 de xaneiro poderán probar unha espectacular cámara 360 º, gravar un divertido vídeo, recibilo ao instante no seus móbiles e, por suposto, compartilo nas súas redes sociais”. “Temos que seguir vivindo estas festas con moita ledicia e queremos que a xente retrate o Nadal de Pontevedra como non o fixo nunca antes”, subliña Yoya Blanco.


Este ‘photocall’ de ‘O selfie máis famoso do Nadal’ permanecerá aberto en horario de 12:30 a 20:00 horas, salvo os días 24 e 31 de decembro (nos que abrirá só de 12:00 a 16:00 horas). As fins de semana do 25 ao 26 de decembro e do 1 ao 2 de xaneiro non funcionará.


Moitos dos vídeos e selfies (aqueles máis chamativos, divertidos…) serán tamén compartidos nas redes sociais de Visit Pontevedra.