Pontevedra festexa o Día da Muller e a Nena na Ciencia o 11 de febreiro cun encontro de divulgadoras científicas, un concurso escolar de relatos e roteiros

262
  • As científicas Carmela Cela, Paula Otero, Alba Aguión e Andrea Muras participarán nun debate con alumnado de 2º ciclo da ESO e Bacharelato o venres 11 de febreiro ás 12h. que será tamén transmitido en streaming
  • O prazo para a recepción de relatos para alumnado de ESO e FP Básico permanecerá aberto ata o 27 ás 15h no correo 11f.gciencia@gmail.com
  • As inscricións aos roteiros con mulleres científicas pontevedresas como protagonistas, que terán lugar os sábados 12, 19, 26 de febrero e 5 de marzo, estarán habilitadas en breve no apartado Apúntate da web do Concello.
GCiencia - Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia

A concelleira de Cultura Carme Fouces presentou esta mañá as actividades organizadas da man de GCiencia para festexar o 11 de febreiro, Día da Muller e a nena na ciencia “unha data pouco coñecida que agardamos que cada vez sexa máis referente. No ano 2018 cando iniciamos este proxecto nós xa tiñamos claro a súa importancia. A pandemia puxo o tema na palestra e a necesidade de reflexionar, discutir e debater cun posicionamiento filosófico, ético e coñecer o duro traballo que hai detrás. E igualmente necesario que as nenas, por mor da fenda de xénero, sintan que son capaces, e que teñen as condicións e que as mozas reivindiquen as melloras laborais que hoxe as científicas non disfrutan”

Fouces enumerou as actividades que formarán parte da programación que a continuación foron debulladas pola xornalista de GCiencia, Begoña Marquez.

Ambas xunto a dúas das divulgadoras científicas e unha profesora do IES Valle Inclán, conformarán o xurado dos certame de relatos que entregará os premios o propio día 11 no evento festexado ás 12h. no Pazo da Cultura.

ACTIVIDADES

1.ENCONTRO DE DIVULGADORAS CIENTÍFICAS. Pazo da Cultura, 11 de febreiro, ás 12.00 horas.

Reflexións e intercambio de experiencias de catro científicas ao redor da divulgación da ciencia: as novas canles de comunicación (YouTube, twitch, plataformas streamming…), o achegamento á xente nova, a fenda de xénero na ciencia e tamén no eido da divulgación, a promoción das vocacións científicas, etc. Con elas estará, como anfitrioa, a concelleira de Cultura, Carme Fouces.

  • Carmela Cela Rodríguez- Ecos de Xigantes

É graduada en Bioquímica pola Universidade Complutense de Madrid e traballa como investigadora predoutoral no Centro de Bioloxía Molecular Severo Ochoa do CSIC. Os seus quefaceres no laboratorio alternaos con varios proxectos que lle permiten facer o que máis lle gusta: divulgar sobre ciencia. Ten unha canle de YouTube sobre bioquímica (Ciencia con Carmen), na que fala de curiosidades xunto con dúas amigas da carreira e tamén copresenta un programa de divulgación científica en galego en Twitch (Ecos de Xigantes). 

  • Paula Otero Sánchez- Ciencia e Tal

 É Graduada en Ciencias Biomédicas e actualmente traballa coma investigadora predoutoral no grupo Genomes and Disease do CiMUS, Universidade de Santiago de Compostela. Neste momento desfruta dun contrato de Formación de Profesorado Universitario (FPU) para realizar un proxecto de investigación baseado en analizar os mecanismos que empregan os virus para causar cancro en humanos. Ademáis, Paula participa en dous proxectos de divulgación científica: ‘Ciencia e tal’ unha iniciativa na plataforma Twitch que realiza xunto co seu compañeiro Iván Varela; e ‘CiMUS Podcast’, un programa de entrevistas a investigadores do centro no que, cando é posible, tamén colaboran asociacións de pacientes.

– Alba Aguión Tarrío. Divulgadora científica e monologuista

É graduada en Bioloxía con dobre especialidade en Zooloxía e Bioloxía Mariña pola USC. É investigadora no Future Oceans Lab da Universidade de Vigo. Forma parte da iniciativa Homeward Bound, que pretende construír unha rede global de mulleres dedicada a fortalecer o liderado feminino na loita contra o cambio climático e polo futuro do planeta.

O global non lle fai perder de vista o local, a proba a súa investigación sobre os efectos do cambio climático sobre a pesca do percebe en Galicia.

A súa paixón pola divulgación científica elevouna, entre outros éxitos, a ser gañadora do concurso de monólogos científicos Famelab España 2016 e a quedar segunda no  International Famelab 2016. Ademais no 2017 gañou o concurso de vídeos de ciencia da Fundación Aquae 2017 e Somos Científicos 2017.

– Andrea Muras Mora -Ciencia Miúda

É unha doutora en  microbioloxía que trata de convencer á xente de que as bacterias molan. Ten un máster en biotecnoloxía e outro en cultura científica. Como investigadora participou en 18 publicacións científicas e tivo a oportunidade de pasar varios meses traballando en centros de investigación de Amsterdam e Israel. Hoxe en día está contratada como investigadora  pos-doutoral na Universidade Pública de Navarra onde estuda o comportamento das bacterias para tratar de previr infeccións.

En 2018, creou o seu proxecto de divulgación científica Ciencia miúda co que conta curiosidades a través das redes sociais. Ademais, Andrea tamén dá charlas e cursos de divulgación científica.

2.CONCURSO DE RELATOS CURTOS “A MULLER E A NENA NA CIENCIA”, dirixido a alumnas e alumnos de Secundaria (ESO e FP Básica).

  • O relato terá unha extensión mínima de 400 palabras e unha máxima de 500.
  • As narracións xirarán ao redor de temáticas inspiradas no 11F como: a relación das nenas coa ciencia, o traballo das  nosas científicas e investigadoras e o seu rol como referentes, a importancia da divulgación científica ou como combater a fenda de xénero na ciencia.
  • O idioma empregado será o galego.
  • O prazo de presentación de traballos finaliza o xoves 27 de Xaneiro, ás 15.00 horas.
  • Os relatos terán que enviarse por correo, en formato pdf o word, ao enderezo electrónico  11f.gciencia@gmail.com , co asunto “Concurso relato curto A muller e nena na Ciencia”.
  • O xurado estará integrado pola concelleira de Cultura, Carme Fouces (ou persoa na que delegue); dúas investigadoras e divulgadoras científicas, Carmela Cela y Paula Otero; unha profesora da área de Ciencias e unha xornalista de Gciencia.
  • O xurado valorará a orixinalidade do  relato, a capacidade expresiva do autor/a, a posta en valor das científicas e a pola igualdade na ciencia.
  • O ditame do xurado darase a coñecer o 10 de febreiro.
  • Os premios serán os seguintes:  1ª Premio- Tablet Primux Siroco Y

                                                         2º Premio- Altavoces Primux SK21 2.1 negros

                                                         3ª Premio- Powerbank Primux 2600MAH Portátil

  • A entrega de premios será o día 11 de febreiro, no marco do acto central do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia: “Encontro de divulgadoras científicas”, que terá lugar no Pazo da Cultura de Pontevedra.

3. ROTEIRO A MULLER GALEGA NA CIENCIA: A PEGADA DAS MULLERES CIENTÍFICAS EN PONTEVEDRA Dirixido ao público xeral e rapazada a partir de 12 anos. Terá catro quendas  os sábados 12, 19 e 26 de febreiro e 5 de marzo. Horario 11.00 horas. Actividade de balde pero con reserva a través do apartado apúntate da web do Concello.

O percorrido porá en valor e visibilizará a media ducia de mulleres científicas e investigadoras vencelladas a cidade de Pontevedra e reivindicará o papel da muller galega na ciencia, con múltiples exemplos/referentes pasados e presentes. Mulleres que foron quen de abrirse paso en espazos ocupados tan so por homes ata que elas chegaron.

As pontevedresas son:

  • Alicia Estévez Toranzo (Pontevedra, 1955). Microbióloga e investigadora-referente en patoloxía e acuicultura. Unha das primeiras académicas da Real Academia Galega das Ciencias. 

Isabel Aguirre de Úrcola (Vilagarcía, 1937). Arquitecta e paisaxista, rediseñou ambientalmente a Illa das Esculturas. 1ª muller en recibir o Premio Nacional de Arquitectura Manuel de la Dehesa, en 1997.

Mª Inmaculada Paz Andrade (Pontevedra, 1928). Referencia internacional en Microcalorimetría, foi a primeira catedrática da Facultade de Física da USC. 1ª muller que recibiu a Medalla de Ouro de Física da Real Academia Española de Física.

Mª Alicia Crespí González (Pontevedra, 1922-Madrid, 2013). Catedrática de electrotecnia, luminotecnia e técnicas de acondicionamento e acústica.1º catedrática dunha escola técnica superior en España: a ETS de Arquitectura de Madrid.

Elisa Patiño Meléndez  (Chiclana) (Pontevedra, 1890-1919). 1ª muller en voar en Galicia e España e probablemente en Europa. Foi o 12 de outubro de 1913.

  • Concepción Arenal Ponte ( Ferrol, 1820- Vigo, 1893). Escritora, xornalista e pioneira na loita dos dereitos das mulleres, dos presos e das clases menos favorecidas. Foi a 1 muller visitadora de cárceres, en 1863; 1ª muller premiada pola Real Academia de Ciencias Morais e Políticas.