O Mellor da Terra convídanos a degustar unha selección de alimentos de proximidade naturais e ecolóxicos directamente dos produtores ao padal

249
  • A segunda edición do evento impulsado pola Concellería de Promoción Económica e #PonteLovers exhibirá esta fin de semana na Praza de España os produtos de 37 expositores
  • Entre as delicatessen inclúense 7 variedades de queixo, ostras de El Abuelo Lelo, a repostería de Alicia’s Cake, a crema de cacahuete Vainatti, as marmeladas Nela ou as Xacobleas

Os amantes dos manxares gourmet e delicatessen teñen unha cita ineludible esta fin de semana na Praza de España na II Feira de Alimentación de Produtos Naturais, Ecolóxicos e de Proximidade ‘O Mellor da Terra’, impulsada pola Concellería de Promoción Económica e Turismo e a plataforma #PonteLovers co obxectivo de converterse en escaparate dos pequenos produtores da industria alimentaria e visibilizar e potenciar entre os visitantes unha ampla gama de produtos innovadores, diferenciados e saudables. O evento, que se desenvolverá o venres 4, o sábado 5 e o domingo 6 de febreiro en horario ininterrompido de 11:00 a 21:00 horas, contará cuns 35 expositores distribuídos nunha enorme carpa de 50 metros e outros dous externos (un de crêpes de froita e maila Churrería Galiano). 

Ao igual que na súa edición inaugural, O Mellor da Terra apostará por pequenos produtores que non teñen capacidade para chegar a grandes superficies e que supoñen un piar imprescindible na economía do noso territorio, dando a coñecer eses artigos de proximidade de primeiro nivel ao consumidor final. Unha atractiva exposición que, como sinalou esta mañá no Concello durante a súa presentación a edil de Promoción Económica e Turismo, a socialista Yoya Blanco, “exhibirá produtos de máxima calidade non procesados, vitais e insubstituíbles polo papel que desempeñan na saúde e o benestar dos cidadáns, no medio ambiente e no desenvolvemento da economía local”. “Participan neste proxecto unha gran variedade de produtores e de produtos que resultan difíciles de atopar no circuíto habitual”, apuntou a concelleira.

Blanco, que estivo acompañada polos responsables da organización, Mar Calvar e Jorge Fernández, explicou que “entre os tesouros gastronómicos que se poderán atopar nesta feira inclúense unhas sete variedades de queixos distintos (de cabra, de ovella, tetilla, negro, de lunares, italiano e francés); a mellor de cecina de León; un dos mellores pimentóns e, como non, as anchoas número un do mundo, as de Santoña”. Tal e como aclarou a edil do PSOE, “estes produtos son os únicos de fóra de Galicia, o resto pertencen todos a produtores galegos, destacando firmas como Pepa a Loba cun paté de centola, e iniciativas emprendedoras que son de Pontevedra e que están a loitar para facerse un oco como Xacobleas; O Percebeiro; El Abuelo Lelo, coas súas ostras afumadas; Alicia’s Cake, coa súa fantástica repostería; aceites Embruxo e Cervexas Meiga, así como outros elixires elaborados a base de hidromel e mirabel.

Tampouco faltarán á cita os produtos de mel da zona, tanto de Ourense como de Vilagarcía, marmeladas Nela Gourmet, galletas Burriana, a crema de cacahuete artesá Vainatti, a bica de castaña Amarelante, cafés Aruba, as croquetas de Mareterra ou os ‘preñados’ de choripán de Antonio e Brais.

Segundo precisou Yoya Blanco, esta feira, que na súa primeira edición se celebrou a principios de maio, adiantouse a estas datas “tanto pola boa acollida do mesmo como pola elevada organización de eventos e de ocupación de espazos públicos que se vai dar durante ese mes, no que se celebrarán cousas de xeito case continuado”. “Os pequenos produtores demándannos que se faga un evento destas características -subliñou a concelleira socialista- e a maioría dos expositores serán de Pontevedra, da comarca, de Galicia. Queremos animar á cidadanía a que se achegue para degustar produto noso, de proximidade”.

Jorge Fernández lembrou que O Mellor da Terra “é unha feira que se está a consolidar a nivel galego, pois xa se estendeu cara as outras grandes cidades”, e que conta “cunha enorme variedade de produtos, moitos deles descoñecidos para o público en xeral”. Tal e como indicou Fernández, na primeira edición da feira “tivemos cheo en hospedaría e hostalería, con máis de 30.000 persoas que pasaron pola Praza de España, o que supón un grande beneficio para a cidade”.