Benestar Social impulsa uns Obradoiros Familiares nos que se abordarán cuestións como a adición ás redes sociais, os contidos falsos no mundo virtual, a prevención do consumo de drogas, a educación sexual e o papel da familia nos hábitos de estudo

131

No marco das accións realizadas dentro do Plan Municipal de Prevención de Condutas Aditivas (que o Concello desenvolve en colaboración coa Consellería de Sanidade), a  Concellería de Benestar Social, que dirixe o socialista Marcos Rey, porá en marcha neste mes de marzo os seus Obradoiros Familiares, concibidos como un espazo puntual de reunión para familias para abordar temas de interese de xeito monográfico e intensivo e impartidos por profesionais expertos en educación e prevención. Estes talleres permiten complementar desde unha perspectiva integradora o traballo preventivo que se leva a cabo a través dos Obradoiros de Prevención nos institutos da nosa cidade e dos Obradoiros de Educación en Valores nos centros de Primaria (que se organizarán até o mes de xuño), implicando a toda a comunidade educativa mediante sesións temáticas de hora e media.


Tal e como explica Marcos Rey, “coa finalidade de facilitar a asistencia das persoas interesadas, decidimos establecer tres opcións de horario para cada temática, permitíndose a inscrición a un ou a tódolos obradoiros en función dos intereses”. A actividade desenvolverase en modalidade mixta, presencial e online, celebrándose as sesións presenciais na Casa Azul (rúa Sor Lucía, 2) e facilitándose un enlace para aqueles que opten por seguilas en liña.

Os obradoiros que se leven a cabo en horario de tarde contarán cunha ludoteca para nenos e nenas maiores de dous anos no mesmo edificio (Casa Azul), para facilitar así a conciliación familiar. Este servizo haberá que solicitalo ao facer a inscrición, sendo tamén preciso indicar a idade dos menores para adaptar a temática do obradoiro á idade dos fillos e fillas das persoas participantes.


Os Obradoiros Familiares propostos pola Concellería de Benestar Social son os seguintes: 


Obradoiro 1. ‘Familias dixitais I. Aprendendo conceptos’. A diferenza entre adición con substancia e comportamental, a diferenza entre uso e abuso nas TIC, a dificultade para deixar liberdade en redes, e as relacións a través das TIC:    

• Luns 28 de marzo de 12:00 a 13:30 horas    

• Luns 28 de marzo de 16:30 a 18:00 horas    

• Mércores 30 de marzo de 18:00 a 19:30 horas

(hai que elixir unha data)


Obradoiro 2. ‘Familias dixitais II. O novo mundo virtual’.  Información ou contido falso ou perigoso. Como coñecer o contido que se consume. Os xogos, apps, apostas, inversións e estafas:   

• Luns 4 de abril de 12:00 a 13:30 horas    

• Luns 4 de abril de 16:30 a 18:00 horas    

• Mércores 6 de abril 18:00 a 19:30 horas

(hai que elixir unha data)

Obradoiro 3. ‘Fortalecendo familias: Prevención do consumo de drogas’. Como afecta o consumo na familia, os factores de risco e protección, os riscos do alcohol e tabaco, os primeiros contactos con outras drogas (como detectalos) e como educar noutras formas de lecer: 

• Mércores 20 de abril de 18:00 a 19:30 horas    

• Luns 25 de abril de 12:00 a 13:30 horas    

• Luns 25 de abril de 16:30h a 18:00 horas

(hai que elixir unha data)


Obradoiro 4. ‘Falando de sexualidade en familia’. Orientación sexual e diversidade de xéneros, educación sexual, prevención de abusos:   

• Mércores 27 de abril de 18:00 a 19:30 horas    

• Luns 2 de maio de 12:00 a 13:30 horas    

• Luns 2 de maio de 16:30 a 18:00 horas

(hai que elixir unha data)

Obradoiro 5. ‘O papel da familia nos hábitos de estudo’. Por que suspenden rapaces e rapazas que si se interesan polo estudo, organización do tempo de estudo, tips, consellos e hábitos e técnicas de estudo:    

• Mércores 4 de maio de 18:00 a 19:30 horas    

• Luns 9 de maio de 12:00 a 13:30 horas    

• Luns 9 de maio de 16:30 a 18:00 horas

(hai que elixir unha data)


Tamén se programará, no mes de maio, unha sesión onde se abordarán os ‘Aspectos  legais relacionados coas TIC’, impartira por un membro dos Corpos e Forzas de Seguridade experto en Ciberdelincuencia (as datas están aínda por concretar).


Todas aquelas persoas que desexen inscribirse deberán remitir un correo a planadiccions@pontevedra.eu, indicando a seguinte información: nome e apelidos, teléfono, correo electrónico, idade do/s fillos/as, obradoiro/s ao que se quere inscribir, modalidade presencial ou online (sinalando se precisa o servizo de ludoteca no caso de seren presencial) e data/s elixidas.