PonteSán regresa a fin de semana do 20 ao 22 de maio con récord de participación e un programa orientado a optimizar a nosa saúde mental e benestar emocional

2472
  • A III Feira da Saúde e o Benestar, impulsada pola Concellería de Deportes e Saúde en colaboración coa Deputación Provincial, contará cuns 40 expositores e desenvolverá unha intensa oferta de obradoiros, charlas, exhibicións e clases
  • Entre as actividades que se celebrarán na carpa que se instalará na Praza de España e na avenida de Montero Ríos inclúense fútbol a pé, dancehall, papiroflexia, un showcooking, un campionato de petanca e unha andaina solidaria

O maior evento socio sanitario que se celebra en Galicia regresará a fin de semana do 20 ao 22 de maio nunha III edición con récord de participación e un intenso e variado programa orientado a combater os efectos da pandemia no noso estado de ánimo e a optimizar a nosa saúde mental e benestar emocional. A Feira da Saúde e o Benestar 2022, impulsada pola Concellería de Deportes e Saúde en colaboración coa Deputación Provincial, contará coa implicación de máis de 40 entidades expositoras, entre colectivos, colexios profesionais e institucións vencellados ao sector sanitario, que terán ocasión de visibilizar o seu traballo e que desenvolverán unha chea de obradoiros, exhibicións, charlas e clases tanto na carpa que se instalará na Praza de España como na avenida de Montero Ríos.

Entre as actividades das que a cidadanía poderá desfrutar de balde, o venres 20 e o sábado 21 en horario de 11:00 a 14:30 horas e de 17:00 a 20:30 horas e o domingo 22 de 10:00 a 14:00 horas, inclúense fúbtol a pé, dancehall, papiroflexia, un showcooking, un campionato de petanca ou unha andaina solidaria. Unha oferta para tódolos intereses, gustos e condicións coa que se pretende poñer en valor o inxente labor que realizan as nosas asociacións socio sanitarias e que hoxe foi presentada no Concello de Pontevedra nun acto que contou coa asistencia do tenente de alcalde e concelleiro de Deportes e Saúde, Tino Fernández, e maila deputada provincial de Cohesión Social, Olga García Ballesteros.

Un punto de asesoramento e información sobre saúde mental a cargo da psicóloga sanitaria Marta Boquete, da Asociación Alba; unha charla titulada ‘Aprende a quererte e coidarte para mellorar a túa xestión emocional’ impartida por Nieves Fernández, voluntaria de Cruz Vermella, e o relatorio participativo ‘Na procura dunha boa saúde mental’, orientado a fomentar estilos de vida saudables de cara a unha mellor saúde mental e protagonizado pola psicóloga clínica Montse García, son algunhas das propostas organizadas para o venres. 

“Nesta xornada inaugural -indicou Tino Fernández- tamén teremos unha presentación de cambiadores inclusivos e do libro ‘O revolucionario mundo dos probióticos’ a cargo de Asseii, outra a cargo de membros da directiva da Asociación de Enfermos de Artrite de Pontevedra (Asearpo), unha exhibición de petanca, fútbol a pé e obradoiros de percuterapia (con Pedro Campos), exercicios hipopresivos (impartido pola monitora de Adicam Sara Malvido) e cociña saudable adaptada á enfermidade renal (coa nutricionista de Alcer Galicia Laura Faílde), e unha mesa redonda sobre a ‘Importancia do deporte na saúde física e mental’, coa participación de tódalas asociacións e federacións deportivas presentes na feira e moderada por Roberto Silva, colexiado do Colef”.

Unha charla e demostración sobre ‘Texturizados saudables’ (para adaptar a textura dos alimentos se sofres disfaxia) a cargo da logopeda Viviane Manuela Ramil, da Asociación Amencer-Aspace; un relatorio sobre autocoidado e xestión emocional protagonizado polas psicólogas de Adicam Vanesa Parada e Iria Núñez, e outro titulado ‘Proxecto HimELAyA – Grito de Vida’ (que ten como obxectivo lograr que un enfermo de Ela chegue á maior altura que xamais puido acadar un doente, o Campo Base do Everest, con 5.364 metros de altitude) son algúns dos pratos fortes da xornada do sábado, na que tamén se celebrarán presentacións de Art For Dent e o Club Tenis de Mesa Monte Porreiro, unha charla sobre como previr un ictus a cargo de Cruz Vermella e un showcooking de aliños orixinais para as ensaladas impartido por Almudena Seijido, vogal do Colexio Oficial de Dietistas-Nutricionistas de Galicia.

Sesións de Tai Chi Qigon (con Rita Rodríguez, de Asearpo) e Risoterapia (con Mar García, de Risotadas), unha exhibición e aula de Fit Dance, unha mesa redonda sobre ‘O benestar emocional nos colectivos sociosanitarios’, un obradoiro de papiroflexia, unha exhibición de tenis de mesa, un campionato de petanca e un pasarrúas a cargo de Nelson Quinteiro completarán o programa de actividades desta segunda xornada da Feira da Saúde.

Tal e como sinalou o tenente de alcalde, “para o domingo están previstos un relatorio sobre ‘Os beneficios na saúde mental da boa práctica de exercicio físico’; unha charla titulada ‘Como mellorar a nosa saúde física cando temos unha enfermidade reumática’ impartida por José León, xerente da Liga Reumatolóxica Galega; unha conferencia para familias sobre ‘Alimentación saudable para os teus fillos e fillas’; talleres de primeiros auxilios básicos, papiroflexia e iniciación ao ioga, e unha clase de dancehall”. “Unha nova Andaina Solidaria PonteSán, con saída desde a avenida de Montero Ríos, e a lectura do Manifesto pola Saúde poranlle o broche de ouro a esta Feira PonteSán”, avanzou o edil do PSOE.

Homenaxear e visibilizar un labor impagable

Fernández fixo fincapé na consolidación de PonteSán como “a feira máis importante de Galicia que se celebra neste eido das entidades socio sanitarias sen ánimo de lucro, que axudan a mellorar a rede asistencial e as nosas vidas e saúde dun xeito impagable”. “Esta feira naceu para iso: para servir de homenaxe e xeito de visibilización do labor que se fai desde esas asociacións e que as persoas que temos problemas de saúde, ou as que os poden ter nun futuro, saiban que, á marxe dunha asistencia sanitaria das mellores do mundo, tamén dispoñen dunha rede complementaria de axuda que é ás veces tan importante como a parte terapéutica do tratamento dunha enfermidade. Saber que non estás só, que hai xente que te entende e que te apoia cando estás desorientado, é fundamental”, asegurou o tenente de alcalde. 

Para Tino Fernández, máis aló dos tres días de celebración da feira, Pontevedra estase a converter en referente nos ámbitos socio sanitario e da saúde, xa que “levamos traballando nisto durante todo o ano a través do programa A Vida é Movernos, con actividades encamiñadas a retomar os espazos públicos”.

Olga García Ballesteros salientou a importancia desta III Feira da Saúde “para darlle visibilidade a tódalas asociacións e federacións que foron das que máis sufriron os danos coa pandemia, ao non poder organizar as súas actividades con normalidade nin ofrecer aos usuarios todo o coidado que precisaban”. “É un escaparate moi amplo para que todas as persoas que se acheguen poidan coñecer o traballo que fan polo ben da saúde, que é a cousa máis importante que temos. Hai que coidar a saúde, facer deporte e vixiar o que comemos. Agardo que, ao igual que as dúas edicións anteriores, volva ser un éxito”, afirmou a deputada provincial de Cohesión Social.

Na carpa da Praza de España daranse cita os seguintes expositores:

  1. Deputación de Pontevedra
  2. Concello de Pontevedra: MetroSán
  3. Sergas
  4. Asociación de Celíacos de Galicia (Acega)
  5. Asociación de Persoas Diagnosticad@s de Cancro de Mama (Adicam)
  6. Asociación Española Contra o Cancro (Aecc)
  7. Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer e Outras Demencias (Afapo)
  8. Asociación Galega de Afectados pola Esclerose Lateral Amiotrófica (Agaela)
  9. Asociación Galega de Linfedema (Agl) + Nordic Walking Vigo
  10. Alba, Asociación de Familiares e Amigos de Persoas con Enfermidade Mental
  11. Asociación para a Loita Contra as Enfermidades do Ril (Alcer)
  12. Asociación de Alcohólicos Anónimos
  13. Asociación de Nenos, Nenas e Xente Nova con Diabete (Anedia)
  14. Amencer-Aspace (Asociación de Atención á Parálise Cerebral e Afíns) + Programa Rodando
  15. Asociación de Párkinson de Pontevedra (Apropark)
  16. Art For Dent (Asociación Galega da Enfermidade de Dent)
  17. Asociación de Enfermos de Artrite de Pontevedra (Asearpo)
  18. Asociación Galega contra as Enfermidades Neuromusculares (Asem Galicia)
  19. Asociación Socio Sanitaria de Enfermidades Inflamatorias Intestinais e Ostomizados (Asseii)
  20. Cruz Vermella
  21. Asociación Juan XXIII
  22. Liga Reumatolóxica Galega
  23. Xoga, Organización de Diversidade Sensorial de Galicia
  24. Asociación Galega de Ludópatas Rehabilitados (Agalure) + Asociación Galega de Xogadores Anónimos (Agaxa)
  25. Asociación Huesos de Cristal (Ahuce)
  26. Colexio Oficial de Dietistas-Nutricionistas de Galicia (Codinugal)
  27. Colexio Oficial de Psicólogos de Galicia
  28. Colexio Oficial de Licenciados en Educación Física e en Ciencias da Actividade Física e o Deporte de Galicia (Colef Galicia)
  29. Federación Galega de Natación (natación, natación sincronizada e waterpolo)
  30. Federación Galega de Balonmán
  31. Federación Galega de Baloncesto
  32. Federación Galega de Xadrez
  33. Federación Galega de Baile
  34. Federación Galega de Tenis de Mesa
  35. Federación Galega de Piragüismo
  36. Federación Galega de Rugby
  37. Federación Galega de Atletismo
  38. Fundación Monte Castrove 
  39. Asociación de Amigos do Camiño Portugués
  40. Galidance