Benestar Social organiza unha charla dun experto en ciberdelincuencia da Garda Civil destinada a pais e nais e na que se abordarán ‘Aspectos legais relacionados coas TIC’

62

Coa finalidade de ampliar e complementar a formación desenvolvida nos últimos meses a través dos Obradoiros Familiares do Plan Municipal de Prevención de Condutas Aditivas, a Concellería de Benestar Social programou unha conferencia destinada a pais e nais na que se abordarán ‘Aspectos legais relacionados coas Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC)’. A charla terá lugar na Casa Azul (rúa Sor Lucía, 2 – 2º andar) o mércores 8 de xuño, en horario de 18:00 a 20:00 horas, e será impartida por José Torres Meira, experto universitario en Investigación da Ciberdelincuencia, responsable do Equipo de Investigación Tecnolóxica da Policía Xudicial da Garda Civil de Pontevedra e diplomado como especialista en Privacidade e Seguridade nas Redes Sociais polo Instituto Nacional de Ciberseguridade (Incibe) e como especialista na Análise de Evidencias Dixitais polo Centro Nacional de Excelencia en Ciberseguridade (Cnec).


O concelleiro de Benestar Social, o socialista Marcos Rey, anima a tódolos proxenitores interesados a participar nun taller “esencial para comprender como protexer aos nosos fillos e a nós mesmos no contexto dunha sociedade dixitalmente alfabetizada e que cada vez se comunica máis mediante redes sociais”. “Para asistir a esta conferencia de balade é necesario realizar inscrición previa, remitindo un correo a planadiccions@pontevedra.eu, indicando nome e apelidos, teléfono, email e idade do/s fillo/as”, explica Rey.