Pontevedra «non terá parada» cunha programación de verán que mesturará citas de todo tipo, formatos e localizacións

1571
A concelleira de Festas, Carme da Silva, presentou esta mañá os diferentes eventos dun verán que comeza hoxe mesmo e que encherán de vida, ocio e cultura a Boa Vila ao longo das vindeiras semanas
Danza, cinema, música, animación infantil, romarías, monólogos, literatura… Pontevedra será testemuña dunha programación ecléctica e diversa, pensada para todos e todas 

A concelleira de Festas, Carme da Silva, quixo deixalo claro desde o principio da presentación da programación de verán realizada hoxe: «Pontevedra non ten parada». Así o constata a ambiciosa e intensa programación que o Concello de Pontevedra ten preparada e pechada para este estío, e que promete encher de vida, ocio e cultura os barrios, as parroquias, as prazas e as rúas da Boa Vila.

Cun programa que se inicia de xeito inminente, co xa presentado Surfing the Lérez, e que chegará até o mes de setembro cunha despedida por todo o alto coa Feira Franca; o verán pontevedrés será un fervedoiro de actividades. «É un verán que chega con moita gana de alegría e de contacto humano», lembrou a edil. «O programa que hoxe presentamos non inclúe a programación da Peregrina porque decidimos sacalo separadamente porque xa sería un tomo de enciclopedia e non un libro manexable. Pronto falaremos da Peregrina e das súas sorpresas, mais aquí están todas as actividades».

«É unha programación intensa e variada, tanto pola súa diversidade na tipoloxía: danza, cinema, literatura, música, animación… como pola diversidade no número de espazos nos que teremos actividades, xa que falaríamos de ao redor de vinte lugares diferentes, dentro do centro histórico, nos barrios, nas parroquias…. E tamén será variada nos formatos, con citas máis grandes, máis pequenas ou con público sentado ou de pé. Teremos de todo», explicou da Silva.

O programa completo pode ser consultado e descargado aquí.

  • Surfing the Lérez (23-25 de xuño)
  • Ambienta (27 de xuño ao 1 de xullo)
  • III Festival de Música de Cámara Cidade de Pontevedra (2 ao 3 de xullo, en Santa Clara)
  • Animatrón (5 ao 8 de xullo)
  • Festa dos Libros (8 ao 10 de xullo)
  • Música de Bandas (9, 16 e 23 de xullo)
  • Romaría de San Bieito de Lérez (11 de xullo)
  • XXIII Memorial Ricardo Portela. Homenaxe a Maruxa Miguéns e Xosé Romero (15 ao 17 de xullo)
  • XXVIII Festival Internacional de Jazz e Blues (20 ao 24 de xullo)
  • Festixeve (21 ao 24 de xullo)
  • Festas de Santiaguiño do Burgo (22 ao 26 de xullo)
  • Urbana Monte Porreiro (27 ao 30 de xullo)
  • Cinema a Estrelas (27 o 31 de xullo)
  • Trebellando na Alameda. Ciclo infantil de teatro música e maxia (1 ao 5 de agosto)
  • Noites de Monólogos (1 ao 5 de agosto)
  • Galicia Ilusiona (2 de agosto)
  • Itineranta (3 ao 5 de agosto)
  • Senda Festival (5 e 6 de agosto)
  • Con voz de muller (6 ao 10 de agosto)
  • O Son Local (9 ao 12 de agosto)
  • Aquí Cántase (12 de agosto)
  • Festa do Demo (23 de agosto)
  • Feira Franca (2 e 3 de setembro)

Da Silva fai fincapé na mistura e convivencia de formatos, coa recuperación de citas tradicionais no seu máximo apoxeo como o Memorial Ricardo Portela ou o Festival Internacional de Jazz e Blues; e novas apostas que aos poucos se van posicionando e gañando terreo como Urbana Monte Porreiro ou Noites de Monólogos; amais de citas populares como a Romaría de San Bieito de Lérez.

O deseño do programa foi un traballo de ERA Comunicación, inspirado nas postais dos anos 50, recreando elementos do verán pontevedreses «ou máis aló do verán» como son as camelias, o loro Ravachol, prazas recoñecíbeis e outros elementos «que forman parte de nós e das imaxes que temos na cabeza cando pensamos en Pontevedra». Ademais, a revista inclúe unha postal que pode ser recortada e enviada ou gardada como lembranza da cidade.