O Concello inaugurará en decembro a exposición ‘Pontevedra. A cidade é a pegada’ que reflexionará sobre o acontecemento de pertencer a Pontevedra

1409

A Sala de Exposicións do Pazo da Cultura acollerá a mostra, na que se traballa desde novembro, entre o 15 de decembro de 2022 e o 22 de marzo de 2023

Comisariada por Alfredo Olmedo, conta con 6 subcomisarios encargados das diferentes áreas, así como a colaboración do arquiveiro municipal, Rodrigo Silva.

O río, da man de Eduardo Outeiro e Raphael Chipperfield, a infancia con Norberto Olmedo e
Fernando Suárez, Milagros Bará responsable do apartado de personaxes e figuras e o estudo de arquitectura NAN con Alberto Reiriz e Vicente Pillado da sección de arquitectura e urbanismo. Patricia Dopico será encargada do deseño editorial e o catálogo, que se pretende sexa nun futuro un agasallo institucional

Quince institucións e unha ducia de particulares, cederán pezas e documentos para este proxecto inédito que será a maior produción expositiva levada a cabo polo Concello ata o momento

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e a concelleira de Cultura, Carme Fouces,
presentaron esta mañá o proxecto expositivo inédito ‘Pontevedra. A cidade é a pegada’ que verá a
luz o 15 de decembro no Pazo da Cultura de Pontevedra e permanecerá instalada e visitable até o
22 de marzo de 2023.

Fixérono acompañados polo equipo que traballo na mostra desde hai meses, o comisario Alfredo
Olmedo e os subcomisarios Eduardo Outeiro, Norberto Olmedo e Fernando Suárez, Milagros Bará,
Alberto Reiriz e Vicente Pillado do estudio de arquitectura NAN, o arquiveiro municipal Rodrigo
Silva, e Patricia Dopico, responsable do deseño editorial.

Lores foi o encargado de abrir a intervención salientando o traballo que está a realizar desde hai
moitos meses o Concello para «elaborar esta exposición inédita na cidade, producida en
Pontevedra. Unha cidade cun esplendoroso futuro pero que debe ter en conta o pasado e
a memoria histórica. Unha mostra que falará do río, de urbanismo e arquitectura, das persoas que
conforman a cidade, da evolución da cidade e da pegada que deixa nas persoas. O catálogo que é
case un proxecto paralelo á exposición, e que agardamos que se serva nun futuro como agasallo
institucional, etc. Estamos moi ilusionados e levamos moito tempo traballando».

A concelleira Carme Fouces, responsable política da exposición transmitiu que «non se abordara o
que era Pontevedra como cidade desta maneira. Puxemos en marcha unha mirada diferente do
que fomos. Demos moitas voltas ata atopar a persoa adecuada. Afredo Olmedo ten o acervo
cultural e estilísitco, pero o que máis importa é que é de Pontevedra e quere a Pontevedra.
Conformou un equipo moi heteroxéneo, variado e xenial. Nós acertamos con Alfredo e Alfredo
acertou co equipo».

«É unha exposición moi coral tanto pola organización como por todas as institucións e persoas que
van ceder material e ás que quero agradecer e nomear: Museo de Pontevedra, Arquivo Provincial,
Arquivo Municipal, Arquivo Pacheco, Instituto de Patrimonio Cultural de España, RTVE, Fundación
Torrente Ballester, IES Valle-Inclán, Abanca, Diario de Pontevedra, Juan XXIII, ONCE —estamos moi
preocupados en que sexa unha mostra inclusiva en tódolos sentidos—, Delegación de Pontevedra
da Axencia Galega de Infraestruturas, Club de Piragüismo e preto dunha ducia de particulares.
Agardo que sexa algo que a cidade reciba coa mesma ilusión que nos a estamos construíndo».

Pola súa banda, o comisario Alfredo Olmedo quixo recalcar o interese en «transmitir a incidencia da
cidade nas persoas e a das persoas na cidade, a través dun fío condutor que é a mirada da infancia, que é o espazo escénico no que imos traballar. Para os que vivimos aquí é o normal, pero para a xente
que vén de fóra e moi sorprendente a cantidade de nenos e nenas que hai na rúa e desenvolven alí
unha parte importante do seu día, da sociabilización, do xogo. Nós definímonos creativamente e
plásticamente nese momento da vida e o feito de pertencer a unha cidade ou outra, nos singulariza
e eu creo que Pontevedra nese aspecto é unha cidade cunha entidade suficientemente marcada. É
un proxecto de grupo, de equipo, e aínda que eu como comisario teña a última palabra, a
dirección de cada unha das salas e os espazos está moi vinculada á mirada de cada un dos
subcomisarios».

Sen desvelar moito o contido da mostra, o comisario avanzou que a exposición estará centrada
sobre todo no século pasado e que haberá escultura, pintura, documentos, audiovisuais da man de
Chipperfield, «lecturas visuais da propia cidade a partir de fotografías, planos, debuxos. O material
tamén ten que ver co literario, xa que Alberto Ruíz de Samaniego vai escribir un texto para a
exposición, xa que viviu moitos anos en Pontevedra e ten unha visión moi singular do que é a
relación da cidade coas persoas. O documento editorial pretendemos que sexa un proxecto
dentro do proxecto, non un catálogo ao uso», apuntaba Olmedo.

A concelleira quixo destacar que «moi posiblemente esta sexa a produción máis importante a nivel
expositivo que levou a cabo o Concello desde que eu teño memoria.
A tódolos niveis: en si mesmo
a nivel de produción, que vai ser moi espectacular a forma de expoñelo e velo e tamén do
volume de peticións de material material dende o punto de vista administrativo, que temos moitos
efectivos traballando. Polo tempo de traballo desde un ano antes, que levamos desde novembro
mantendo reunións, o tratamento que se vai dar á comunicación e tamén ao que poderiamos
chamar posprodución como á hora de desenvolver as visitas, o traballo inclusivo, didáctico e do
tamén do merchandising, ese material que as persoas que se acheguen poidan levar para a casa.
Ese espazo que se vai a desenvolver no Pazo vai ser unha representación desa pegada que vai
estar representada nesas cousiñas que queremos que a xente teña a súa disposición para levar con
ela».