A historia da Boa Vila, a través de oito pezas audiovisuais cun carácter sinxelo, divulgativo e pensado para todos e todas

144
Os vídeos parten dunha unidade didáctica creada por Taller Abierto para os centros de ensino da cidade á hora de explorar e explicar a historia de Pontevedra
O responsábel da área de Patrimonio histórico, Xaquín Moreda, afirma que este novo traballo «permite facer un repaso á historia e ao urbanismo da cidade» nun formato moderno e recoñecíbel mesmo nas novas xeracións 

O edil de Patrimonio histórico, Xaquín Moreda, presentou esta mañá unha nova proposta para dar a coñecer a historia da Boa Vila. O concelleiro lembrou que un dos obxectivos que ten a súa área municipal é este, mais logralo entre un público diverso e amplo, pensando en todos e todas. Así, e como exemplo práctico, no seu día xa foi ideado un videoxogo chamado Ponte Veteri, que propoñía un roteiro circular diferente e con base na tecnoloxía polo casco histórico da cidade centrado nas confrarías e na concesión do Foro a Pontevedra.

Así, pensando na xente nova e cativa, o Concello tamén presentou hai uns meses unha unidade didáctica dirixida aos colexios de Pontevedra, na que se serviría de material explicativo para aula ao facer un repaso da historia da idade a través da arquitectura e da trama urbana. Esta unidade partía da lenda do Teucro até os nosos días, pasando polo asentamento romano ou o porto medieval.

Este material, este documento didáctico creado por Taller Abierto, foi reutilizado e reciclado, retomando esa idea promovida polo Concello da economía circular de aproveitamento ao máximo dos recursos, para crear un novo formato audiovisual, con oito pezas de curta duración que «dunha maneira sinxela explican a historia da nosa cidade e serven de complemento á nomeada unidade didáctica». 

Son unha serie de vídeos cunha duración aproximada de dous minutos, locutados, e que recollen diferentes épocas ou poñen a súa atención en períodos concretos:

1. – REXURDIMENTO URBANO: O nacemento de PONTE VETERI

2. – CONVENTO DE SANTA CLARA: Da vida en clausura á apertura á cidadanía

3.-  AS PRAZAS: Os baleiros da trama urbana medieval

4. – MOUREIRA: O barrio mariñeiro

5. – SANTA MARÍA: Un proxecto dos mareantes

6. – A PONTE: DE TUROQUA A BOA VILA

7. – SESMERO: A transformación da Pontevedra medieval

8. – SÉCULO XXI: Da orixe á actualidade

As pezas poden xa ser descargas ou vistas desde YouTube, na canle oficial do Concello de Pontevedra, se ben, seguindo as palabras de Moreda, a idea é crear unha páxina de seu onde estarán dispoñíbeis na ligazón: https://ponte.gal/historiadaformaurbana.

Nesta páxina tamén estará colgada a unidade didáctica, como un recurso base, para que o profesorado da cidade poida levar a historia e o urbanismo da Boa Vila até as aulas dun xeito amábel e didáctico.