Pontevedra Flúe: a revolución verde e azul chega á nosa cidade cunha vintena de proxectos que suman uns 20 millóns de euros e que permitirán conectala cos seus ríos e espazos naturais

2750
  • O concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, presenta a súa estratexia para renaturalizar os ríos Lérez, Gafos e Valdecorvos e a Xunqueira do Alba, que os pontevedreses poderán coñecer a través dunha exposición itinerante
  • As intervencións inclúen obras destinadas a previr os riscos do cambio climático e evitar inundacións, como a creación dun sistema de lagoas de retención de augas no parque de Valdecorvos para evitar os asolagamentos en Padre Fernando Olmedo
  • Entre as actuacións contempladas están a creación de ribeiras suaves e zonas de lecer para que a cidadanía poida ‘mollar os pés’ nas zonas do Pavillón dos Deportes e Rafael Areses e na Illa das Esculturas, así como a desconxestión do punto de encontro entre o Lérez e o Rons

“Tralo progreso que supuxo o modelo de cidade peonil, chegou a hora de dar un paso adiante na estratexia de transformación urbana de Pontevedra. Chegou o momento da revolución verde e azul”. Deste xeito anunciou esta mañá na Illa das Esculturas o concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, a súa ambiciosa estratexia para renaturalizar os nosos ríos, conectar o espazo urbano co contorno natural, e en especial co Lérez, e converter a este concello, tamén, en referente internacional en infraestrutura verde, restauración de ríos e loita contra o cambio climático. Un proxecto que se traducirá nunha vintena de actuacións, moitas delas en marcha e financiadas con fondos propios e procedentes de Europa, que suman uns 20 millóns de euros e que se enmarcan baixo a marca paraugas Pontevedra Flúe.

Nun acto de presentación que se desenvolveu precisamente nun dos puntos da Illa das Esculturas nos que se vai intervir (próximo á pasarela peonil), no que se substituirá o actual dique por terrazas que permitan achegarse á auga e mollar os pés, e no que estivo acompañado pola concelleira de Promoción Económica e Turismo, a súa compañeira de partido Yoya Blanco, o socialista Iván Puentes explicou que “Pontevedra Flúe é a estratexia que concentra todos aqueles proxectos que o Concello ten xa actualmente en marcha ou en planificación para actuar nos leitos fluviais da cidade e nos seus contornos verdes, co río Lérez como eixo vertebrador que lle dá sentido a esta estratexia, pero tamén o río dos Gafos, o rego de Valdecorvos ou a Xunqueira de Alba, co río Rons”. Tal e como sinalou Puentes, “aínda que xa esteamos en 2022, trátase do particular horizonte 2020 da cidade de Pontevedra, porque falamos duns 20 proxectos que suman 20 millóns de euros, o que nós chamamos a revolución verde e azul da cidade”.


“Pontevedra -asegurou o edil do PSOE- ten un modelo de cidade exitoso, premiado, recoñecido internacionalmente e que tende a ser replicado por moitas outras urbes españolas e estranxeiras, pero ese modelo debe evolucionar cara a un modelo que, ademais de reducir tráfico e gañar espazo peonil, sexa ademais referente internacional en recuperación do espazo verde e azul. Nesa estratexia inclúese a renaturalización dos leitos dos ríos, con ese fito destacado que supón o destape e recuperación do treito urbano do río dos Gafos, pero tamén de todos eses espazos verdes vencellados aos ríos, mellorándoos non só desde o punto de vista ecolóxico, senón tamén da convivencia cidadá e do lecer dos veciños e veciñas de Pontevedra, é dicir, da creación de espazos de lecer renaturalizados, sostibles e vencellados aos espazos fluviais; non illados como están a día de hoxe”.


Un novo “modelo de cidade 2.0” baseado nos ríos e nos ecosistemas vencellados a eles, seguindo as pautas que marcan os fondos procedentes da UE (a Concellería de Desenvolvemento Sostible leva xa captados uns 7 millóns de euros neste eido), que abrangue proxectos que marcarán a transformación da cidade e que xa están en marcha, como a renaturalización do río dos Gafos, da que o 50% da mesma poderá financiarse con fondos Next Generation; a recuperación da ponte do ferrocarril sobre o Lérez, cuxos traballos comezarán en vindeiras semanas, ou a restauración ambiental da Xunqueira de Alba, coa eliminación de especies invasoras (tamén con cartos concedidos dos fondos Next Generation). Ademais, segundo apuntou Iván Puentes, “máis aló da rehabilitación da ponte do Burgo e da Illa das Esculturas, o Lérez foi quedando pendente, polo que é momento de abordar esa integración do río na cidade e de recuperar a conexión da cidadanía de Pontevedra co río Lérez e para iso é fundamental intervir nas súas ribeiras, cunha idea clarísima: rachar as barreiras duras e eses muros de contención que ten o río no seu espazo máis central, totalmente canalizado, e facer ribeiras naturais, verdes, con árbores e que permitan, ben con bancadas, ben con outro tipo de solución, o acceso ao río, o que nós chamamos neste proxecto mollar os pés no Lérez. Que poidamos baixar ao río, tocar a auga e recuperar a convivencia con ela. Non faremos outras praias, pero si zonas de relax, de solario e de acceso ao baño no centro da cidade”.


Un plan que ten diferentes niveis de concreción. Así, actuarase na Illa das Esculturas, un espazo xa moi recuperado, pero cunha ribeira non accesible e artificial; no treito que discorre polas inmediacións do Pazo da Cultura (onde se celebra actualmente o mercadillo ambulante), con dúas intervencións planificadas, que son o parque de xogos de auga do parque Rosalía de Castro (con traballos que se iniciarán nas vindeiras semanas) e a creación dunha zona de relax vencellada ao Lérez; no contorno do Pavillón Municipal dos Deportes, onde se combinará o actual uso de aparcadoiro, optimizando un estacionamento que se atopa en condicións estéticas e ecolóxicas moi mellorables, con dous tratamentos: un máis próximo á ribeira do río, creando zonas de estar e de acceso á auga, e outro na zona máis próxima ao Pavillón, renaturalizando o aparcadoiro cun ámbito permeable que permita a filtración de auga de choiva e amplas zonas de sombra e arborado (integrando ese espazo, hoxe inhóspito, no perímetro verde do Lérez), e no contorno da Xunqueira de Alba e o nó de Bombeiros, onde se renaturalizará a ribeira e se integrarán as instalacións de Costas e doutras administración no grande espazo verde da Xunqueira do Alba (un camiño que xa iniciou a Deputación co traslado da Imprenta e do Parque de Maquinaria).


Balsas de inundación naturais para resolver os asolagamentos que provoca o Valdecorvos en Padre Fernando Olmedo

Iván Puentes indicou que “outro proxecto interesante é o que ten que ver coa conexión da senda do Lérez, que vén desde Bora, coas sendas que Poio está proxectando ata Combarro, de xeito que teñamos unha senda peonil e ciclista que conecte, como mínimo, Bora con Combarro, sabendo que a de Bora se pode continuar río arriba ata practicamente o nacemento do río”. “Imos actuar na zona verde de Valdecorvos -afirmou o concelleiro-, superando o que a día de hoxe é unha senda fluvial e aproximándomos ao que debemos xerar alí, que é un grande parque urbano dunha tipoloxía semellante a esta Illa das Esculturas. Ademais, toda esta revolución verde e azul ten unha compoñente non menor, que é a de mellorar o comportamento e a resiliencia de Pontevedra fronte ás consecuencias do cambio climático, como as inundacións. Todos os regatos, leitos fluviais e ríos teñen que estar preparados para o clima diferente que xa estamos comezando a ter e que teremos con maior acento nos vindeiros tempos, con choivas máis torrenciais, con avenidas de auga moito maiores… O de Valdecorvos é un regato pequeno, con pouca auga, pero que é dos que máis problemas está a ocasionar a día de hoxe cando hai choivas torrenciais. Cando chove moito e a marea está alta, Padre Fernando Olmedo, na zona do Estadio da Xuventude, inúndase sempre. Por iso, en colaboración coa Universidade, crearemos un proxecto piloto e pioneiro en Galicia, consistente en crear balsas de inundación naturais ou pequenos lagos artificiais que se crearían na zona de Valdecorvos e que permitirían derivar a auga cando chove e o caudal do regato medra exponencialmente. Cando a marea baixa, podería sacarse de novo a auga e desembalsala no río”.


Todos estes proxectos, que conforman un modelo de cidade verde e azul, serán difundidos entre a cidadanía pontevedresa a través dunha exposición itinerante que será instalada en diferentes puntos da cidade (comezando pola Praza da Ferrería). No que atinxe ao seu horizonte temporal, Iván Puentes aclarou que aqueles financiados con fondos Next Generation (caso do Gafos) deberán executados antes de 2025: a restauración da antiga ponte do ferrocarril sobre o Lérez como miradoiro e paso peonil e ciclista (que foi obxecto de licitación e que xa dispón dun contrato asinado coa empresa Elsamex, polo que o inicio das obras é inminente); a recuperación dos Salóns do Lérez, vencellada ao Ben de Interese Local (BIC) do río Lérez, para o que se recibiu un millón de euros; a mellora da eficiencia enerxética e a iluminación a ámbalas marxes da ribeira do Lérez, tanto na Illa das Esculturas como na avenida de Bos Aires; a primeira fase do destape do río dos Gafos, entre a rúa da Tablada e o contorno da igrexa de Campolongo; a recuperación biolóxica da Xunqueira de Alba, coa retirada de especies invasoras; a integración paisaxística e ambiental do parque María Vinyals (diante do edificio administrativo da Xunta), e a conexión coa Vía Verde do Salnés (o Plan de Sostibilidade Turística en Destino permitirá executar todo o treito que vai de Pontevedra ata o concello de Barro). As obras do novo parque de auga e da zona de lecer infantil que se crearán con fondos propios do Concello a carón do Pazo da Cultura tamén deberían dar comezo dentro deste ano.