Igualdade e Asseii continúan a promover a dotación de aseos inclusivos nos edificios públicos da cidade coa estrea dun novo baño para persoas ostomizadas no Centro de Información á Muller

48
  • O servizo, presentado co gallo do Día Mundial do Paciente Ostomizado, súmase así aos xa existentes no Pavillón Municipal dos Deportes, o Hostel Acolá Rooms, a Deputación e o Teatro Principal, así como ao previsto no Concello, convertendo a Pontevedra en referente nacional neste eido

Pontevedra vén de dar un novo paso adiante na súa loita por acadar unha cidade con aseos adaptados, que permitan ás persoas ostomizadas saír á rúa coa tranquilidade de que poderán atopar espazos nos que cubrir as súas necesidades urxentes, podendo baleirar as súas bolsas de colostomía en condicións dignas e sen teren que poñerse de xeonllos. O recentemente reformado edificio do Centro de Información á Muller (CIM), situado na Praza de José Martí, acaba de incorporarse a unha rede de baños inclusivos para ostomizados da que xa forman parte o Pavillón Municipal dos Deportes, o Hostel Acolá Rooms, a Deputación e o Teatro Principal (o Concello contará en breve con outro), trala estrea dun servizo que conta con luz frontal, un espello para o cambio de placa, un lavadoiro á altura da cadeira (que facilita que os usuarios non se teñan que agachar e axeonllarse) e unha mangueira de auga para a limpeza. 


O novo aseo foi presentado esta mañá no CIM pola concelleira de Igualdade, Yoya Blanco; a presidenta da Asociación Socio Sanitaria de Enfermidades Inflamatorias Intestinais (Asseii), Ángela Paz; a súa secretaria, Milagros Paz, e mailo usuario e membro do colectivo Víctor Loira, nunhas datas que coinciden coa conmemoración do Día Mundial do Paciente Ostomizado (o pasado sábado 1 de outubro). Un acto que se converteu ademais nunha excelente ocasión para comprobar in situ as necesidades que cubre un baño como este, xa que o propio Loira explicou que viña de sufrir un percance, ao abrírselle a súa bolsa un pouco antes de chegar á presentación.


Tal e como subliñou Yoya Blanco, “Pontevedra é pioneira na instalación de baños inclusivos, en cada obra nova que estamos a facer inclúense este tipo de servizos e esta é unha loita na que imos continuar adiante”. A edil do PSOE sinalou que esta campaña a prol de aseos para persoas ostomizadas tamén contempla a distribución duns colgadores para poñer nas portas dos servizos “nos que se indica que alguén cunha ostomía está dentro e que esa abertura na súa parede abdominal lle xera un tempo adicional no baño, agradecendo a quenes agardan a súa paciencia e comprensión”. “Levan incorporado un código QR -apuntou Blanco- no que se explica en que consiste unha ostomía e, no seu reverso, unha chamada á concienciación de todos para que a estes pacientes se lles permita o acceso ás súas instalacións”.


Ángela Paz incidiu na importancia de que os aseos para persoas ostomizadas se regulen dentro das normativas de edificación, de xeito que a súa instalación sexa obrigatoria. “Nestes momentos, hai 200.000 cidadáns en toda España (5.000 en Galicia e 2.000 na provincia de Pontevedra) que non saen á rúa porque teñen medo a que se lles rompa a bolsa. O mundo da cultura e o deporte está a perder 200.000 persoas que non acudimos a ese tipo de actividades porque non temos aseos adaptados e prazas de estacionamento para aparcar cando temos unha urxencia sen recibir unha multa… Cando nos temos que axeonllar nun baño debemos levar unha lanterna, porque a luz se vai, e ao poñernos de xeonllos, cargamos as costas e acabamos rematando en fisioterapia”, asegurou a presidenta de Asseii.


Segundo afirmou, a todos estes inconvintes hai que engadirlles aqueles de carácter anímico e psicolóxico, xa que “levar unha bolsa de ostomía cámbiache a figura e o xeito de vestir”, o que pode resultar especialmente traumático entre rapaces de 15 ou 16 anos: “Hai que darlles calidade de vida e isto é un dereito, non un capricho. Nós non escollemos a enfermidade, pero si escollemos como queremos vivila”. Paz tamén fixo fincapé na necesidade de formar ás enfermeiras neste campo e de estender unha rede nacional de estomaterapeutas que permita que os usuarios viaxen máis tranquilamente por toda España.


Unha Rede de Aseos formada por 85 baños


Ángela Paz aclarou que a Rede de Aseos que se impulsou desde a Federación de Asociacións de Pacientes Ostomizados de España (Fapoe) conta nestes intres con 85 aseos espallados por todo o territorio do Estado, incluídas as Illas Canarias e Baleares, sendo a comunidade galega a que aglutina un maior número (35) “e Pontevedra a cidade que leva a palma”. “Somos un referente e para nós é un orgullo”, dixo a presidenta de Asseii.


Os actos reivindicativos e informativos organizados arredor do Día Mundial do Paciente Ostomizado continuarán mañá coa celebración dunha Xornada de Ostomía no Salón de Actos do Hospital Montecelo.