O Concello aproba o seu Plan de Mobilidade Urbana Sostíbel

239
Pontevedra non imporá restricións de pago aos vehículos que accedan até as zonas urbanas, nin tampouco esixirá a compra de vehículos específicos, garantindo espazos de alta calidade urbana
Dous proxectos optarán as axudas Next Generation: a obra da Santiña e a implantación de novos sensores para o control do tráfico e a calidade do aire na cidade 

A portavoz do Goberno, Anabel Gulías, informou esta mañá da aprobación en Xunta de Goberno Local do Plan de Mobilidade Urbana Sostíbel (PMUS), un feito «que celebramos, no que investimos moita enerxía, tempo e non só para lograr un trámite administrativo, Senón porque esta é unha proposta que garante a equidade nos espazos públicos».

«Estas cuestións, as tratadas no PMUS, son especialmente relevantes. Así o vemos na prensa cada día, cando aparecen as restricións aplicadas noutras cidades, que non deixan entrar co vehículo a certas partes das mesmas, ben pagando, ben con etiquetas para cada vehículo», sinalou Gulías. «O que pretendemos con este PMUS e selar o trato que tiñamos coa veciñanza, garantir un espazo de alta calidade urbana na que por acceder non se cobre ningún tipo de taxa, nin se precise ningún tipo de vehículo específico que non son accesíbeis para todas as persoas».

A portavoz fai fincapé no obxectivo de crear zonas de tráfico reducido, unha denominación un chisco diferente á coñecida como zonas de baixas emisións (ZBE). «Unha zona ampla, que recolle toda a parte urbana, e na que quedará garantida a polivalencia de uso dos espazos públicos. Estamos falando de toda a cidade, e na que tamén figura Monte Porreiro, Estribela e toda a zona do Burgo».

Este PMUS será aprobada agora tamén no pleno, onde será ratificado unha vez os servizos técnicos así o indiquen. «Xa recibimos invitacións de outras cidades para falar desta alternativa que queremos desenvolver e que cumpre cos obxectivos marcados pola lei* (Lei 7/2021, do 20 de maio, de cambio climático e transición enerxética)», comentou a edil.

Dúas obras optan a segunda convocatoria de axudas a municipios para a implantación de zonas de baixas emisións e a transformación sostíbel e dixital do transporte.

Doutra banda, a portavoz do Goberno tamén deu conta da Xunta de Goberno Extraordinaria celebrada o pasado xoves, dedicada á convocatoria de axudas a municipios para a implantación de zonas de baixas emisións e a transformación sostíbel e dixital do transporte.

«Cómpre lembrar que o Concello de Pontevedra non se presentou a primeira convocatoria destas axudas, esta é a segunda, porque non estaba de acordo co tratamento desas zonas de baixas emisións. Unha vez que temos unha proposta como a que acabamos de relatar, como son as zonas de tráfico reducido, si podemos presentarnos», sinalou Gulías. 

O Concello de Pontevedrá solicitará axuda para dúas obras ou partes. A primeira é unha actuación física, o remate do tramo urbano do Camiño de Santiago portugués na Santiña. «Escollemos esta obra porque xa é un proxecto avanzado no proceso de contratación, cuestión puntuábel dentro da convocatoria, e permitirá concluír un ciclo de intervencións que garante o espírito destas zonas de tráfico reducido. Reducirá o tráfico rodado, mellorará a mobilidade peonil accesíbel e mellorará os parámetros de calidade ambiental».

A obra da Santiña xa foi presentada no seu intre, mais agora optará ás nomeadas axudas promovidas polo Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana. Esta tiña un importe próximo aos 1,8 millóns de euros.

A segunda obra presentada a estas axudas procura a instalación de sensores que permitan o control de tráfico e a calidade do aire e os movementos dos distintos medios de transporte na cidade, co obxectivo de adoptar as mellores decisións para reducir os tráficos innecesarios en beneficio dos modos de mobilidade activa, e da recuperación do espazo público para a cidadanía, así como da mellora do medio ambiente urbano de acordo aos obxectivos establecidos na Axenda Urbana de Pontevedra (obxectivo 2, 3, 5 e 9) e o propio PMUS, aprobado o 27 de setembro de 2022, tal e como xa foi indicado.