Pontevedra será sede dos campionatos de España de Ximnasia Acrobática e Trampolín na segunda quincena de xuño de 2023

319
  • O presidente da Federación Española, Jesús Carballo, avanza que máis de 1.500 deportistas pasarán polo Recinto Feiral durante dúas semanas

A nosa cidade converterase en sede de dous campionatos de España de Ximnasia, en concreto das disciplinas de Trampolín (especialidade olímpica) e Acrobática, na segunda quincena de xuño de 2023. Así o ratificou esta mañá o alcalde accidental e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, tras un encontro mantido na Sala de Xuntas do Concello de Pontevedra co presidente da Real Federación Española de Ximnasia, Jesús Carballo; a súa secretaria técnica de Aeróbica, Trampolín e Acrobática, Covadonga Menéndez; o presidente da Federación Galega, José Manuel Estévez, e o do Club Treboada, Carmelo Vázquez.


Tal e como lembrou Fernández, “hai xa uns anos, no 2015, tivemos en Pontevedra campionatos de España e, aínda que é certo que temos dificultades para acollelos porque o noso Pavillón non cumpre coas especificacións mínimas e debemos recorrer ao Recinto Feiral, o que xera algúns problemas de organización e xestión que afortunadamente imos superando, seguimos avanzando na idea de traer á cidade eventos de alto nivel relacionados coa ximnasia, entre outras cousas porque a ximnasia en Pontevedra ten unha excelente implantación e porque coa ximnasia pontevedresa temos unha débeda permanente que agardamos comezar a pagar en 2023 coa construción do novo pavillón e do módulo de ximnasia”.


“En Pontevedra hai unha ampla representación de clubs vencellados á ximnasia nas súas diferentes modalidades, con excelentes resultados a nivel de Galicia e de España, e polo tanto temos esa débeda que cumprir. Nese camiño, hoxe podemos anunciar que na segunda quincena de xuño de 2023 Pontevedra vai ser sede de dous campionatos de España de Ximnasia. Estamos moi honrados de que se conte con nós e agardamos cumprir coas expectativas. Aínda que sexa unha inmodestia dicilo -asegurou o edil do PSOE-, en materia de organización, Pontevedra xa ten un percorrido importante e ofrece certas garantías neste sentido”.


Jesús Carballo afirmou que “hoxe é un día feliz para a ximnasia española”, xa que “estamos moi orgullosos e satisfeitos de poder avanzar xa con tanto tempo unha sede de campionatos para 2023 e por todo o percorrido que está a ter a ximnasia pontevedresa e galega, que está de celebración polos moitísimos éxitos internacionais que está a acadar en diversas especializades”. Na opinión do presidente da Federación Española, “organizar competicións de máximo nivel aquí supón un recoñecemento e un reforzo para que a ximnasia galega continúe a crecer”. “Traeremos a Pontevedra dúas competicións nacionais de máximo nivel, que convocarán cada un a entre 700 e 800 participantes. Durante dúas semanas, Pontevedra converterase en cidade da ximnasia con máis de 1.500 deportistas que pasarán polo Recinto Feiral. Aínda que a montaxe resulta complexa, dada a experiencia que teñen a Federación Galega e o seu equipo neste tipo de competicións, o éxito está completamente asegurado… Estou seguro de que isto será o inicio de moitas outras competicións de cara ao futuro”.