Pontevedra apela á responsabilidade dos homes na loita contra a violencia machista e pon o foco no negacionismo que se estende entre a mocidade na súa campaña polo 25N

80
  • O programa deseñado pola Concellería de Igualdade e o Centro de Información á Muller (CIM) baixo o lema central ‘Depende de ti, depende de nós’ inclúe unha nova edición do obradoiro Namórate de Ti, os agardados Faladoiros Feministas na Casa das Campás, o despregue dunha pancarta reivindicativa na Casa da Luz, unha potente campaña gráfica nas rúas do concello (mupis) e en edificios públicos e centros sociais das parroquias (cartelería), a distribución de merchandising (bolsas de tea), un cinefórum e coloquio sobre o documental ‘Onde máis doe’, o acto de entrega do Premio Ernestina Otero Sestelo 2022 e un Obradoiro de Autodefensa para mulleres ante situacións violentas
  • A lectura do Manifesto do Día Internacional pola Eliminación da Violencia contra as Mulleres no Pleno Municipal (cuxa redacción estará este ano a cargo da xornalista e escritora Montse Fajardo) o 21 de novembro, o pase da obra de teatro Cariño para os institutos de Pontevedra o 23 e o acto da campaña Mulleres en Acción, Violencia Zero (organizado pola Deputación en colaboración co Concello) poranlle o colofón, xunto coas concentracións e manifestacións impulsados desde o movemento feminista, a estas datas de reivindicación e loita contra unha das maiores lacras da nosa sociedade

O Barómetro Juventud y Género 2021 do Centro Reina Sofía sinala que un de cada cinco varóns de entre 15 e 29 anos considera que a violencia de xénero é un invento ideolóxico. Alertar deste crecente negacionismo que se está a estender entre os mozos e da relación existente entre o consumo de pornografía e prostitución coas violencias sexuais entre a mocidade, e apelar á responsabilidade dos homes para acabar coas violencias machistas, son algunhas das ideas nas que se centra a campaña impulsada pola Concellería de Igualdade e o Centro de Información á Muller (CIM) de Pontevedra co gallo do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. Baixo o lema ‘Depende de ti, depende de nós’, a campaña incidirá na obriga moral dos varóns de implicarse na loita contra o acoso, a humillación, o control, a violación… E de deixar de xustificar, escusar e rirlle as grazas aos nosos colegas machistas.


“A violencia de xénero é un problema estrutural no que os homes non son os únicos culpables. Todo o conxunto da poboación, de forma cultural, é partícipe no día a día, aceptando comportamentos no seo da familia ou en contornos próximos, que en moitas ocasións rematan no máximo expoñente da violencia machista: o maltrato físico por parte dun home a unha muller. Con esta campaña, que se traducirá nunha potente proposta gráfica que daremos a coñecer nos vindeiros días, pretendemos sinalar non só ao home que maltrata como culpable, senón tamén ao resto da poboación como cómplices. A responsabilidade de paralo antes de que chegue a ser algo tanxible ou irreversible é de todos”. Deste xeito definiu a concelleira de Igualdade, Yoya Blanco, o espírito do intenso programa de actividades deseñado arredor do 25N, que foi presentado esta mañá pola socialista nun acto no que estivo acompañada pola directora do CIM, Rosa Campos; axente de Igualdade Mercedes Renda, e as coordinadoras do obradoiro Namórate de Ti, Patricia Maquieira e Tegra Gómez.


Un programa que arrincou hoxe mesmo coa recepción institucional, por parte da edil do PSOE, á activista salvadoreña Bea Salazar, que se atopa en Pontevedra para dar a coñecer a grave situación que se está a vivir no seu país (no que a violencia machista acada límites insoportables, co aborto penalizado en tódalas súas modalidades, mesmo cando é espontáneo, e castigado con penas de ata 50 anos de prisión), e no que se inclúen unha nova edición do obradoiro Namórate de Ti, os agardados Faladoiros Feministas na Casa das Campás, o despregue dunha pancarta reivindicativa na Casa da Luz, unha potente campaña gráfica nas rúas do concello (mupis) e en edificios públicos e centro sociais das parroquias (cartelería), a distribución de merchandising (bolsas de tea), un cinefórum e coloquio sobre o documental ‘Onde máis doe’, o acto de entrega do Premio Ernestina Otero Sestelo 2022 e un Obradoiro de Autodefensa para mulleres ante situacións violentas.


A lectura do Manifesto do Día Internacional pola Eliminación da Violencia contra as Mulleres no Pleno Municipal (cuxa redacción estará este ano a cargo da xornalista e escritora Montse Fajardo) o 21 de novembro, o pase da obra de teatro Cariño para os institutos de Pontevedra o 23 e o acto da campaña Mulleres en Acción, Violencia Zero (organizado pola Deputación en colaboración co Concello) poranlle o colofón, xunto coas concentracións e manifestacións impulsados desde o movemento feminista, a estas datas de reivindicación e loita contra unha das maiores lacras da nosa sociedade.


Segundo subliñou Blanco, “a sociedade non pode ser cómplice da violencia de xénero, é responsabilidade de todos e todas que rematemos con isto”. “A min encantaríame que dentro duns anos non teñamos que facer máis roldas de prensa de presentación do 25N, xa que significaría que xa non existe violencia machista”, asegurou a socialista.


Pola súa banda, Mercedes Renda salientou o enorme interese que desperta o Obradoiro de Autodefensa para mulleres ante situacións violentas, que este ano chega á súa cuarta edición e que “funciona ben tanto para mozas (a partir dos 16 anos) que sinten medo ou se sinten en situación de perigo, sobre todo a certas horas da noite ou cando marchan de ambientes de lecer, como para señoras maiores que sinten perigo cando van cobrar a pensión e regresan a casa”. “Teñas a idade que teñas -apuntou a axente de Igualdade- e sexa cal sexa a túa condición física, temos posibilidade de previr a situación violenta e para defendernos dela. Hai moitas mulleres que repiten, polo que mesmo pensamos en organizar outra convocatoria en xaneiro”.

PROGRAMA DE ACTIVIDADES 25 NOVEMBRO 2022:


26 e 27 de outubro e 2 e 3 de novembro. Obradoiro Namórate de Ti (1º andar do CIM):


Tralo éxito das convocatorias anteriores, porase en marcha unha nova edición do programa Namórate de Ti, un obradoiro de autoestima e empoderamento dirixido a mulleres que ten por obxectivo que tódalas participantes aprendan a quererse e valorarse utilizando a imaxe e a fotografía como ferramenta. Este taller gratuíto terá lugar no primeiro andar do edificio do CIM os días 26 e 27 de outubro e 2 e 3 de novembro en horario de 10:00 a 13:00 horas. As interesadas en participar poden inscribirse no teléfono do CIM 986 864 825 ou enviando un correo electrónico a igualdade@pontevedra.eu.


Dirixido principalmente a mulleres en situación de vulnerabilidade (desempregadas ou inactivas, vítimas de violencia de xénero ou en perigo de exclusión social, con responsabilidades familiares non compartidas, con discapacidade, etc.), ao longo de catro xornadas, as orientadoras Tegra Gómez e Patricia Maquieira guiarán ás participantes para reforzar a súa autoestima e o autoconcepto que teñen de si mesmas, ao tempo que fomentarán a súa unión social e a cooperación grupal, a través da expresión corporal, verbal e escrita, incluíndo dinámicas de grupo, vídeos motivacionais e sesións fotográficas da posta en escena das mulleres.


O obradoiro Namórate de Ti terá o seu colofón, como en edicións anteriores, cunha exposición fotográfica en diversos comercios de Pontevedra a partir do 21 de novembro.


Mércores 26 de outubro e 9 e 23 de novembro. Faladoiros Feministas:

Desenvolveranse na Casa das Campás entre as 19:00 a 20:30 horas en colaboración coa Vicerreitoría do Campus de Pontevedra da Universidade de Vigo. Terán carácter presencial ata completar aforo (recoméndase reserva) e emitiranse a través da páxina web de Igualdade e das redes sociais do Concello.


Tres conversas que abordarán a violencia contra as mulleres desde diferentes frontes e que serán presentadas pola concelleira de Igualdade, Yoya Blanco:


• 26 de outubro: contaremos con Antía Toimil Iglesias, de Fademur (Federación de Asociacións de Mulleres Rurais), e Laura Robledo Sánchez, de Acadar (Asociación De Mulleres Con Discapacidade de Galicia), que falarán sobre como a violencia de xénero afecta de xeito particular nestes colectivos especialmente vulnerables. Moderará a xornalista Montse Fajardo.

• 9 de novembro: falarán sobre o papel da educación sexual na prevención primaria das violencias machistas e moi especialmente da violencia sexual na mocidade. Contaremos con Chis Oliveira e Amada Traba, docentes e expertas en educación emocional e afectivo-sexual na mocidade e coautoras de ‘Ám@me. Pensar o amor no século XXI’, e Llerena Perozo Porteiro, comunicadora especialista en igualdade e escritora do ‘Manual sobre sexualidade’ editado polo Concello de Pontevedra. O acto dará inicio coa presentación do 2º Estudo sobre Educación e Hábitos Sexuais na Adolescencia realizado no IES A Xunqueira I durante o curso 2021/2022, a cargo dun dos autores, o sexólogo Manuel Varela Salgado. Moderará a xornalista Silvia Vieito.

• 26 de novembro: faremos un faladoiro sobre a mercantilización e a explotación sexual como violencia extrema contra as mulleres (pornografía e prostitución), con Lorena Añón Loureiro e unha representante da asociación Faraxa, pola abolición da prostitución. Moderará a xornalista Diana López Varela.


Luns 14 de novembro. Presentación da campaña gráfica deste ano co despregue dunha pancarta no balcón da Casa da Luz. A campaña gráfica, que apela ao papel dos homes fronte á violencia machista, vai estar nas rúas do concello e en edificios públicos e centros sociais das parroquias. Distribuiranse bolsas ‘tote bag’ nas actividades que se fagan e nos centros municipais.


Mércores 16 de novembro. Cinefórum e coloquio sobre o documental ‘Onde máis doe’ no Teatro Principal ás 20:00 horas:


Un documental cinematográfico de Xamalú Filmes, con guión e dirección de Manane Rodríguez, que supón un achegamento a unha das pólas da violencia machista, a violencia vicaria, que coincide no título co lema empregado na campaña do Concello de Pontevedra do 2021. Faino a partir dun suceso real no que un pai asasinou ao seu fillo aproveitando a custodia no Día da Nai de 2017.


Sinopse: Tras ameazar á súa ex parella durante anos, Marcos M. mata ao seu fillo de 11 anos con golpes de pa. Un ano máis tarde, un xurado popular condénao por asasinato e determina que o crime contra o neno non buscaba nada máis que castigar á nai. No feito no que está baseada a película concorren violencia, acoso, o asasinato dun neno para prexudicar á nai e a ameaza de morte que aínda pendura sobre a muller.


Esta película estreouse en marzo de 2022 nunha sesión especial na sección de documentais do Festival de Málaga. 
Posteriormente haberá un coloquio coa directora, Manane Rodríguez, a xornalista Montse Fajardo e a directora do CIM, Rosa Campos.


Entrada libre ata completar aforo. 


Xoves 17 de novembro en horario de mañá. Acto de entrega do Premio Ernestina Otero Sestelo 2022 no Teatro Principal. Coa actuación da contacontos Tareixa Alonso, de Pavís Pavós.


Sábado 19 de novembro. De 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas. Obradoiro de Autodefensa para mulleres ante situacións violentas:


Monitorado por especialistas da Federación Galega de Loita pertencentes á Policía Nacional, é un curso de 8 horas, en sesión de mañá e tarde, que terá lugar na Casa Azul (Sala Almofrei). A inscrición farase a través da plataforma Participa da páxina web do Concello. Este curso xa se fixo con grande éxito en anos anteriores.


Luns 21 de novembro. Lectura do 
Manifesto do Día Internacional pola Eliminación da Violencia contra as Mulleres no Pleno Municipal, cuxa redacción correrá este ano a cargo da xornalista e escritora  Montse Fajardo.


Mércores 23 de novembro. Pase da obra de teatro Cariño para institutos de Pontevedra no Teatro Principal:


Grial Montes encarna a Sara, unha muller cun pasado de violencia dentro dunha relación que narra a súa historia afastándose do vitimismo e facendo autocrítica. Esta é unha peza de teatro documental que realiza unha viaxe para cuestionar os referentes actuais do amor romántico, os celos e a posesión dentro dunha parella adolescente. Cariño foi estreada en novembro de 2021 na Sala Ártika de Vigo. Diego Chamizo encárgase da dirección e dramaturxia da peza, que está baseada no relato Sara, da nova edición do libro Invisibles, de Montse Fajardo. Cariño é a primeira montaxe de Vaiembora, nova compañía formada por Grial Montes xunto con Diego Chamizo, David Vila e Sofía Rodal, que levan nesta montaxe a responsabilidade do vestiario e da coreografía de movementos, respectivamente. O espectáculo é unha coprodución co Centro Dramático Galego que conta coa axuda do Concello de A Coruña. 


Participarán no coloquio final co público asistente a actriz, Grial Montes, e a xornalista e autora de Invisibles, Montse Fajardo. 


Venres 25 de novembro. 11:00 horas. Acto da campaña Mulleres en Acción, Violencia Zero, organizado pola Deputación en colaboración co Concello. Este ano está previsto que se faga no vestíbulo do Pazo Provincial. Durante o acto lerase o Manifesto redactado por Montse Fajardo. Desde a Concellería de Igualdade tamén se respaldarán as concentracións e manifestacións convocados polo movemento feminista, respectando o protagonismo dos colectivos.