Pontevedra avanza na organización da Gran Final das Series Mundiais, unha cita que será «máis que un evento deportivo, unha experiencia»

51
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, mantivo esta mañá unha reunión en Abu Dhabi co comité organizador da proba que o vindeiro ano será celebrada na Boa Vila, e que será o maior evento deportivo de todo o país e un dos máis potentes do Estado
A FETRI confirmou que a día de hoxe, todas as prazas hoteleiras dispoñíbeis na cidade para esas datas están xa completas 

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, está xa na cidade de Abu Dhabi para asistir á celebración da Gran Final das Series Mundiais de Triatlón 2022, que este ano acolle esta rexión de Emiratos Árabes Unidos. Amais de ser unha oportunidade para aprender e comprobar o músculo organizativo necesario para unha proba destas características, a comitiva pontevedresa —na que figura un técnico municipal de Deportes e o deputado provincial de Deportes, Gorka Gómez— ten programadas diversas reunións e xuntanzas de traballo para concretar, analizar e afondar no evento que a Boa Vila terá o ano que vén.

«Estamos aquí para aprender, tanto das boas experiencias como das que poidamos entender como non tan boas, pois de todo se aprende», explicou o rexedor. «Recolleremos a bandeira para a vindeiro campionato e participaremos en diversos encontros de traballo para poder ir concretando e pechando a nosa cita».

Así, hoxe foi celebrada a primeira reunión deste tipo, unha xuntanza do comité organizador da Gran Final das Series Mundiais de Triatlón 2023, e que permitiu concretar diversos elementos que farán desta proba xa non a cita deportiva máis importante do país o ano que vén, senón un dos eventos de ocio máis importantes para o concello de Pontevedra, ao longo do mesmo.

A xuntanza, na que estiveron presentes o rexedor e o deputado provincial, contou coa presencia de Fernando Hidalgo, presidente da FETRI; Alicia García, secretaria da FETRI; e Jorge García, director de competicións do mesmo organismo; amais doutros técnicos, tanto de Pontevedra como da Federación.

«Hoxe puidemos tomar moitas decisións, pero a máis importante foi a de sinalar que Pontevedra 2023 será a maior Gran Final das Series Mundiais da súa historia en todo o mundo», indicou o alcalde. «Por que o cremos posíbel? Porque temos experiencias pasadas que aínda hoxe perduran na memoria dos organizadores e dos participantes, como foi o ITU Multisport 2019; fomos sumando outras polo camiño e o vindeiro ano queremos ofrecer non só unha proba deportiva, que o é, senón unha experiencia completa, con eventos culturais, gastronómicos e de ocio».

Lores explica que esta experiencia se traducirá nun programa que tentará dar a coñecer a cidade e o concello de Pontevedra, pero tamén todas as Rías Baixas, desde Sanxenxo até Vigo, abrindo a posibilidade de relacionar e crear sinerxías con propostas e bens tan importantes coma o Camiño de Santiago e «todos os activos turísticos que temos na comarca, pasando por praias, rutas de enoloxía, patrimonio histórico e etnográfico… Non queremos que a xente veña só a competir, queremos que queden cun sabor de boca tan bo que repitan no futuro, que volvan visitarnos».

A FETRI confirmou que a cidade de Pontevedra ten xa ocupadas o cen por cen das prazas hoteleiras que até o día de hoxe ofrecía nesas datas (20-24 de setembro, do 2023), ao igual que boa parte das da comarca, en zonas como o Salnés. «É un evento que está a xerar unha expectativa tremenda, así nolo fan chegar os deportistas, e é que coincide un ano antes das Olimpíadas, polo que será un escaparate ideal; contaremos cos mellores triatletas do mundo».

Doutra banda, o comité organizador decidiu que o Aeroporto de Vigo sexa o aeroporto oficial desta cita para o World Triathlon. Na práctica, isto se traducirá nunha conexión directa coa Boa Vila durante estas datas para todos os participantes que aterren en Peinador —os chamados transfer—. «Non significa que a xente non poida chegar por outras vías, claro, pero en todo o caso, este será o aeroporto escollido, ao ser o aeroporto da provincia de Pontevedra, o que teña os transportes gratuítos para os triatletas inscritos e os seus equipos que se acheguen a Pontevedra».

O alcalde de Pontevedra lembrou que está prevista outra reunión do comité organizador ao remate da proba de Abu Dhabi co fin de continuar pechando todos os elementos que compoñen un evento destas dimensións, e que prevé reunir en Pontevedra a máis de 4.000 triatletas.

IMG 4027