A Gran Final das Series Mundiais apostará por unir experiencias de ocio, cultura e patrimonio coa mesma proba deportiva

23
O comité organizador do evento acordou promover de xeito explícito o fomento e a creación de actividades paralelas co fin de ampliar a estancia dos deportistas en Pontevedra e en todo o país
Percorrer o Camiño de Santiago ou visitar as Illas Atlánticas son un exemplo posíbel dos espazos e das experiencias que se ofertarán aos participantes á hora de gozar de Pontevedra e da Galiza 

A comitiva pontevedresa formada polo alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e o deputado provincial de Deportes, Gorka Gómez, continúa traballando desde Abu Dhabi para concretar a axenda e as actividades que farán da Gran Final das Series Mundiais Pontevedra 2023, «a mellor das citas deste tipo na historia».

Nunha nova reunión de traballo do comité organizador, contando nesta ocasión coa participación do secretario xeral de World Triathlon, Antonio Arimany, e na que volveron estar Fernando Hidalgo, presidente da FETRI; Alicia García, secretaria da FETRI; e Jorge García, director de competicións do mesmo organismo; amais doutros técnicos, tanto de Pontevedra como da Federación; acordouse formalmente e de xeito unánime fomentar actividades culturais, de ocio e turísticas que amplíen a estancia dos participantes Alén das datas das probas deportivas en Pontevedra e no país, tanto nos días anteriores á competición oficial, como nos posteriores.

O rexedor da Boa Vila insiste en ver esta cita xa non como unha cita deportiva, «que sempre o será», senón como unha experiencia completa para todo aquel que acuda até a mesma. «Hoxe tivemos unha mañá moi produtiva en Abu Dhabi, tanto no deportivo coma desde a organización para o evento que está por vir no 2023», sinalou o alcalde. «Susana Rodríguez Gacio logrou a medalla de ouro na súa proba. Non é a primeira vez, e coido que é unha persoa que nos enche de orgullo a todos os galegos. Doutra banda, mantivemos unha xuntanza con Antonio Arimany para matizar e afondar no evento que terá Pontevedra o ano que vén, e que queremos que sexa a mellor final das Series Mundiais até o de agora».

IMG 4142
O alcalde e o deputado provincial felicitando á Susana Rodríguez na súa chegada á meta.

«Todos temos a idea  de que a nosa cita sexa un evento inolvidábel para todos os que se acheguen a Pontevedra. Queremos que sexa algo espectacular e que coñezan outras cousas, que se leven con eles experiencias de ocio, culturais e gastronómicas, non só deportivas», indicou o alcalde. «Estamos buscando e ideando fórmulas que permitan ampliar a estancia dos triatletas e das súas familias nas Rías Baixas e no país, ofertando experiencias que vaian desde facer o Camiño de Santiago, polo menos algunhas etapas, ou achegarse até o Parque das Illas Atlánticas, por exemplo».

Lores pon sobre a mesa a posibilidade de que a organización do evento ofreza paquetes turísticos que lle abran a porta aos deportistas á hora de quedar un tempo máis no país, aproveitando a súa viaxe o máximo posíbel e xerando un impacto económico maior do que xa por si un evento destas características produce en toda a comarca e en toda a provincia. «Temos unha gastronomía impresionante, un patrimonio etnográfico e histórico realmente importante, e temos que poñelo en valor, facerllo ver, e así o lograremos. Estamos a idear unha serie de plans promocionais nese sentido e os triatletas e as triatletas saberán que poderán vir antes da proba, gozar do noso país, ou quedar despois da competición, coñecer o que temos, gozar e ter unha experiencia inolvidábel en Pontevedra 2023».