Pontevedra recolle en Abu Dhabi a bandeira que a fai sede da Gran Final das Series Mundiais 2023

32
O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, promete que será unha experiencia inolvidábel para todas os deportistas, técnicos e familias que se acheguen até a Boa Vila o vindeiro ano
A cidade do Lérez acollerá por vez primeira esta cita internacional, broche de ouro á relación que mantén co triatlón, e que será o evento deportivo máis importante de todo o país 

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, recolleu a bandeira que oficializa e simboliza o cambio de sede da Gran Final das Series Mundiais de Triathlón. Así é, Pontevedra ten de agora en diante un ano para preparar e acoller o que todas as partes implicadas na súa organización chama a ser «o mellor e máis completo evento desta clase nunca feito».

O acto chegou a continuación da última gran proba deportiva da semana, a protagonizada pola elite masculina, que ás 15 horas da tarde botouse ás augas que rodean Yas Island co fin de lograr a coroa do mellor triatleta do mundo. O rexedor da Boa Vila, acompañado do deputado provincial de Deportes, Gorka Gómez, observou con atención a carreira, na que competía o galego Antonio Serrat.

Lores, logo de recibir a bandeira e ondeala perante o público presente no acto, puido pronunciar unhas palabras de agradecemento polo trato e a hospitalidade recibida ao longo destes días da man da organización, a aprendizaxe realizada e o entendemento entre as diferentes entidades implicadas, como World Triathlon, á hora de ir pechando e concretando os elementos que conformarán a axenda deportiva e de ocio que Pontevedra terá o ano que vén.

IMG 4700
Intervención do alcalde durante a entrega da bandeira da Gran Final das Series Mundiais de Triatlón.

«Intentaremos ofrecer o mellor de Pontevedra para que todo o mundo teña unha cita inolvidábel», sinalou o alcalde. «Queremos que vivades unha experiencia inolvidábel máis aló da competición, que teñades unha experiencia novidosa».

«Vémonos en Pontevedra. See you in Pontevedra», exclamou o rexedor, dirixíndose a todos os presentes.

Mañá, dentro da axenda oficial, está prevista a celebración da asemblea xeral da federación mundial de triatlón (World Triathlon Congress), na que o alcalde participará xunto co presidente da FETRI, José Hidalgo.