Ghub Pontevedra, o novo punto de encontro para todas as comunidades dixitais que existen en Pontevedra

129
O proxecto, promovido desde a área de Xuventude e Novas Tecnoloxías, busca crear un espazo de promoción e creación de sinerxías entre os creadores de contido dixital que hai na Boa Vila
Está previsto a realización de obradoiros, xuntanzas e reunións físicas para divulgar experiencias xa realizadas e estreitar lazos 

O edil de Xuventude e Novas Tecnoloxías, Alberto Oubiña, presentou esta mañá en rolda de prensa o novo proxecto impulsado desde o Concello de Pontevedra e que leva por nome Pontevedra Ghub. Que é Ghub Pontevedra?Unha proposta e punto de encontro para as comunidades dixitais que existen na Boa Vila, ou que parten da mesma.

«É un proxecto no que levamos traballando desde hai máis dun ano e que agora ve a luz ou, polo menos, conta xa cunha parte visíbel coa que se pode interatuar», explicou Oubiña. «Realizamos un proceso de escoita durante meses para identificar a todos os axentes, ou grande parte deles, que operan en Pontevedra e que traballan no eido dixital e nas súas múltiples capas».

No referido ao nome, o edil de Novas Tecnoloxías quixo lembrar o significado orixinal da palabra Hub, e esa ampliación semántica e retranqueira ao engadirlle o ‘g’ diante, ofrecendo unha ‘gheada’ máis que coñecida no país. 

Así, o Concello mantivo contactos con estas persoas, un xeito de procurar os seus obxectivos, entendelos e comprobar que faltaba na cidade de cara á poder ter unha maior interrelación entre as comunidades dixitais (pero desde o local). «Fixemos e fixémonos unha serie de cuestións: Quen anda aí? Que están a facer? Que pretenden? Cales son as cousas ás que se dedican? Xa sexa profesionalmente ou centrados no ocio».

Deste xeito, Pontevedra Ghub achou xente do mundo dos videoxogos, como a asociación Gaming Troop ou a Fundación Museo do Videoxogo de Galicia (MUVI) que conta con representantes en Pontevedra; artistas especializados no dixital, xente desde ESDEMGA no eido da moda, o deseño web e mesmo influencers, creadoras de contido relacionado coa cidade ou coas súas vidas. Todas estas persoas forman a chamada comunidade dixital pontevedresa que foi atopada nesta busca activa desde o Concello.

«Queremos avanzar e afondar en dúas capas diferentes. Dunha banda, a capa dixital, en base a unha web que estamos a crear e que está en proceso de medrar», indicou. «Doutra banda, hai unha capa física na que as persoas poderán atoparse, coñecerse e estreitar posíbeis lazos a través dunha serie de encontros e un diálogo activo».

Un dos obxectivos do Ghub Pontevedra é a creación dun catálogo público, conectado a través da web, no que as persoas da comunidade dixital poderán coñecerse e expoñerse, tanto entre elas como ao público. 

Afondando na capa presencial, na capa física, o programa de encontros xa está en funcionamento. Onte, 28 de novembro, xa foi realizado un encontro informal no Pazo da Cultura, mais continuará este mércores, 30 de novembro, ás 12 horas, cunha charla da xornalista e directora de Vinte María Yáñez. Ás 17 horas tamén haberá unha sesión práctica. A idea é achegarlle aos asistentes a idea de como chegar até o público galego na Internet, ben collendo a experiencia de Vinte co público mozo. 

O día 2 de decembro, ás 19 horas, tamén está programada outra cita con Marta Verde, artista visual e creadora dixital pontevedresa, colaboradora na actuación das Tanxugueiras no Benidorn Fest, que ofrecerá a súa experiencia na aplicación da arte dixital en propostas ao vivo. O día 3, ás 10 horas, fará un obradoiro de computer vision in comprocressing. Todas estas xuntanzas serán realizadas na sala VIP do Pazo da Cultura.

«Non queremos que isto sexa un proceso explosivo. Queremos ir buscando xente, medrando aos poucos e sumar creadores e protagonistas distintos. É un proxecto a longo prazo, en creación, de escoita activa e de posta de interrelación entre as persoas», finalizou Oubiña.