O Concello subvencionará os clubs que usan o complexo deportivo Rías do Sur para que a piscina de 25 metros siga aberta

A Fundación Rías do Sur, os clubs usuarios e o Concello acordaron, na xuntanza celebrada hoxe, programar unha nova reunión para a primeira quincena de Xaneiro do ano que vén 

A reunión a tres bandas celebrada esta mañá de luns, 12 de decembro, no Pavillón Municipal dos Deportes entre o Concello de Pontevedra, a Fundación Rías do Sur e os clubs que utilizan o complexo deportivo de Ponte Muíños finalizou con algúns avances á hora de manter aberto o nomeado espazo e que os colectivos poidan seguir facendo uso deste.

Así, o Concello pode confirmar o compromiso da Fundación para manter en funcionamento a piscina dos 25 metros paira uso dos clubs até o mes de febreiro —inclusive—. Pola súa banda, o Concello subvencionará aos clubs que actualmente usan esta instalación co fin de axudar no mantemento deste espazo. 

No futuro a medio prazo queda programada para a primeira de febreiro unha nova reunión na que se agardan ter máis datos á hora de saber con exactitude o que custaría usar e manter a piscina de 50, así como os custes para os traballos da súa posta en marcha, amais de posíbeis melloras que deban ser realizadas.

«O Concello está disposto a favorecer calquera alternativa que permita desenvolver a actividade, aínda que sexa en precario, namentres non se proceda ao enchido da piscina de 50 metros. Estamos dispostos a colaborar incluso economicamente», explicou o concelleiro de Deportes, Tino Fernández, ao finalizar un encontro no que tamén participou o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores,  ademais dos representantes de todos os clubs de auga da cidade neste eido.

Tino lembrou que a intención do Concello de colaborar, mais sinala que «a piscina non é nosa e temos dificultades para asinar acordos ou convenios de financiamento coa Fundación», no sentido de que estes poden levar máis tempo aínda traballando da forma máis áxil posíbel.

O alcalde, Fernández Lores, indicou que o Concello quere «facilitar o mantemento» da piscina de 25 metros antes de chegar a unha solución definitiva, que deberá concretarse en datos e cifras na reunión do vindeiro Xaneiro, intre no que agardan a Fundación aporte unha serie de «previsións de gastos» para poder contar tamén coa piscina de 50 metros.

Compartir publicación: