A San Silvestre 2022 sae a dalo todo para tentar achegarse ao seu récord de participación

125
  • A organización agarda que, se o tempo acompaña, a carreira poida regresar a acadar (ou mesmo superar) os 7.000 deportistas inscritos, unha cifra récord alcanzada nos anos anteriores á pandemia
  • As inscricións seguirán abertas de xeito gratuíto no Gastroespazo do Mercado de Abastos entre hoxe e o venres 30 de decembro en horario de 10:30 a 13:30 e de 17:30 a 20:30 horas e tamén o propio sábado 31 de 10:30 a 13:30 horas

A ‘clásica’ por excelencia para queimar os excesos das festas do Nadal, a San Silvestre, sae neste 2022 decidida a dar todo o que lle queda por dar para tentar achegarse (ou mesmo superar), se as condicións meteorolóxicas acompañan, á cifra de récord acadada antes da pandemia, no ano 2019, no que a participación se situou nuns 7.000 deportistas de diferentes categorías e grupos de idade. Despois de amosar a súa versión máis silvestre o ano pasado, ao desprazar o seu circuíto á Xunqueira de Alba, a carreira organizada pola Sociedade Ximnástica en colaboración coa Concellería de Deportes e a Deputación Provincial regresa nesta 39ª edición ao centro da cidade cun atractivo itinerario de arredor de 4 kilómetros, con saída e chegada na avenida de Montero Ríos, que dará comezo ás 17:00 horas do último día do ano e que percorrerá un circuíto pechado ao tráfico.

O espírito festivo, familiar e lúdico da proba pedestre, pioneira e unha das máis multitudinarias de Galicia, acadará temperatura de ebulición desde un ratiño antes do seu comezo, a partir das 16:15 horas, grazas a unha máster class de zumba aberta ao público, tanto para aqueles que queiran danzar como para os deportistas que desexen quecer o corpo. Ademais, como actividade complementaria, os patinadores e patinadoras que o desexen poderán saír ao final do pelotón da San Silvestre baixo as indicacións, de obrigado cumprimento, dos monitores de patinaxe, que non poderán ser adiantados: o obxectivo é dar un paseo (non competitivo) no propio percorrido, polo que non poderán adiantar aos participantes pedestres que estean disputando a San Silvestre e deberán participar de xeito obrigatorio con dorsal, casco, codeiras, muñequeiras e xeonlleiras.

A intención da organización de ir a por todas reflíctese tanto nos 9.000 dorsais impresos como na elevada implicación dos clubs deportivos de Pontevedra, que están a responder de xeito inmellorable á convocatoria da Sociedade Ximnástica e que xa aportan 347 corredores á carreira. Entre eles, destacan o Club Natación Galaico, con 73 nadadores; o Club Amigos do Baloncesto, con 107 xogadores; a Escola de Piragüismo Cidade de Pontevedra, con 96 padexeiros; a escola de fútbol Portero 2000, con 21 integrantes, e o Tenis de Mesa Monte Porreiro, con 11 tenistas.

As inscricións continuarán abertas no Gastroespazo do Mercado de Abastos entre hoxe e o venres 30 de decembro en horario de 10:30 a 13:30 horas e de 17:30 a 20:30 horas e mailo propio 31 de decembro entre as 10:30 e as 13:30 horas (https://www.sgpontevedra.com/xa-te-podes-inscribir-na-san-silvestre-2022/). Os dorsais cos que os corredores participarán na San Silvestre serán entregados no momento da inscrición, no que tamén deberá facerse entrega da tradicional doazón dun kilo de alimentos non perecedoiros que serán distribuídos a través da Rede Axuda do Concello entre as entidades sociais que máis os precisen (tamén se agradece a achega voluntaria dun euro por dorsal para sufragar os gastos da carreira e apoiar o labor da Sociedade Ximnástica).

A San Silvestre 2022 foi presentada esta mañá nun acto no que participaron a presidenta a Sociedade Ximnástica, Charo Castro; o director técnico da carreira, Víctor Riobó, e o concelleiro de Deportes, Tino Fernández, quen a cualificou como “unha das probas históricas e míticas de Pontevedra”, que “marcan o noso calendario pola enorme participación que ten tódolos anos” e que nesta edición recuperará “a tradición de percorrer as rúas da cidade e a normalidade que tanto ansiabamos”. “Fomos quen de non suspender esta proba nin sequera durante a pandemia, facendo san silvestres un pouco máis raras e un pouco máis silvestres, pero facéndoas ao fin e ao cabo. Ademais do espírito deportivo e da actividade física, a San Silvestre ten unha compoñente lúdica, de reencontrarnos todos, desfrutar dese último día do ano e pasalo ben, que é o que lle dá alma á carreira”, sinalou Fernández.

O edil socialista agarda que “o número de inscricións volva ser moi elevado”, apuntando que “en proporción á poboación de Pontevedra, a participación prepandemia na San Silvestre era das máis altas do Estado”, polo que animou a toda a cidadanía a que “o día 31 vaia, participe, o pase ben, desfrute e bote unhas risas e unhas carreiras”. “Desexar -engadiu Tino Fernández- que, na medida do posible, o tempo nos acompañe, algo complicado nestas datas… Aínda que a experiencia amosa que, chova ou vente, a xente participa igual, o que fala moito e moi ben dos veciños e veciñas de Pontevedra (enlace da saída de 2012 entre ráfagas de choiva: https://youtu.be/z7F9zHWodF0)”.

Tal e como explicou Víctor Riobó, nesta volta á normalidade, a organización parte co reto de que “a xente non se esqueza desta grande festa que teremos o día 31 de decembro” e faga posible “volver bater ese récord de 7.000 persoas alcanzado en 2019”, desfrutando en familia e correndo polo centro histórico da cidade “nun circuíto que, coa excepción dalgunha rúa, será o mesmo que no 2019”. O director da proba tamén amosou a súa intención de que “a cabeza da carreira se volva xuntar coa cola, facendo unha San Silvestre chea de corredores en todo momento, algo anecdótico e moi bonito que nos aconteceu no ano anterior á pandemia”.

Xa se inscribiron unhas 3.000 persoas

Riobó indicou que o número de inscricións xa alcanzou case as 3.000 persoas, matizando que “a xente sempre agarda ata o último momento”. Neste sentido, incidiu na importancia de que tódolos participantes retiren os seus dorsais para correr de cara a dispoñer de cobertura do seguro (gratuíto) no caso de que aconteza algunha eventualidade e a poder manter un control axeitado do pelotón.

No que atinxe ao apartado solidario da proba, Víctor Riobó tamén agarda que se poida bater o récord histórico de recollida de alimentos, xa que “antes a xente sempre traía o seu kilo na mesma xornada da San Silvestre e uns o levaban e outros non”, mentres que agora “tentamos que ese kilo de alimentos o depositen na recollida do dorsal”.

Pola súa banda, Charo Castro animou “a todo o mundo a que participe nunha San Silvestre que é especial, unha festa de familias e amigos, un momento para compartir todos xuntos e pasalo ben”. “Animo a todos -afirmou a presidenta da Sociedade Ximnástica- a pasar polo Mercado de Abastos a recoller os seus dorsais para superar esa cifra de 7.000 inscricións. Contamos con vós vémonos o 31”.

Haberá premios (trofeos) para os tres primeiros clasificados en categoría masculina e feminina e un lacón para os mellores disfraces individual e colectivo. Poderán tomar parte na proba tódalas persoas que así o desexen, sempre e cando os menores de idade estean a cargo do seu titor legal ao longo de toda a carreira, e será obrigatorio levar o dorsal ben visible, estirado no abdome, aínda que se acuda disfrazado.

Tamén será obrigatorio que tódolos deportistas saian e cheguen pola liña de saída, respectando a seguinte orde: 1º Corredores/as pedestres; 2º Deportistas menores de idade; 3º Deportistas con mobilidade reducida (carriños de nenos, cadeiras de rodas…); 4º Patinadores/as. Tódalas persoas menores de idade e con mobilidade reducida terán que situarse lonxe da primeira liña, coa finalidade de evitar incidentes que se poidan producir pola propia dinámica da carreira. O pelotón de deportistas irá escoltado por ciclistas.

O circuíto sairá da avenida de Montero Ríos e pasará por Praza de España, Alameda, Raíña Vitoria, Xeneral Rubín, Iglesias Vilarelle, rodeo da igrexa de San Xosé (peonil), Praza da Constitución (peonil xunto ao quiosco da parada do autobús a Marín), Praza de Galicia, Andrés Mellado, Peregrina, Oliva, Marqués de Riestra, Gutiérrez Mellado, Michelena, Praza da Peregrina, A Ferrería, Soportais, Praza de Curros Enríquez, rúa Real, Sarmiento, Gregorio Fernández, Praza da Pedreira, César Boente, Serra (peonil), García Escudero, rúa da Ponte, San Telmo, Barón, Praza do Peirao, Arcebispo Malvar, Condesa Pardo Bazán, Praza de Concepción Areal, Martitegui, Prudencio Landín e, de novo, Praza de España e avenida de Montero Ríos.

Xa poden descargar o regulamento da proba co mapa do percorrido a través deste enlace: https://www.sgpontevedra.com/sansilvestre/