O mal tempo obriga a adiar o Parque Aventura de Nadal impulsado pola Concellería de Desenvolvemento Sostible aos días 3, 4 e 5 de xaneiro

94
  • As actividades lúdicas darán comezo o martes 3 de xaneiro coa Busca do Elfo no contorno do paseo dos Gafos que discorre polo contorno da estación intermodal e o Día en Familia no parque da Praza de Europa, mentres que a xincana inicialmente prevista para hoxe e mañá na Illa das Esculturas trasladarase ao mércores 4 e o xoves 5 de xaneiro

O mal tempo obrigou á Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural a adiar o inicio das actividades lúdicas e pedagóxicas do Parque Aventura de Nadal organizadas en diferentes espazos verdes de Pontevedra. Deste xeito, a xincana que debía desenvolverse entre hoxe e mañá na Illa das Esculturas trasladarase ao mércores 4 (de 16:00 a 18:00 horas) e o xoves 5 de xaneiro (de 12:00 a 14:00 horas), mentres que a Busca do Elfo de Nadal no treito do paseo do río dos Gafos que discorre polo contorno da estación intermodal pasará do 30 de decembro ao martes 3 de xaneiro (de 12:00 a 14:00 horas), manténdose nesta mesma xornada o Día en Familia no parque da Praza de Europa, no barrio de Monte Porreiro (co mesmo horario, de 16:00 a 18:30 horas).


A iniciativa do departamento que dirixe o socialista Iván Puentes enmárcase dentro da estratexia de renaturalización e loita contra o cambio climático Pontevedra Flúe, que abrangue accións destinadas a que a poboación coñeza dun xeito sinxelo e divertido a riqueza e diversidade biolóxica dos ecosistemas existentes en torno aos nosos ríos. A actividade Busca do Elfo de Nadal terá como punto de inicio o entronque das rúas do Gorgullón e A Estación, entre as estacións de trens e autobuses, onde un monitor fará os labores de captación de xente, e nela pedirase a participación da cidadanía, principalmente dos máis mozos, para localizar un pequeno elfo que se perdeu despois da visita de Papá Noel e que está tentando atopar o seu fogar.

Os participantes irán atopando algunhas pistas facilitadas polas súas aliadas, ‘as árbores’, que se lles presentarán e daranlles algunhas indicacións. Con estas probas, ademais de desfrutar dun sendeiro marabilloso en pleno treito urbano, irán coñecendo diferentes especies vexetais de grande importancia na nosa biodiversidade vexetal como o loureiro, o bidueiro, o acivro, o salgueiro ou o carballo. Asemade, aproveitarán diferentes elementos do contorno para coñecer a biodiversidade animal, como niños naturais e caixas niño artificiais para aves e morcegos. Ao finalizar a actividade, cando o río desaparece baixo a rúa Alcalde Hevia, poderán atopar un abeto, árbore típica de Laponia, lugar nativo do noso querido elfo. Alí colocarase un boneco con forma de elfo. Tras atopalo, un monitor fará entrega dunha planta como agradecemento por axudar na súa busca.


O Día en Familia no parque da Praza de Europa abrirase o martes 3 de xaneiro ás 16:00 horas cunhas verbas do concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural e do presidente da Mancomunidade de Montes de Pontevedra, Iván Pérez, para sensibilizar aos presentes sobre a importancia do mantemento dos nosos parques e xardíns para acadar un benestar colectivo. Música e xogos populares protagonizarán unha xornada lúdica na que os premios consistirán en diferentes variedades de plantas e que se prolongará ata as 18:30 horas.

Unha xincana que incluirá un rastrexo de follas e a busca de caixas niño

Unha xincana dirixida a toda a familia poralle o colofón a este Parque Aventura de Nadal na Illa das Esculturas o mércores 4, de 16:00 a 18:00 horas, e o xoves 5 de xaneiro, de 12:00 a 14:00 horas. Seguindo as indicacións dos monitores, os participantes deberán completar catro puntos:

  1. Rastrexo de follas. Un monitor informará e fará os labores de captación das persoas interesadas en participar, dispoñendo dun pequeno stand nas inmediacións da ponte do Covo (pasarela peonil) coas indicacións da xincana. A primeira proba consistirá en recoller follas de cando menos sete especies de plantas diferentes presentes ao longo de todo o percorrido, como poden ser carballos, rebolos, plataneiros, magnolios, eucaliptos ou carballos americanos. Para facilitar a súa identificación, un monitor amosará unha plantilla con información destas especies. Ademais, deberán sacarlle unha foto á planta que lle dá nome ao lugar no que se atopan, A Xunqueira, e amosarlla ao monitor ao finalizar a actividade para recibir un obsequio.
  2. Creatividade e divertimento con recursos naturais. Aproveitando diferentes recursos como paus, froitos ou pedras, os máis pequenos deberán facer formas que os monitores lles indiquen, así como tentar superar unha proba que estes lles plantexen, consistente en empregar recursos alí presentes para xerar cousas de utilidade (por exemplo, recoller caperuzos de belotas para empregalos como chifres).
  3. Buscadores de caixas niño. Na zona do eucaliptal hai media ducia de caixas niño instaladas nos eucaliptos que, nalgúns casos, teñen a peculiaridade de ter personaxes de madeira no seu interior: dous son idénticos, un posúe uns prismáticos… E outras caixas están baleiras. Os participantes deberán responder ao monitor alí presente onde están cada unha das personaxes e cantas das caixas están dispoñibles para as aves.
  4. Entendendo a arte. A Illa das Esculturas é o maior museo ao aire libre de Galicia e, xunto ao eucaliptal, hai unha obra de arte chea de simbolismo chamada ‘Os 36 xustos’, de Fernando Casás, que consiste en 36 esculturas que simulan troncos de árbores queimadas e cortadas e que fan referencia a unha historia da tradición hebrea segundo a cal 36 persoas de diferente relixión, orixe, clase e raza foron escollidas para manter o equilibrio entre a vida e a morte. O autor pretende criticar que o eucalipto acaba desprazando ás especies que ten ao seu arredor. A súa mensaxe descomporase en diferentes partes que se colocarán en esculturas próximas ás caixas niño da actividade anterior e, cando se teñan tódalas partes, deberán darlle sentido á mensaxe.