A HobbyPont recupera o seu formato presencial e anima a todo o mundo a participar na creación dun videoxogo en menos de 48 horas 

27
A cita celébrase baixo o paraugas da Global Game Jam, un evento en liña no que participan miles de creadores e creadoras do mundo nesta sesión maratoniana que comezará o venres 3 de febreiro
O Concello anima a achegarse até o Centro Leste, o venres ás 17 horas, pois non só fan falta programadores para crear un videoxogo, senón guionistas, debuxantes, músicos… 

O concelleiro de Novas Tecnoloxía, Alberto Oubiña, presentou esta mañá a cuarta edición da Global Game Jam, que en Pontevedra toma o nome e transcendencia como a HobbyPont, cita que alcanza o seu segundo ano de celebración e que está programada para o vindeiro venres, 3 de febreiro.

O Concello colabora coa organización deste evento, que pode ser recuperado de novo, pandemia polo medio —a primeira edición foi no ano 2020—. A Casa Azul, espazo inicial desta cita, cambia polo Centro Leste, no barrio da Parda. 

Cómpre indicar que a Global Game Jam é un evento que se celebra ao redor do mundo, paralelamente, e cun triplo formato: presencial, en liña ou mixto. Pontevedra propón un formato mixto. En que consiste? En crear un videoxogo en 48 horas. O venres comezará a jam —nome que reciben este tipo de actividades, por mor do seu carácter de improvisación e resolución de problemas sobre a marcha— e os participantes terán até o domingo, até ás 17 horas deste día, para presentar os traballos.

«É un evento que se desenvolve en máis de 700 localizacións en todo o mundo de xeito paralelo. Animamos a todo o mundo que participe na de Pontevedra. No ano 2020 participaron preto de 48.000 persoas. Cantas participarán este ano? Nós propoñemos un máximo de 50 participantes desde a Boa Vila, unha cifra correcta e realista para a cidade», indicou Oubiña. «Quen pode participar? Programadores e deseñadoras parece evidente, pero a creación dun videoxogo tamén implica guionistas, músicos, debuxantes… Calquera persoa que o desexe e teña curiosidade pode participar, realmente. Só ten que estar no Centro Leste, ás 17 horas, e iniciarse no proceso».

O Centro Leste permanecerá aberto todo o tempo que dure a actividade, é dicir, de xeito ininterrompido durante 48 horas. Tal é como indica o edil de Novas Tecnoloxías, mesmo está permitido «botar unha cabezada» nun saco de durmir nunha sala que estará habilitada no lugar ou acudir até a súa casa para coller folgos nesta sesión maratoniana. 

Haberá dúas alturas ou modelos á hora de participar: entre 12 e 17 anos (só en liña) e de 18 (ou menores acompañados) até o infinito. A ligazón de inscrición para a participación é a seguinte: https://globalgamejam.org/2021/games/lost-north-7

Evelio Sánchez, pomotor da HobbyPont, explicou que é unha sorte poder recuperar a presencialidade desta cita e «darlle continuidade a aquela primeira edición presencial». «Esta é a única ubicación na Galiza, e xa temos confirmada a presencia de xente que virá desde Ourense e outros puntos da comunidade. Atoparse nunha contorna presencial é realmente importante, fai que a xente se mova e que o pase ben».