As Rutas Saudables regresan para axudar aos pontevedreses a combater o sedentarismo

41
  • A IV edición dos roteiros impulsados pola Asociación Española Contra o Cancro en Pontevedra en colaboración coa Concellería de Deportes e Saúde coa finalidade de promover hábitos de vida saudables dará comezo o vindeiro 23 de febreiro e desenvolverase tódolos xoves, durante 12 de semanas, en dous grupos (10:30 e 17:00 horas)
  • A actividade ten carácter gratuíto, con prazas limitadas, polo que tódalas persoas interesadas deberán inscribirse previamente a través do teléfono gratuíto e 24 horas 900 100 036, ou ben de xeito presencial na sede da Asociación (rúa Eduardo Pondal, 64A, baixo)

A Asociación Española Contra o Cancro en Pontevedra porá en marcha o vindeiro 23 de febreiro, en colaboración coa Concellería de Deportes e Saúde, a IV edición das súas Rutas Saudables, unha iniciativa especialmente dirixida ás persoas sedentarias pero aberta a toda poboación e que ten como principais obxectivos loitar contra o sedentarismo e fomentar hábitos de vida saudables. A actividade desenvolverase durante un total de 12 semanas, con distintos itinerarios pola cidade que se irán alternando, incluíndo contornos como a Xunqueira de Alba, o río dos Gafos, a avenida de Marín, a Illa das Esculturas ou o Miradoiro de Monte Porreiro.

Segundo explica a técnica de Prevención da Asociación Española Contra o Cancro en Pontevedra, Rebeca Castro, “coa finalidade de garantir a participación e a adherencia aos roteiros, entregaráselle a cada participante ao inicio do programa un pasaporte para ir selando cada percorrido ao que asista”. Haberá dous grupos, sempre guiados por un voluntario/a: tódolos xoves, ás 10:30 e ás 17:30 horas, cunha duración prevista de hora e media.

Ademais, tal e como apunta a coordinadora do programa, “agardamos contar con profesionais de distintas áreas, que acudan como acompañantes a algunhas das andainas, para impartir charlas ou desenvolver actividades vencelladas coa saúde”.

Esta iniciativa ten carácter gratuíto, con prazas limitadas e aberta a todas aquelas persoas que desexen iniciarse nunha actividade beneficiosa para a saúde. Os interesados deberán inscribirse previamente, ata completarse as prazas, a través do teléfono gratuíto e 24 horas 900 100 036, ou ben de forma presencial na sede da Asociación en Pontevedra (rúa Eduardo Pondal, 64A, baixo).

O concelleiro de Deportes e Saúde, Tino Fernández, lembra que “o sedentarismo é un dos catro factores de risco máis importantes para a saúde, sendo o culpable do 6% das mortes en todo o mundo, ademais de incrementar o risco de cáncer de colon e de mama entre un 20 e un 25%”. Non obstante, a Organización Mundial da Saúde recomenda aos adultos dedicar cando menos 150 minutos semanais a realizar exercicio físico moderado e os hábitos de vida saudables reducen o risco de padecer un cancro nun 40%, ademais de reportar múltiples beneficios como mellorar a flexibilidade e forma físico.