O Concello inicia o proxecto para a construción dun pavillón e un módulo de ximnasia na Parda 

99
Está previsto un investimento de 14,5 millóns de euros, o que sería o maior investimento deste tipo nunha soa instalación en toda a historia da cidade
Todos os deportes de pista cuberta terán un novo espazo onde adestrar e onde competir a nivel internacional, contando con espazos de seu disciplinas como a ximnasia ou a escalada 

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, acompañado do concelleiro de Deportes, Tino Fernández, anunciou esta mañá o inicio do proxecto para a construción dun pavillón é un módulo de ximnasia na Parda. Trátase dunha actuación que non só permitirá a creación dunha nova instalación deportiva na Boa Vila, senón que traerá consigo a urbanización dun espazo degradado, ao carón da estación do ferrocarril, o que incluirá zonas verdes, zonas de esparexemento, un parque infantil e un novo aparcadoiro.

«O ano pasado foron celebrados en Pontevedra un total de 25 eventos deportivos de alto nivel, nos que entran campionatos de España, Copas de Europa ou Campionatos do Mundo. A maior parte destes eventos realizáronse en recintos pechados. Non é un feito illado, e supuxo a recuperación, tala crise sanitaria, desa aposta tomada hai xa unha década na que Pontevedra optou por ver o turismo deportivo como unha liña estratéxica de traballo e xestión municipal», explicou o edil de Deportes. «Coido que foi algo que nos deu grandes éxitos a nivel deportivo, económico e mesmo promoción internacional da nosa cidade. Non se pode falar de turismo en Pontevedra sen recoñecer a importancia que ten o turismo deportivo, é dicir, os eventos deportivos de alto nivel».

Segundo confirmou Tino Fernández, Pontevedra xa ten pechados, para este 2023, dez citas deportivas desta clase, amais dun de relevancia mundial como é a Gran Final das Series Mundiais de Triatlón. Esta cifra, previsiblemente, aumentará ao longo dos vindeiros meses. 

Doutra banda, o edil lembrou que «ducias de clubes utilizan as instalacións deportivas municipais decotío: adestramentos, competicións… Temos máis de 60 clubes que acoden ás subvencións municipais cada ano, unha cifra moi por riba de calquera cidade do noso tamaño. A Boa Vila ten a necesidade, polo tanto, de seguir ampliando os equipamentos deportivos e as súas instalacións. Así se vén facendo nos últimos anos e así deberá seguir. A posta en marcha dun proxecto para a construción dun pavillón e un módulo de ximnasia na Parda, xunto con outras actuacións de mellora xa existentes, farán de Pontevedra unha cidade aínda máis competitiva con espazos de maior calidade para os seus deportistas».

O alcalde, pola súa banda, quixo deixar claro que hoxe, 9 de febreiro, o Concello dá o pistoletazo de saída á construción do novo pavillón da Parda, e que se traduce no investimento deportivo e urbanístico máis importante que terá a cidade nos vindeiros anos. É un proxecto «complexo», en palabras do rexedor, «que ten varias vertentes».

«Partimos dun orzamento superior aos 14,5 millóns de euros. Son os datos que manexamos, estamos pendentes dun estudo de viabilidade económica, pero partimos desa idea, o que sería o maior investimento, nunha soa instalación, que se fixo nunca na cidade», explicou Lores. «Engadiríalle catro hectáreas de espazo público ao seu redor, o que implicaría abrir a cidade na zona Leste, con dotacións que van desde espazos verdes, de esparexemento, un parque infantil, e aparcadoiro, amais da nomeada instalación».

O Concello xa ten sobre a mesa o proxecto de urbanización da zona ao carón das vías do tren e os Xulgados, que mudará completamente o seu aspecto e expandirá a cidade. Na actualidade, o Concello está elaborando os pregos para o anteproxecto, unha peza fundamental que permitirá, de xeito inminente, facer o estudo de viabilidade económica do proxecto unha vez construído. «Tamén modificamos o plan de necesidades, que inclúe un pavillón multideporte cunha pista de 1.500 metros cadrados que podería ser partida en dúas e até 3 pistas, incluíndo gradas telescópicas para facer eventos distintos e variados, segundo o caso, cunha ampliación da grada no caso de ser preciso».

Tal e como explicou o alcalde, o pavillón principal e as súas pistas levarían anexo outro pavillón de ximnasia de 1.400 metros cadrados, cunha altura mínima de 10 metros, «máis é posíbel que algunha zona teña 12, para poder facer competicións deportivas, e contaría cunha grada de 200 asentos. E no caso de haber unha competición internacional, usar o pavillón principal».

O rexedor tamén quixo facer referencia á escalada, sinalando que tamén estará prevista a instalación dun equipamento nese sentido, engadindo unha zona de escalada cunhas características especiais, que superarán por moito o que a día de hoxe ofrece o pavillón multiusos da Xunqueira. «Teremos un rocódromo actual, que contemplará tanto adestramento como competición. Falamos dunha instalación duns 800 metros cadrados e dunha altura de 15 metros».

«Queremos cubrir as necesidades deportivas, xa sexan de adestramento ou de competición, que os clubes da cidade teñen a día de hoxe e que poden ter no futuro. O Concello tiña unha débeda coa ximnasia da que non fomos quen, até o de agora, de sacar adiante. Temos folla de ruta, teremos pronto anteproxecto e sacaremos un concurso de obra pública e xestión desta instalación. Xa non hai volta atrás. Pontevedra contará cun novo pavillón que garante cubrir as necesidades deportivas da cidade», indicou Lores, que tamén recoñeceu que a intención de facer este proxecto xa viña de moi atrás, e houbo que facer «moitas cousas» antes de poder levalo a cabe, fosen estudos previos ou mesmo expropiacións, priorizando tamén os proxectos con fondos Next Generation, que non cobren as instalacións de nova creación. «Neste momento o que queremos deixar claro é que isto é un pistoletazo de saída, hai proxecto, non hai volta atrás e será unha instalación exemplar, modélica e que lle ofrecerá un salto de calidade a Pontevedra na práctica deportiva»