Desenvolvemento Sostible activa as obras de construción do primeiro parque de xogos de auga de Pontevedra

286
  • O portavoz municipal do PSOE, Iván Puentes, agarda que os pontevedreses poidan desfrutar da nova área de lecer, situada no parque Rosalía de Castro (na ribeira do Lérez que discorre polo Paseo de Rafael Areses), “a partir desta primavera”
  • O proxecto, adxudicado á firma Vortex cun orzamento de 309.929 euros e incluído dentro da estratexia de renaturalización Pontevedra Flúe, tamén contempla a creación dunha zona de xogos tradicionais presidida por espectacular castelo

A Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, que dirixe o socialista Iván Puentes, acaba de activar as obras que permitirán crear o primeiro parque de xogos de auga de Pontevedra. Operarios e máquinas da firma Naturgalia iniciaron esta mañá no parque Rosalía de Castro, nunha parcela de 3.400 metros cadrados situada cara á ribeira do río Lérez que discorre polo Paseo de Rafael Areses (entre as pontes de Santiago e Os Tirantes), esta demanda actuación, adxudicada á empresa especializada Vortex Estruturas Acuáticas SL por un orzamento de 309.929,80 euros.

Os traballos, que contan cun prazo de execución de dous meses e medio e que están enmarcados dentro da estratexia de renaturalización de ríos e espazos naturais e loita contra o cambio climático Pontevedra Flúe, permitirá a dotación dunha singular área de lecer dotada de chorros, difusores e elementos pensados para as familias e para nenos e nenas de tódalas idades. Iván Puentes, que se achegou esta mañá ata a zona para supervisar as actuacións, agarda que, se o tempo acompaña, “os pontevedreses e pontevedresas poidan desfrutar a partir desta primavera dunha área de lecer única, que tamén contará cunha zona de xogos tradicionais elaborados en madeira de robinia de 625 metros cadrados, semellante á existente no parque das Palmeiras e presidida por un enorme castelo”.

O novo parque de xogos de auga ocupará unha superficie de 225 metros cadrados e disporá dunha enorme cantidade de funcións de xogo, con diversos tipos de difusores, chorros e formas de auga (de elementos con texturas de auga suave a outros con maior caudal de auga, interactivos e con efectos visuais), que se distribuirán en tres áreas: unha zona de xogo en familia, unha para os máis pequenos e outra para nenos de máis idade. Á hora de efectuar a adxudicación da obra tivéronse en conta os criterios de deseño, as solucións técnicas, as posibilidades de xogo e a capacidade (cantidade de rapaces que poden xogar ao mesmo tempo) dos elementos, tanto no que atinxe aos xogos de auga como aos ‘tradicionais’, así como as numerosas melloras ofertadas por Vortex e que están valoradas en 43.340,37 euros: o prazo de execución dos traballos redúcese dos catro meses recollidos no prego de condicións a dous meses e medio; o prazo de mantemento proposto é de 48 meses, o máximo recollido no prego, e incorpóranse numerosos xogos e elementos complementarios en ámbolos parques, incrementándose a superficie da nova área de lecer.

Tal e como apunta o portavoz municipal do PSOE, “seguindo a filosofía da estratexia Pontevedra Flúe, o parque disporá dun circuíto de auga ecolóxico, con activadores que permitirán activar a secuencia de auga dos xogos e que controlarán o consumo de auga, axudando a reducir o gasto innecesario”. Entre os elementos que se instalarán inclúense unhas Led Lights de cores vermello, verde, azul e branco cálido puro que crearán impresionantes efectos de iluminación e que estenderán as horas de uso; canóns Tube con rotación de 360º; un arco Spray Loop que xerará unha suave bruma de auga; uns soportes Helio 6, con seis chorros xiratorios para crear chaparróns refrescante, e Helio 3, con tres chorros para xerar unha nube de choiva; un xogo táctil para nenos Pico 2, con texturas únicas e un pivote acuático interactivo para iniciar ou deter o caudal de auga, e brazos Silhouette No1 cun cativante efecto de campá de auga.

Unha chamativa iluminación con luminarias led de baixo consumo

A intervención prevé ademais unha mellora paisaxística de todo este contorno, con cores naturais perfectamente integrados na zona verde, novo mobiliario e espazos de confort e unha proposta enerxéticamente eficiente e sostible, coa instalación dunha chamativa iluminación con luminarias led de baixo consumo.


Os xogos de auga estarán fabricados para ter unha gran durabilidade e resistir condicións ambientais desfavorables e actos vandálicos, empregándose materiais como o aceiro inoxidable e o cobre, tratándose con pinturas especiais e montándose con parafusos antivandálicos. O tratamento da auga do novo parque levarase a cabo mediante un sistema automático de depuración formado por unha bomba de filtración, un filtro de area e equipos de dosificación, aplicándose un filtrado e unha achega de produtos químicos que garantan que estea en condicións de cloro, PH e limpeza para un baño totalmente seguro; un controlador químico realizará lecturas da calidade da auga, enviando estas lecturas a un ‘autómata’ e detendo a bomba no caso de que esta non cumpra cos parámetros establecidos. Tódolos xogos estarán fabricados segundo a Norma Europea EN1176, con aceiro inoxidable, e dotados dun sistema de protección de pés para evitar que esta parte do corpo poida danarse ao xogar.


A superficie da zona de xogos de auga terá unha lixeira pendente para evitar a formación de charcos (do 1 ao 2% cara os sumidoiros de recollida de augas). O pavimento das áreas húmidas executarase con materiais impermeables, imputrescibles e resistentes a produtos químicos de tratamento de auga, coa finalidade de impedir a formación de fochas e a proliferación de microorganismos. Tamén será anti escorregóns en estado húmido, para previr esvaróns dos usuarios, e cunha rugosidade que non moleste ou fira as plantas dos pés descalzos.

O proxecto contempla a creación dun parque de xogos ‘tradicionais’ a carón do de xogos de auga, que terá como peza estrela un enorme castelo que, ao igual que o resto dos elementos que o conformarán, estará construído en madeira de robinia, altamente duradeira e capaz de resistir a intensas condicións climatolóxicas e de uso e provinte de plantacións baixo manexo forestal responsable e sostible. O espectacular castelo disporá de numerosas opcións de xogo a nivel do chan e elevado, permitindo que unha variedade de idades xoguen xuntas e convidando a toda a familia.

Este parque disporá de tres pórticos de bambáns variados, desde o bambán-cesto ata outros para nenos con diversidade funcional ou problemas de mobilidade (como un carrusel), así como de elementos para escalar e adestrar o equilibrio e a coordinación, goridas, ventás con barrotes e un tobogán. Entre as melloras que ofertou a empresa adxudicataria tamén se incluíu un circuíto de redes e xogos motrices e de equilibrio, do estilo dos que existen no parque infantil das Palmeiras. Os xogos faranse cun acabado en cores naturais, polo que toda esta área de lecer estará perfectamente integrada no contorno.