- Os equipos infantil e cadete dos clubs SD Teucro, Balonmán Sanxenxo, CB Cisne e Balonmán Moaña de categorías masculina e femenina mediranse o sábado 18 de febreiro desde as 10:30 horas no VI Torneo Base Azul
A canteira do balonmán pontevedrés exhibirá o seu talento esta fin de semana na VI edición do Torneo Base Azul, organizado pola SD Teucro en colaboración coa Concellería de Deportes. Trátase dunha competición cuadrangular na que participarán os equipos infantil e cadete do club teucrista e os dos conxuntos de Sanxenxo, Moaña e mailo Cisne, que medirán as súas forzas no Pavillón Multiúsos da Xunqueira desde as 10:30 horas do sábado 18 de febreiro.
O torneo estará aberto ao público, con entrada de balde, e permitirá que os afeccionados ao balonmán desfruten vendo a calidade das futuras xeracións deste deporte con tanto arraigo na cidade. Nel participarán entre 140 e 150 mozos e mozas.
O evento deportivo foi presentado esta mañá no Concello nun acto no que participaron o concelleiro de Deportes, Tino Fernández; o responsable da base do Teucro, Fran Barco; a auxiliar técnica do equipo, Rosi Vilaboa, e o delegado da entidade, Javier Domínguez. O edil socialista asegurou que o seu departamento é moi consciente “da importancia que teñen a base e os clubs de Pontevedra á hora de falar de deporte…”. “O ano pasado -apuntou Fernández- tivemos 25 eventos de alto nivel, 9 dos cales foron campionatos do mundo, algo que non sucedía dende Barcelona 92 en todo Estado. Este ano temos xa programados 10 eventos de alto nivel e somos conscientes de que todo iso é posible, non só porque sexamos capaces de organizalo, senón porque temos detrás de nós unha masa crítica que son os clubs de Pontevedra e que nos axuda a visibilizar unha cidade volcada co deporte”.
Por outra parte, durante a súa intervención, Fran Barco fixo referencia aos obxectivos e aos motivos que os empurraron a botar a andar este proxecto, amosando o seu desexo de que “os nenos e nenas o pasen ben, desfruten e se relacionen entre eles, que é o que nos importa”. Barco indicou que os primeiros partidos deste cuadrangular darán comezo ás 10:30 horas, cos encontros de cadetes e infantís masculinos (repartidos entre as pistas un e dous), finalizándose a xornada co acto de entrega de premios ás 14:00 horas.