Pontevedra volve colocarse como referente deportivo ao ser sede esta fin de semana da Liga Nacional de Karate Cadete e Senior 

32
Máis de 700 participantes, entre as categorías masculina e feminina, pasarán polo Pavillón Municipal dos Deportes ao longo das xornadas do 18 e 19 de febreiro 

Pontevedra quere e continuará sendo unha cidade próxima ao deporte acollendo a Liga Nacional de Karate R.F.E.K, que se celebrará este fin de semana no Pavillón Municipal dos Deportes. O evento comezará o sábado 18 e rematará o domingo 19, dúas intensas xornadas de competición e deportividade.

O presidente da Federación Galega de Karate, Óscar Lafuente, agradeceu a presenza do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, así como o apoio do Concello de Pontevedra a este tipo de citas. «É o terceiro evento que facemos nesta cidade e sempre resultou nun éxito. Froito das primeiras competicións pensamos e acordamos o compromiso de celebrar un evento de karate de carácter anual na cidade e aquí estamos, como en casa. Este ano celebraremos a Liga Nacional das categorías Cadete e Senior, con case 700 participantes, moi parella entre homes e mulleres», indicou.

«Como presidente da Federación Galega estou moi orgulloso de ter un evento nacional deste tipo en Galicia, agradecer a confianza que deposita en nós a Federación Española e comentar a boa saúde da que goza o karate no país a día de hoxe. Como dato, dicirvos que este 2022 temos 3.300 licenzas; teríamos que ir 25 anos atrás para ver ese número dentro da Federación. Estamos fortes, despois da pandemia esta disciplina rexurdiu e celebrar eventos deportivos coma este contribúen a esa nova forza», finalizou

Pol súa banda, o presidente da Federación Española de Karate, Antonio Moreno, lembrou a importancia de que Pontevedra arriscara e fose sede de anteriores citas en plena pandemia. «Cremos que Pontevedra debe ter un evento deste tipo cada ano, e así teremos o ano que vén o Campionato de España. Oxalá, e con calma, no 2025 poidamos ter un evento internacional do máximo nivel», sinalou.

«En Pontevedra sentímonos como na casa. Encántame Pontevedra. O casco histórico.. é xenial pasear por esta cidade», explicou Moreno. 

O alcalde indicou que participarán 135 clubs de todo o Estado, dos que 14 clubs e 39 deportistas son galegos, dous deles subcampións de España sénior na categoría 55 e 67 quilogramos, Ruth Lorenzo Couso e Xavier Santos Veiga. 

«A nós encántanos facer todo tipo de competicións, e sempre temos as portas abertas á hora de acoller eventos deportivos», comentou Lores. «Hai interese en vir a Pontevedra. Ten encanto. É unha cidade pensada para as persoas, é fermosa, é cómoda para os visitantes neste tipo de citas e temos moitas cousas que ofrecer».