Escalada en Feminino para exhibir a forza e determinación das mulleres ante o rocódromo 

147
  • No marco do 8M, a Facultade de Ciencias da Educación e o Deporte do Campus Universitario de Pontevedra e o Pavillón Multiúsos da Xunqueira acollerán unha xornada de escalada dirixida ao público feminino maior de 5 anos
  • A celebración deste evento, organizado polo club Aromon en colaboración coa Concellería de Deportes, a Deputación Provincial e a Universidade de Vigo, resposta a unha alta demanda de solicitudes de inscrición nas Escolas Deportivas Municipais (EDM), onde se rexistraron 193 solicitudes para 60 prazas dispoñibles

O deporte da escalada é sen dúbida unha metáfora perfecta da forza e determinación que as mulleres teñen que despregar para superar os escarpados riscos da loita pola igualdade real. No marco do 8M, Día Internacional da Muller, os rocódromos da Facultade de Ciencias da Educación e o Deporte do Campus Universitario de Pontevedra e do Pavillón Multiúsos da Xunqueira acollerán a primeira xornada de escalada dirixida ao público feminino maior de 5 anos, unha iniciativa impulsada polo club Aromon Pontevedra Montañeiros A Roelo en colaboración coa Concellería de Deportes, a Deputación Provincial e a Universidade de Vigo.

O evento, que terá lugar o sábado 4 de marzo, xorde como resposta á alta demanda de solicitudes de inscrición nas Escolas Deportivas Municipais (EDM), que nesta edición rexistraron 193 solicitudes para as 60 prazas que había dispoñibles en escalada. O aumento da demanda entre o público feminino e, por outra banda, o interese en dar a coñecer e incentivar este deporte entre as rapazas e mulleres, son algúns dos factores que motivaron a celebración desta xornada.

A actividade, que se impartirá en grupos dun máximo de 20 persoas, dará comezo o sábado pola mañá no rocódromo da Facultade de Ciencias da Educación e o Deporte do Campus Universitario de Pontevedra. As sesións terán unha duración dunha hora e media, polo que haberá dúas quendas en horario de mañá: unha das 10:30 ás 12:00 horas e outra das 12:00 ata as 13:30 horas.

Xa pola tarde, a Escalada en Feminino trasladarase ao rocódromo do Pavillón Multiúsos da Xunqueira e as interesadas en asistir tamén disporán de dúas opcións: das 16:30 ás 18:00 horas ou desde as 18:00 ás 19:30 horas.

Ao longo da sesión explicarase como poñer adecuadamente o material necesario para realizar a actividade, como subir e baixar o rocódromo e realizaranse exercicios para prepararse para a práctica deste deporte. Aquelas mulleres interesadas en participar na actividade, promovida tamén con motivo do Día Internacional da Muller, poderán inscribirse ata o 1 de marzo e debe realizarse a través desta ligazón: https://docs.google.com/forms/d/e/1FAIpQLSdMmSGqmlTK8AWB3_ebtKy6BtbFloeZ4XAsv9HfemlER8HRzg/viewform.

A iniciativa foi presentada esta mañá no Concello nunha comparecencia na que participaron o concelleiro de Deportes, Agustín Fernández; a deputada provincial Ana Laura Iglesias; a presidenta do club Aromon, Carmen Iglesias; a profesora da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte do Campus de Pontevedra Águeda Gutiérrez, vogal de Escalada e do comité organizador; Anxela Pedrouso, do comité organizador; Mirian Caíña, do comité colaborador, e Sara Ricoy, vogal de Comunicación, acompañadas por Manuel Beloso, vicepresidente e tesoureiro, e Raúl Sánchez, secretario.

O proxecto do futuro Pavillón da Parda modificouse para incluír un rocódromo

Tal e como asegurou Tino Fernández, “trátase dunha oportunidade idónea para as interesadas en iniciarse neste deporte, xa que non se precisa experiencia previa e haberá niveis adaptados ás capacidades físicas de cada persoa”. Na súa opinión, “temos que acostumarnos a falar do deporte en feminino en xeral, non só polo Día da Muller, senón durante todo o ano”, xa que “iso ten os seus logros en forma de maior presenza feminina no mundo do deporte e a actividade física”. “Cando un está pendurado nunha parede -apuntou Fernández- está a traballar o aspecto físico, pero tamén desafogando e limpando a súa mente. A escalada é porcentualmente o deporte que máis crece nas EDM, por enriba de calquera outro. É unha barbaridade absoluta comparada con outros deportes. Ata tal punto que fixo que tiveramos que modificar o noso proxecto do futuro Pavillón da Parda para incluír nel un rocódromo”.

A deputada provincial Ana Laura Iglesias salientou a importancia desta xornada afirmando que “a porcentaxe de mulleres que practican este tipo de deportes aínda é demasiado baixo e resulta imprescindible demostrar que as mulleres podemos ter unha representación moi importante, tamén na escalada”. “Faime tremendamente feliz -dixo Iglesias- saber que nas categorías máis cativas, a porcentaxe de nenos e nenas está equilibrada. É unha moi boa nova, posto que quere dicir que está mudando a percepción deste tipo de deportes na rapazada e que poderemos contar no futuro con grandes mulleres nesta disciplina. A escalada non deixa de ser un deporte de superación, no que hai que superar os límites verticais paso a paso, posición tras posición, o que entra en simbiose co 8M, que simboliza esa loita por seguir acadando esas metas que ás veces semellan imposibles, pero que esforzo tras esforzo seguimos a conquerir… Animamos a todas, desde as máis cativas ata as maiores, a que veñan probar a escalada o 4 de marzo, porque estou segura de que máis de unha se vai enganchar”.

A presidenta do club Aromon, Carmen Iglesias, asegurou que esta iniciativa pretende “facer visible a escalada nas mulleres”, ao seren un eido “que está un pouquiño masculinizado, sobre todo nos máis adultos”. Segundo indicou a vogal de Escalada do club e profesora universitaria Águeda Gutiérrez, a xornada está a ter “unha aceptación tremenda, coa inscricións (ata a data) dunhas 150 mulleres de entre 5 e 65 anos, das que só poderemos atender a unhas 85 nesta edición”. “En adultos, o club -incidiu Gutiérrez- só ten agora mesmo un 28% de mulleres escalando. Nas EDM está moi igualado, xa hai moitísimas nenas escalando, o que é moi gratificante, e precisamente por iso xurdiu a idea de dar este paso cara adiante coa Escalada en Feminino, e de dalo como reivindicación polo Día da Muller”.